Da importancia dos coidados e as persoas maiores

CC-BY-SA LMoonlight

A miña avoa Herminia viviu a guerra de nena. A guerra acostumouna ao medo e á paciencia diarios, puxo fin á súa escolarización (que apenas durou dous anos) e fíxoa valorar, ante todo á familia e aos veciños e veciñas. Con máis de noventa anos, recitaba coa súa irmá unha ratafía interminable de nomes de nenos e nenas e e de adultos novos e vellos, que vivían ou viviran no seu barrio da infancia e dos que atesouraban toda sorte de historias coas que pasar as interminables tardes de chuvia e inverno.

A miña avoa Herminia viviu a guerra de nena. A guerra acostumouna ao medo e á paciencia diarios, puxo fin á súa escolarización (que apenas durou dous anos) e fíxoa valorar, ante todo á familia e aos veciños e veciñas

A miña avoa Herminia viviu os tempos longos da fame; traballou dende moi nova picando caolín para unha fábrica de cerámica, non deixou de ir co seu sacho a mariscar na enseada da ría, coidou da miña nai en xornadas esgotadoras, agardou polo meu avó no peirao de Vigo a que viñera dos seus embarques transatlánticos e ensinoume a ter unha despensa para a malas rachas chea de comida, de coidados e de palabras. Sabía cando había lúa para plantar e de onde viñan o ventos. Pasamos xuntas un cancro; ela non o soubo, eu si o sabía. Ela non curou, eu si. Ningunha das dúas vivimos a enfermidade loitando; vivímola coidándonos e deixando que nos coidaran. Non nos sentimos valentes senón vulnerábeis, así que nos apertabamos moito. Compartimos palabras e inquietudes, e puiden coidala un pouquiño mentres morría nunha cama dun hospital público na que as enfermeiras e a médica deixáronme despedirme dela pouco a pouco, con dignidade, porque sabían que era importante e necesario.

Lémbrome moito dela estes días: porque me legou as súas palabras para que as compartira en tempos duros coma este; porque a súa maneira de apertarme foi a súa mellor herdanza; porque me ensinou que coidar da familia, ante todo, e da comunidade, despois, son o máis importante. Non estamos en tempos de guerra, estamos en tempos de coidado. Non fai falta disciplina, senón agarimo e sentido cívico. As nosas persoas maiores non son prescindíbeis, nin valen máis que ningún emporio. Son o máis prezado que temos porque viviron tempos peores que este e saben a importancia de estamos xuntos/as, de coidarnos entre nós, e de sobrevivir en tempos escuros.

Non estamos en tempos de guerra, estamos en tempos de coidado. Non fai falta disciplina, senón agarimo e sentido cívico

A miña avoa morreu hai un ano, cando xa pasara a metade do inverno. Pero se hoxe vivira estaría tranquila por saber que podería ir a un hospital público se o precisabamos. Sei que me apertaría moi forte, que coidaría de min e dos demais e que desdobraría, pouco a pouco, o seu almanaque de lúas e de palabras para a primavera.

Vou pensar nela moito estes días e agardar a que florezan, outra vez, as rúas e as flores da herba dos tellados que vexo dende a miña fiestra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.