A Rede Natura é un cúmulo de boas intencións para protexer hábitats singulares impulsado dende a Unión Europea. Sobre o papel, a letra é bonita; na práctica, e ao ser aplicada na Galicia, a Rede Natura semella contaxiarse da nosa idiosincrasia. Se cadra, o caos na ordenación do territorio que atesoura o noso país sexa un patrimonio cultural a conservar, non o sei. Agardando que a miña ignorancia nestas cuestións sexa escusable, quixera botar man dun par de exemplos que ilustran a creatividade coa que se aplica a Rede Natura no noso país. E é que o arbitrio sempre tirou da imaxinación para xustificar o inxustificable; como a miña ignorancia, reitero.
O primeiro exemplo vén das terras do medio, en concreto, de Melide. Neste concello coruñés, a chaira da Madanela foi incluída na Rede Natura baixo o nome “Serra do Careón”, que é o anaco da Dorsal Galega que señorea estes eidos. No solo abondan as serpentinas, substrato arxiloso que fixo que nestas gándaras a matogueira substituíse ao bosque e ás leiras, e que en todos os núcleos dos arredores florecese unha rica tradición oleira e de fabricación de tellas hoxe extinta. Tamén florece algunha especie botánica endémica, como a Santolina Melidensis; e a pegada do ser humano en forma dun parque empresarial, de rota xacobea, e da N-547 que comunica Lugo con Santiago. Cando en Madrid decidiron que ambas cidades debían estar unidas por autovía, deseñaron un proxecto que arrodeaba escrupulosamente este espazo natural, desviando o asfalto cara ás terras agolenses do sur. O pobo de Melide ergueuse indignado contra o Ministerio de Fomento, daquela en mans de Álvarez Cascos.
Máis recentemente, facendo gala do seu paternalismo magnánimo cando se trata de axudar á veciñanza, o ministro José Blanco rachou o no gordiano decidindo que a liña recta era o espazo máis curto entre Palas de Rei e Arzúa e que, polo tanto, a autovía tiña que cruzar as abas do Careón. Ignoro as viravoltas que tivo que dar o informe de impacto medioambiental para chegar a esta conclusión pero, polo que parece, os espazos protexidos da Rede Natura aceptan autovía como obra de escaso impacto ecolóxico.
Algo semellante debe acontecer cos muíños de vento, segundo me contaron na comunidade de montes de Labrada (Abadín). Alí, os comuneiros e comuneiras xestionan ao redor de 2.000 hectáreas onde, aparte das plantacións forestais, crían gando en réxime de pastoreo. Hai uns anos, quixeron gradar quince hectáreas coa intención de facer pasteiros para as vacas. A pesares de que a Consellaría de Medio Rural lles dera permiso, a de Medio Ambiente denegóullelo. Tentárono ao ano seguinte e volvéronllelo denegar. O argumento: pasar unha grade podía danar a turba. Ao pouco, neses mesmos terreos, Acciona escavaba foxos de dez metros de profundidade para facer as zapatas de formigón para os seus xeradores eólicos. Na comunidade de montes de Labrada aínda se preguntan como farían os dos muíños para non danar a turba con semellantes obras que, por certo, contaban coa preceptiva licenza de Medio Ambiente que lles fora denegada a eles.
Aventuraba ao comezo destas disquisicións que, se cadra, o caos na ordenación territorial que se fomenta dende a Xunta sexa un ben patrimonial a conservar, unha expresión xenuína da vontade popular. Dende esa óptica, podemos entender que as autovías e os parques eólicos poidan formar parte dun ecosistema. Tamén ese trazo da nosa cultura faime entender que as novas áreas de protección que se contemplan na ampliación da Rede Natura, en vez de ser uniformes adopten caprichosas formas. Un amigo de meu, enxeñeiro forestal, ilústrame: os novos espazos protexidos deixan anacos sen protexer alí onde hai parques eólicos proxectados, creando perímetros semellantes ás pezas perdidas dun crebacabezas que aínda non logramos compoñer. Se desculpades por enésima vez a miña atrevida ignorancia, tal a nosa identidade coma pobo.