Dar a palabra

Xa Cantillon demostrou hai tempo como a moeda falsa vai substituíndo progresivamente a verdadeira: un proceso lento pero irreversible do que tiran maior proveito os que primeiro introducen a falsificación, que poden comprar as mesmas cousas que coa moeda lexítima a menor prezo, mentres que os últimos en empregala non sacan o mesmo rendemento, pois, por efecto da devaluación, o diñeiro vale menos e o risco de seren descubertos resulta, porén, idéntico.

Asistimos hoxe ao curioso espectáculo de ver como os vellos representantes da política quendista acusan os novos de seren tan falsos coma eles: se a política é un xogo podre, sempre será mellor confiar naqueles que polo menos recoñecen a súa podremia de partida.

Algo semellante acontece cos procesos políticos. Os primeiros estafadores xogan coa vantaxe da novidade, os que van chegando despois atopan un público xa escarmentado que non vai confiar no suposto valor da mercadoría política presentada como novidosa e honesta. Por iso asistimos hoxe ao curioso espectáculo de ver como os vellos representantes da política quendista acusan os novos de seren tan falsos coma eles: se a política é un xogo podre, sempre será mellor confiar naqueles que polo menos recoñecen a súa podremia de partida. A sinceridade agradécese mesmo nos ladróns e semella tornar as súas faltas menos gravosas. Así empezou o Bush pequeno a súa carreira política, cunha confesión de culpa preventiva destinada a promover no público unha sorte de identificación fraterna: eu non son un cidadán exemplar, son un ser imperfecto, un pecador, un hipócrita, un dos vosos.
 
Os que vaian exercer hoxe a representación política teñen, pois, ante si unha tarefa descomunal: non só deben vencer e facer as políticas que anuncian -cousa ben complicada, como estamos a ver en Grecia- tamén deben recuperar o propio valor da linguaxe como transmisor de verdade, confiando non só na desesperación do público, senón tamén no seu apetito de honestidade. É dicir, algo así como a destrución dos propios cimentos teóricos do cinismo posmoderno, aqueles que ditaminan que non hai ningunha referencia política ou moral absoluta á que apelar, que todo é un  simple xogo de pillos, de relatos en pugna pola hexemonía que carecen de calquera intención de verdade.

Levo un tempo participando na construción dun artefacto político que chamamos Marea Atlántica e podo afirmar, se a miña palabra valese algo, que non existe tal xogo podre

Levo un tempo participando na construción dun artefacto político que chamamos Marea Atlántica e podo afirmar, se a miña palabra valese algo, que non existe tal xogo podre, que as primarias non van ser o produto dun pacto previo entre as partes implicadas e que o código ético vai supoñer un verdadeiro compromiso vinculante para os que o asinen. Isto non é máis ca unha declaración, seino, unha palabra dada, como a dos antigos tratantes de gando que cerraban os seus tratos, logo de moito discutir, cunha cifra e un apretón de mans. Como no caso dos antigos tratantes de gando, faltar á palabra dada suporá aquí perder de vez o creto e máis o oficio.

A nosa vai ser, como vemos, unha loita polo simple dereito á vida e á liberdade dos pobos sometidos durante décadas á tiranía do capital financeiro, das transnacionais e dos monopolios enerxéticos

A oportunidade histórica para os partidos situados á esquerda dos dous sistémicos é hoxe inmensa, idéntica á magnitude do roubo masivo en curso. A xente percíbeos por fin como o que sempre foron: meros recadeiros dos moi escuros e inconfesables intereses dunha minoría selecta que extrae os seus grandes beneficios da explotación salvaxe da maioría, mesmo ao custe das súas vidas. A nosa vai ser, como vemos, unha loita polo simple dereito á vida e á liberdade dos pobos sometidos durante décadas á tiranía do capital financeiro, das transnacionais e dos monopolios enerxéticos. Na empresa de recuperar o noso dereito a unha vida digna empeñamos algo máis que a palabra, empeñámolo todos todo e por iso avanzamos xuntos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.