Das múltiples facianas da covardía

En filosofía, como en ciencia, a verdade que pretende imporse por autoridade ou mérito académico, remata por quebrar en anacos. Non hai volta de folla. En política, o consentimento que o exercicio do poder impón pola forza das armas, quebrará, tamén, tarde ou cedo. Tampouco hai volta de folla.

Ninguén botará as mans ao ceo con dramatismo nin tampouco bosquexará un sorriso cínico e resabiado cando a verdade –concreta- remate por impoñerse á conciencia colectiva deste misterio chamado España: Caput. The end.

Ninguén botará as mans ao ceo con dramatismo nin tampouco bosquexará un sorriso cínico e resabiado cando a verdade –concreta- remate por impoñerse á conciencia colectiva deste misterio chamado España: Caput. The end. Adeus á organización político-institucional que xermolou daquel falso espírito de consenso da transición. A suposta funcionalidade institucional, así como a suposta utilidade das ideas-forza do seu relato hexemónico, só pode persistir, a día de hoxe, a custa de manter a España nun clima perpetuo de represión e violencia institucionalizada continua.

Como decorado de fondo, mentres a actuación policial do 25 de setembro re-existe de novo con brutal frialdade, machácasenos mediaticamente cun imparable florecemento de encausamentos xudiciais de tódalas cores políticas e corruptelas de alta corte que a ninguén debería sorprender a estas alturas: hai que dar a impresión, a toda costa, de que a administración de xustiza funciona e de que tutto sta in ordine; Demasiado tarde, unha boa porcentaxe da sociedade civil sabe, a estas alturas, que a corrupción institucional é, ás democracias neoliberais/capitalistas – pavero oxímoron, abofé –, o que o H2o é para a auga, e non entendelo así seria confundir o reino do deber ser co reino do ser.

Ou dito dun xeito sinxelo, facer reflexión social pedíndolle a esta, á sociedade e aos acontecementos, unhas condicións ideais de partida que nunca existiron e que só adquiren sentido, polo tanto, como expresión dun desexo colectivo, como nostalxia de futuro ou como procura dun sublime-moral proxectado na vida política.

Un xornalismo cada dia máis puritano, servil, mercenario e, por suposto, capaz de fundir na miseria a candidatura dun candidato medianamente honesto e lúcido, sobre todo se levanta sospeitas de por a lei civil por riba da lóxica dos mercados

É urxente, moi urxente, que o pacifismo se interiorice, como significante, como significado, como historia, como cultura e como ética colectiva de circunstancias. Tan urxente coma romper con ese irreflexivo e populista senso común que asocia o pacifismo cun tratado de bos pensamentos, bos sentimentos e boas actitudes tomadas como normas de comportamento preceptivas con carácter xeral, e que tanto resultado reportan á hora de construírse unha boa imaxe de cara a galería cotiá e política. Unha imaxe, xa se sabe, que é o requisito esencial para non desagradar a un xornalismo cada dia máis puritano, servil, mercenario e, por suposto, capaz de fundir na miseria a candidatura dun candidato medianamente honesto e lúcido, sobre todo se levanta sospeitas de por a lei civil por riba da lóxica dos mercados.

É difícil, moi difícil, contrarrestar toda esta cantidade de lixo verbal vomitado en tan curto espacio de tempo

A prensa non é só o chamado cuarto poder. É algo máis que iso: é un instrumento corporativo coa suficiente influencia social para impor modas e gustos na axenda política e no mercado das ideas, e coa influencia social suficiente, tamén, para controlar a mirada, a xestualidade, a oralidade, as palabras e até o ton de voz co que o aspirante a presidente de turno ten que mirar e falar ao ollo público; neste caso, o ollo público dunha sociedade de masas demasiado proclive a dar leccións de moral antes de tomarse a molestia de reflexionar; só así podemos entender este clima de puritana agresividade moral incapaz sequera de dirixir a súa mirada ou empatizar coa violencia que xermola dende o máis cru desarraigamento e dende a desesperación que o mesmo crea; esta, e non outra, é a clase de violencia que os medios de comunicación e o discurso de non poucos suxeitos benpensantes está a estigmatizar cruelmente nestes momentos despois do affaire 25-S. É difícil, moi difícil, contrarrestar toda esta cantidade de lixo verbal vomitado en tan curto espacio de tempo, pois dúas son as características desta totalitaria retórica anti-democrática disfrazada de discurso moral:

1- Moraliza, estigmatiza, cousifica e condena. Non pretende entender.

2 -Adapta os significantes e os significados das palabras á súa necesidade de moralizar, condenar a cousificar, nunca á necesidade de clarificar ou desvelar.

Cando unha boa parte dos axentes político-institucionais, políticos profesionais, xente da kultura e a meirande parte do mundo da comunicación, audiovisual e escrita, non ten a decencia nin a coragem suficiente como para instar ás forzas de in-seguridade - tanto aos seus continxentes como aos seus altos cargos - a abandonar a máxima práctica de que a democracia, con sangue, entra, só se pode facer unha lectura: o grado de imbecilidade ética e estética acadou cotas tan altas no mainstream que os mesmos responsables, co seu cómplice silencio, xa hai tempo que están vacinados contra os excesos de democracia.

Instar, tamén, á clase política, a que faga un comunicado público que a comprometa a desobedecer fiscalmente a Europa negándose a pagar unha débeda externa que a meirande parte da sociedade civil española non contraia

Porque - e convén dicilo con rotunda serenidade - só cabe un xeito noble e humano de proceder nesta situación : instar ás forzas de seguridade, tanto aos seus continxentes coma aos seus altos cargos e ao ministerio do interior, a que miren máis alá da miope deontoloxía profesional que os obriga a actuar coma funcionarios da violencia pro-activa e legalizada. Instar ás forzas de seguridade a que actúen, xa non coma cidadáns, en abstracto, senón coma seres humanos, desobedecendo civilmente aos seus superiores e negándose a aplicar violencia coercitiva sobre manifestacións cun profundísimo e exemplarísimo espírito democrático. Instar, tamén, á clase política, a que faga un comunicado público que a comprometa a desobedecer fiscalmente a Europa negándose a pagar unha débeda externa que a meirande parte da sociedade civil española non contraia.

Isto, como mínimo, e non a re-actualización da cómica competencia e propaganda pre-electoral, é o que deberían facer os comisarios desta democracia realmente existente con baixa, moi baixa intensidade ética. Son, sinxelamente, e falando en prata, uns covardes, e é máis: serán, o día de mañá, as novas caras dunha vergoña allea que este país leva soportando xa hai moito tempo sobre as súas elites - sic - dirixentes.

Se aman de verdade a súa profesión - cousa que dubido - e cren na seguridade e na orde, os funcionarios da violencia tiveron, nesta ocasión, unha boa oportunidade para demostralo. Perdérona. Se aman de verdade a súa profesión - cousa que, tamén, dubido -  e cren nos principios que inspiran ao constitucionalismo liberal que tanto pregoan, os funcionarios da cousa pública tiveron, tamén, nesta ocasión, unha boa oportunidade para demostralo.

Se aman de verdade a súa profesión - cousa que dubido - e cren na seguridade e na orde, os funcionarios da violencia tiveron, nesta ocasión, unha boa oportunidade para demostralo. Perdérona

Perdérona. Se aman de verdade a súa vocación - cousa que dubido - e cren no dereito á vida, os funcionarios do divino mensaxe tiveron, por suposto, nesta ocasión, unha boa oportunidade para demostralo. Perdérona. E se aman de verdade a súa vocación - cousa que dubido - e cren na verdade, os funcionarios do pensamento e da información tiveron, abofé, nesta ocasión, a mellor oportunidade para demostralo; por suposto.... perdérona.

A vida, ímola virando, esperemos, xa que logo, que poidamos seguir sobrevivindo coa ilusión de que non nola rouben algún día.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.