«En 1984 fun hospitalizado por achegarme á perfección», cántanos David Berman para abrir American Water. Achegarse á perfección, ao extremadamente belo, ao sublime, ao puro, ao verdadeiro, faría caer a calquera na tolemia baixo os efectos da síndrome de Stendhal
«En 1984 fun hospitalizado por achegarme á perfección», cántanos David Berman para abrir American Water. Achegarse á perfección, ao extremadamente belo, ao sublime, ao puro, ao verdadeiro, faría caer a calquera na tolemia baixo os efectos da síndrome de Stendhal. Un xa nunca querería volver rozar o horror —que, tras ser tensada a perfección, sería todo o demais— e estaría perpetuamente condenado ao recordo dunha estrela fugaz, da luz da posibilidade de algo certo.
Que se fai cando che pasou esa luz por diante e burlouche? Déixalla gañar? Esquécella? Non, claro que non. Perséguella ata non poder máis. Ata a derrota. Pero, mentres tanto, non cesa a persecución: «a xente manda xente á Lúa»1 para ver se a Lúa é certa, se os océanos son certos, se a esfericidade da Terra é certa.
Berman parece non tratar de atrapar a luz, senón de deixarse atrapar por ela. Por iso quizá os escintileos que aparecen nas súas cancións sexan tan fieis á realidade. En palabras de Bill Callahan (Smog), «o mundo é e sempre será unha letra de David Berman», precisamente, porque se deixou ser do mundo. En The Frontier Index di que el só quería dicir algo certo; en That’s Just the Way That I Feel, que fora humillado polo baleiro, e esa certeza coñecémola todos. Un contemporáneo de Berman, Mark Fisher, parecía entender isto moi ben, de feito, o individuo depresivo —ambos o eran— é quen mellor pode entendelo. «Non hai nada excepto o interior, pero o interior está baleiro», escribiu Fisher nun artigo do seu blog K-Punk titulado Un abismo que ri da creación, que á súa vez fai referencia ao tema de Joy Division Heart and Soul. Grítannos: «isto é o que hai e o que haberá, e non hai nin haberá nada».
Persistindo na pescuda da verdade un ha de perder nalgunhas ocasións. «Es honesto cando ninguén mira?»2 Para os fanáticos da nada desde logo que é máis difícil selo. Para David Berman tiña que ser unha tarefa ardua, por iso as miradas debían de ferilo tanto. Por iso estaba nel o non, e igual que Bartleby, igual que Rimbaud, tiña a pulsión do silencio bombeando o seu sangue, e cumpriu as súas palabras, «sempre dixen que parariamos antes de volvernos malos».
David Berman suicídase en agosto do 2019, pouco despois do lazamiento de Purple Mountains, en cuxa pista de apertura, That’s Just the Way That I Feel, canta que o fin de todo anhelo é todo o que estivera esperando: a plenitude, coma se esta fose a clave da felicidade e/ou da ataraxia
«I've been a lear all my life», di en I'm Gonna Love the Hell Out of You. Berman foi un mentireiro por ir en busca da verdade e confundila. Moitas mentiras son anhelos de verdade. «Todas as miñas mentiras son sempre desexos», dicía Jeff Tweedy de Wilco en Ashes of American Flags, e tamén John Fante nas primeiras páxinas de Pregúntalle ao po. Non conxurar, calar, é o maior compromiso coa verdade. Escribir é aceptar o duelo contra a mentira con todas as de perder.
David Berman suicídase en agosto do 2019, pouco despois do lazamiento de Purple Mountains, en cuxa pista de apertura, That’s Just the Way That I Feel, canta que o fin de todo anhelo é todo o que estivera esperando: a plenitude, coma se esta fose a clave da felicidade e/ou da ataraxia. Xa persistía esta idea en tempos de Victor Hugo, quen, no seu poema Plenitude, escribiu acerca de alcanzar a mesma:
Pasade! Seguide pasando! Eu non envellecerei máis! Idos todos con todas as nosas flores murchas,
teño no meu álbum unha flor que ninguén pode cortar.
Quizáis ao chegar ao final da ruela se achegase un pouco máis, mesmo case puido rozala, ou ela a el, como Dios e Adán no cadro de Miguel Ángel, aínda que entón fixo que foi el o que non creu estar cerca. En palabras de Mark Fisher, «o depresivo [...] non pode crer que alguén mova os fíos».
Agora si, co corazón cheo, Victor Hugo sentíase imperturbable, a diferenza daqueles que non logran encher o seu corazón o suficiente —ou polo menos non do correcto—. Os occidentais parecemos non saber ben como baleirar o corazón e corrixilo, é inherente seica o sufrimento á concepción de existencia e realidade de Occidente? «É coma se pensásemos que existimos e por tanto sufrimos. [...] Pensamos que hai algo esencialmente certo sobre a realidade», dise nun diálogo do quinto episodio de The Midnight Gospel. Quizá o racionalismo, a fe cega na ciencia e a perfección técnica conducísennos a isto, quizá o capitalismo agráveo, quizá unha cousa reforce a outra e viceversa.
Berman tratou de escapar desta aporía mediante as ciencias do espírito. Tras un punto crítico, comezou a estudar a Torá e a mergullarse no xudaísmo en xeral, pero poida que non fose suficiente para contrapesar a herdanza do paradigma occidental. Non se pode dicir que o cul-de-sac ao que dirixe o afán de verdade o matase, de feito, quizáis ao chegar ao final da ruela se achegase un pouco máis, mesmo case puido rozala, ou ela a el, como Dios e Adán no cadro de Miguel Ángel, aínda que entón fixo que foi el o que non creu estar cerca. En palabras de Mark Fisher, «o depresivo [...] non pode crer que alguén mova os fíos». Sempre queda nun case.
«Toca a bucina se estás só esta noite»3.
Notas
1 Referencia á canción People.
2 Referencia á canción Smith & Jones Forever.
3 Referencia a Honk If You’re Lonely.