"Hay quienes pensamos que este proceso no solo trata de poner de acuerdo a unas u otras organizaciones, sino que se trata de poner de acuerdo a la gente corriente y poner en el centro a Andalucía. Por eso, la misma diversidad que muestra nuestra tierra debe proyectarse en una confluencia amplia de mayorías, donde no sobra nadie, donde estemos todas y todos los que queremos un cambio y no un recambio".
Manifesto Adiante, Andalucía
Corren tempos difíciles para os chamados espazos do cambio. A onda de impugnación da que agromaron, o acontecemento 15-M, parece estar tocando ao seu fin. Soan campás de fin de ciclo, un fin de ciclo marcado pola deriva institucionalista, que choca con aquela crítica á política da representación que ecoara nas prazas, pola caída da participación, pola crecente desafección cara os espazos políticos e pola recuperación dun eixe que saltara polos aires aquel 15-M, o eixe esquerda-dereita. Precisamente a chegada ao goberno do PSOE de Pedro Sánchz, co cheque en branco asinado por Unidos Podemos e as confluencias, supuxo unha reahabilitación deste partido, un dos piares fundamentais do réxime do 78. como suposta “forza de cambio.” Vemos así como as elites, dun xeito complexo e conflitivo, tentan pechar a crise de Réxime cunha saída rexeneracionista que neutralice unha transformación real, que debería pasar necesariamente pola apertura de procesos constituíntes e polo cuestionamento do actual modelo da Europea neoliberal. Por desgraza, ningunha destas cuestións fulcrais parecen estar na axenda dos chamados “espazos do cambio”, máis ben inclinados cara un gobernismo que, se non puido concretarse na presenza física de membros no Executivo, si parece realizarse no acompañamento das medidas dun “goberno de progreso”, definitivamante restaurado este termo para barnizar de lexitimidade ao partido da reforma do art. 135 e do apoio á aplicación do 155.
É neste contexto no que a impugnación do bipartidismo(ou na actualidade, da Gran Coalición PP-PSOE-Ciudadanos), da que colleu pulo inicial Podemos, vai camiño en mudarse en subalternización ao PSOE, coa entrada incluso en gobernos autonómicos presididos por este partido. En Galiza este proceso vese acompañado pola pretensión de “normalización” do suxeito político no que centos de milleiros de galegas depositaron esas arelas de cambio, En Marea, suxeito que naceu mestizo e disidente, pero ao que axentes externos ao proceso de unidade lle extirparon esa mestizaxe para convertilo nun partido clásico, cun cada vez máis acusado “aggiornamento”. A política emancipatoria nace moitas veces de impulsos, de grandes ou pequenos estoupidos que cristalizan en novas formas, como foi o caso do 15-M ou da irrupción muncipalista da primavera 2015. que barreu o bipartidismo en moitas cidades e vilas do País. Ás veces eses impulsos chegan de lugares e escenarios inesperados, como pode ser o caso de Andalucía. Se no pasado, Galiza cumpriu un papel de vangarda na formación de espazos de unidade popular, agora que aquí chegou a baixamar, a esperanza parece proceder do Sur.
O manifesto Adelante Andalucía marca un punto de encontro e un punto de inicio. O encontro de forzas políticas e de cidadáns diversos, dunha pluralidadade de tradicións e resistencias. O punto de inicio dun espazo de unidade popular, construído máis alá da suma das partes que sexa ferramenta de tranformación real . Aínda que o pulo inicial corresponde a organizacións como Podemos, IU, con lazos estatais, tamén se sumaron forzas andalucistas, como Izquierda Andalucista ou Primavera Andaluza e cidadás e cidadáns independentes que asinaron un manifesto que pretende chegar ás 50.000 sinaturas.
Neste proceso podemos atopar elementos que nos resultan cercanos. A construción dun suxeito político propio, sen subordinacións nin dependencias, pero no que a fraternidade entre pobos sexa a guía, achegado ao territorio, recibindo a súa forza das experiencias colectivas e concretas das desposuidas. En demasiadas ocasións temos comprobados como as organizacións territoriais dun partido convírtense en franquías dependentes completamente de centros de decisión política situados na capital do Estado, sen capacidade de incidencia propia na súa realidade territorial, fronte a unha necesaria descentralización que corresponda a un modelo de Estado plurinacional. A confluencia andaluza rexeita a súa subordinación ao PSOE de Susana Díaz, aposta por superalo rompendo as regras establecidas, cun programa de ruptura e unha linguaxe de cambio real. “Es hora de hacer algo difeente para que todo deje de ser igual”, que nos lembra aqueles tempos nos que En Marea parecía que ía comerse o Pazo de Raxoi. Esta audacia representa un exemplo fronte ao tacticismo que estamos a vivir noutros ámbitos, nos que subordinación ao PSOE e moderación da linguaxe e das políticas son procesos que camiñan en paralelo.
Ademais, estamos vendo unha recuperación da participación nas asembleas, ou incluso, nunhas primarias internas de Podemos Andalucía con record de participación e no que estas ideas de confluencia e unidade, reflexadas na ollada resolta e audaz de Teresa Rodriguez, derrotaron ao patriotismo de siglas e ao sucursalismo, a pesar da campaña feroz desatada dende Madrid e adláteres. De feito a contundente victoria de Teresa pode espertar simpatías noutros territorios e mesmo significar un paso cara adiante nunha descentralización e democratización de Podemos que crebe as cadeas verticalistas impostas nos sucesivos Vistalegres. Soñar é gratis.
Para que un proceso de confluencia teña éxito debe de mirar cara afóra, conectar cos espazos do conflito social (en troques de ficar atrapado en conflitos internos que moitas veces son inevitables, pero que deben de basearse no contraste lexítimo de ideas e proxectos e non na descalificación gratuita), estar en permanente apertura, ser flexibles e dinámicos, coa democratización máis ampla e o desborde dos aparatos( substituíndo o aire pechado da política de pasillos e intriga polo aire fresco das prazas).
Se ben é certo que entre Galiza e Andalucía hai moitas diferenzas e que este proceso de unidade popular está camiñando os seus primeiros pasos, uns pasos que aquí xa demos no seu momento(aínda que torcendo o rumbo) non podemos deixar de ver en Adelante Andalucía un exemplo e unha esperanza. O exemplo de que outra política é posible e a espranza de recuperar os espazos de cambio, que estes ollen cara o impulso inicial plebeo do que xurdiron e volvan a coller forza, movendo ficha de novo para mudalo todo.
Publicidade