De AVE’s, ladrillo e caixas

Prometinme a min mesmo non escribir sobre o accidente de Angrois. Demasiada dor, demasiados sentimentos e demasiada conmoción como para saber como facelo sen ter a impresión de ensuciar a dor das vítimas e so seus familiares e coñecidos. Pero non me podo reprimir para facelo sobre o modelo de desenvolvemento de país que a grande maioría política e mediatica ten ido avalando nas últimas dúas décadas.

Recordan aquilo da importancia dos prazos do AVE e do aldraxe comparativo con outras comunidades?

Neste caso, coma no da fusión das caixas ou no auxe da construción, ninguén pode dicir aquilo tan noso de xa o dicía eu, porque aínda que había algúns que xa o diciamos eramos ínfima minoría e/ou estabamos minorizados publicamente. E dirán vostedes que relación ten todo isto co accidente? Toda e ningunha.

Acórdanse como empezou o auxe do sector inmobiliario? Serian capaces de  fixar con claridade en que ano se iniciou o proceso de bancarización das nosas caixas?  Recordan aquilo da importancia dos prazos do AVE e do aldraxe comparativo con outras comunidades?

Eu si me acordo.

Non se cuestionaba a entrada das caixas en inversións tóxicas relacionadas co ladrillo, nin se puña en cuestión os procesos de bancarización evidentes que conlevaban a quebra das caixas e a posterior fusión

Lembro que o modelo de desenvolvemento seguido polos últimos gobernos de España e tamén avalado polos distintos gobernos da Xunta de Galicia, pola practica totalidade das forzas políticas e axentes sociais, e tamén pola maioría dos medios de comunicación sustentábase en tres piares: crecemento económico-concentración financeira-alta velocidade.

Non se cuestionaba o modelo de crecemento aínda que o mesmo tivera fortes impactos medioambientais, creara unha economía de monocultivo dependente do ladrillo ou xeraba emprego precario.

Non se cuestionaba a entrada das caixas en inversións tóxicas relacionadas co ladrillo, nin se puña en cuestión os procesos de bancarización evidentes que conlevaban a quebra das caixas e a posterior fusión. Mesmo se animaba o proceso desde a oposición realmente existente.

As advertencias, fundamentalmente desde grupos ecoloxistas, eran observadas como aqueles que nos queren afogar a festa

E por suposto non necesitabamos un tren moderno, electrificado, de dobre vía e velocidade e seguridade forte, senón unha alta velocidade que nos unira urxentemente coa península, desfixera o tren de proximidade e deixará fora o transporte de mercadorías que seguiríamos soportando por autoestradas. Ben ao contrario, o importante é que o AVE chegara, cumpriranse os prazos, indistintamente do modelo de transporte, a súa seguridade e a súa conveniencia ou non.

Viviamos na época dourada da metade dos anos noventa do século pasado e inicios do século XXI e as advertencias, fundamentalmente desde grupos ecoloxistas, eran observadas como aqueles que nos queren afogar a festa.

Pero xa se sabe: Días de moito, véspera de nada.

Quizais, so quizais, o accidente de Angrois é un aviso, a punta do iceberg. O lado escuro do modelo de desenvolvemento que se nos vendeu

Quizais, só quizais, o accidente de Angrois é un aviso, a punta do iceberg. O lado escuro do modelo de desenvolvemento que se nos vendeu. Se así fora requiriríamos repensar o noso modelo de desenvolvemento avalado nas dúas últimas décadas por expertos a soldo e por maiorías sociais inducidas, e sobre todo financiada coa privatización de capitais públicos e algunha que outra xoia da coroa.

Pero dubido que iso se faga. Tras un certo período de ruído imporase a política dominante no noso reino:  Se queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.