De ben nacidos é ser agradecidos

CC-BY-SA Praza Pública

Hai un par de semanas, o monarca Felipe VI presidía en Madrid a entrega anual de premios da Fundación Víctimas del Terrorismo nunha nova cerimonia pomposa de exaltación “patriotera” na que pouco (moi pouco) teñen que ver as vítimas empregadas como escusa, e bastante máis os complexos do nacionalismo español. Quixo destacar no seu discurso o Borbón, que o 2020 fora “un ano no que os documentais e as series de televisión baseadas en novelas de grande éxito” sobre ETA foron “protagonistas das nosas pantallas”, demostrando o que segundo el era “o interese dos españois por coñecer o verdadeiro relato da inxustiza que padeceron tantas persoas”.

A explotación audiovisual do conflito nacional vasco non é novidade, claro, mais acontece agora nun contexto de consumo masivo de servizos de streaming que permite unhas audiencias millonarias hai apenas uns anos impensables para esta clase de produto televisivo. Son ademais un tipo de produción ambiciosa, tralas que están xigantes internacionais do talle de HBO ou Amazon Prime, cos cartos e o “saber facer” necesarios para asegurar o éxito antes da estrea mesma. A conclusión do monarca non pode ser dende logo máis superficial e inxenua: non temos maior interese no “relato” de Patria ca no do cinema de superheroes da Marvel, ou a recente Gambito de Dama. Hai dende logo unha dimensión “de abaixo cara arriba” –e mesmo un compoñente “azaroso”– para o éxito final dunha narrativa, mais moito menos determinante do que queremos pensar.

“Relato”. Interesante escolla de termo para o discurso. Na serie documental de Amazon Prime, “El desafío: ETA”, o coronel da GC Manuel Sánchez Corbí (autor á vez do libro no que esta se basea) acláranos cal é o único relato que vale: “Houbo uns malos que mataron durante 50 anos e uns bos que combatemos aos malos. Os malos foron moi malos e os bos cometemos algún erro, pero non é equiparable a maldade duns cos erros doutros”. Sánchez Corbí foi condenado en 1997 pola Audiencia de Bizkaia a catro anos de prisión e seis de inhabilitación pola sanguenta tortura a Kepa Urra nun descampado antes de levalo ao cuartel. A condena xamais sería efectiva a instancias do Supremo e o posterior indulto do goberno de José María Aznar. O torturador –que se conta nos “bos”– era teniente cando torturou a Urra, ascendeu a capitán durante o proceso xudicial, e unha vez indultado foi nomeado inmediatamente comandante. Cousas do relato.

Ollo con espanto as fotos do corpo queimado con electrodos de Iratxe Sorzabal. Hai apenas uns días, Francia rechazaba por primeira vez unha euroorde de España, ao non poder descartar que Sorzabal fora torturada para autoinculparse dun atentado. A noticia non abre telexornais, non interesa ao “verdadeiro relato”. Semella que si forma parte deste a serie Patria e o seu absurdo retrato do pobo vasco: unha muller abraza ao seu marido morto dun disparo na cabeza baixo a choiva, berrando desesperada por axuda sen que ningún veciño da vila asome sequera á fiestra. Non hai humanidade nas vilas vascas; tan só cómplices e cobardes dos “terroristas”, que someten a un illamento social absoluto ao home e á súa familia en canto aparece unha pintada anónima de ameaza. A ETA de Patria é unha sorte de camorra vasca que se dedica á extorsión arbitraria de pequenos empresarios honrados.

E se a ficción televisiva é realidade histórica, non é de extrañar logo que a realidade do presente sexa ficción: nada importa que non existan accións armadas contra os corpos policiais españois dende hai practicamente 10 anos, un garda civil cobra un plus de “perigosidade” duns 600€ só por estar destinado en territorio vasco. Arnaldo Otegi –probablemente unha das figuras máis funestas para a estratexia revolucionaria de liberación nacional vasca, e que máis contribuiu á disolución da derradeira ETA– é seica agora un “filoetarra” dirixente dun partido que se nega a “condenar a violencia da banda armada”. O poder dunha narrativa.

20 de decembro, 47 anos da execución do infame Carrero Blanco polo “Comando Txikia” liderado por Argala. Facer unha brincadeira do asunto en Twitter é delito no estado español, “apoloxía do terrorismo”. O final do fascismo en Alemaña saldouse co axustizamento de xerarcas nazis por crimes de lesa humanidade. En Italia, Audisio e os partisanos comunistas déronlle xusta morte ao dictador Mussolini e así o entendeu o relato histórico italiano (Audisio será elexido diputado tralo remate da guerra, o seu camarada Pertini chegaría a presidente da República).

O 21 de decembro de 1978, oficiais do Exército e sicarios de ultradereita asasinan a Argala en vinganza polo atentado. Estamos en democracia e a policía ocupa a vila de Arrigorriaga para impedir que miles de persoas acudan ao funeral do heroe. A veciñanza, a modo de protesta, baleira as rúas e deixa á familia de Argala acompañar o féretro en privado. Ao cruzarse con tres oficiais da policía a compaña, estes non poden evitar cadrarse e realízanlle o saúdo militar ao cadeleito coa ikurriña. Morrera un comunista que loitou ata a súa morte por unha Euskal Herria independente e socialista, mais á vez un dos verdadeiros pais da Transición.

 

Eskerik asko Argala eta besteak!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.