Desde o tortuoso mais non menos ilusionado camiño da nosa especie cara ao estadio en que actualmente nos achamos, o asunto do iusnaturalismo ten ocupado boa parte das preocupacións humanas. Ben é certo que máis con carácter restritivo que libertador, e máis cuns devezos castradores que posibilitadores da enerxía propiamente humana: aínda que ás veces non fose máis que reflexo dunha necesidade ben meditada por certo.
Hoxe, xa sen ningún tipo de petrificación –eu asómbrome facilmente, si, aínda me asombro con todo tipo de negras sombras, mais non por iso son subnormal, ou iso creo— , vexo nun telexornal que a República Arxentina está totalmente involucrada co merchandising –dise así?— máis paiolo pondo a imaxe do novo xefe da Igrexa Católica en cuncas –non sei quen fala de mugs— , autocolantes, camisolas e trebellos varios, a carón de persoas ou personaxes como Bob Marley ou Elvis Presley, de indubidábel importancia, per se claro, para, neste caso, parcelas como a música lixeira contemporánea. E non dubido que Francisco I, D. Jorge Bergoglio no século, vaia significarse en calquera campo, que va!, agárdoo. De momento creo que xa se ten significado na leira dos dereitos humanos precisamente, colaborando atentamente co réxime de Videla e, disque, a desaparición de persoas e, en casos, a reasignación de bebés a familias onde non tiñan nado.
Mais o tema do patriarca da Igrexa é outro tema. Non o é, embora, para o meu discurso a intensidade do proxecto humano, social neste caso, e arxentino, que pede a berros proxectar a imaxe de quen nada fixo aínda en defensa dos cánons eses que seica defendía o Xesuscristo, antecesor de D. Francisco I (o Bergoglio, claro; non falo de quen un meu devanceiro ferrolán, o Alonso Pita da Veyga, prendeu en Pavía); e que, sen embargo, merece ocupar un posto na galería de personaxes destacadas por aleitar, participar ou partillar os ideais dun sistema ditatorial que, como é lóxico nese mundo, se dedicaba a violar sistematicamente todo tipo, senón todos, de dereitos humanos.
Mais que é un dereito humano? Porque, polo simple feito de formar parte do xénero e especie ao que pertencen figuras como Napoleón, Rusell, Dalí ou Picasso, Schopenhauer ou Unamuno, todo individuo ten os mesmos dereitos? Pois non, e iso é evidente. Nin moito menos, ademais. E servireime dun máis que simple exemplo: se, por caso, un supor, Dª Soraya (meu Deus, que nome!) Sáenz de Santamaría y Antón, Dª Mª de la Esperanza Fuencisla Aguirre y Gil de Biedma (condesa consorte de Murillo e, portanto, Grande de España) ou D. Miguel de Unamuno y Jugo paseasen pola Praza do Toural compostelá un día deses aciagos en que unha multitude de desfarrapados e perigosos independentistas –deses, porque case todos son homes, que atentan contra a inveterada e indubidábel unidade da nosa sempre grande e libre España onde nunca se pon o sol: ñó, que inverno levamos! Non para de chover …– íanse ver na tesitura de seren abordadas ou abordado na rúa, detidas e detido e mesmo cacheados? Que va! E con razón, elas e eles son coñecidas e coñecido, son mulleres e homes de ben, que nada teñen a ver con quen comete crimes contra a humanidade tales que cantar consignas de independencia galega e que, de seguro, ten a casa chea de garrafas de gasolina dispostas para seren baleiradas nun caixeiro do BBVA ou talvez do Santander Central Hispano. Meu Deus, meu D. Francisco I, líbrennos de xentalla tal!
E líbrennos de pervertidos que violan nenos e nenas pequenas que, supomos, non queren participar en actividades lúdicas sexuais (meus pobres, miñas pobres, non saben o que se perden, mais alá eles e elas …); líbrennos de asasinos e asasinas, de maltratadores e maltratadoras, de ladroeiros e ladroeiras (se rouban con charme e demostran parentescos con calquera Borbón, ummmm!, non, claro; e se son princesas alemás maduritas mais aínda atractivas tampouco, por suposto)! E se non nos libran, noso Deus pai ou noso Santo Padre D. Francisco, deste tipo de individuos, tampouco pasa nada, porque se na nosa sociedade –afortunadamente, nonsi?— pescamos calquera vago ou maleante, independentista perigoso, piolloso ou similar, xa os encarceraremos –eu propoño que n’A Lama, en Teixeiro ou en Bonxe— e alí, en boa lóxica, serán reeducados (ou educados, porque hai casos nos que se debe comezar de cero) para que poidan incorporárense con dereito propio a unha sociedade que non permite actividades delitivas, nin roubos organizados por parte da cúpula máis alta do poder, nin agresións sexuais a menores por parte de organizacións tan estupendamente sempre santas como a Igrexa Católica, que ademais é Apostólica e Romana.
Si, falo de reeducación, de privación de liberdade; e falo, amais, da realidade que nos inunda as vidas: porque en non poucos centros penitenciarios –atención! Aí vai unha adiviña: dicídeme en que centro penitenciario se reeduca, se reinventa un delincuente, se vela pola reformación de quen, polo que for, se afastou da práctica desa liberdade que remata onde comeza a dos e das máis?— , en boa lóxica, que pensaría Dª Soraya (uf, que nome!) e a señora condesa consorte de Murillo, Dª Esperanza –digo eu— , ademais de reeducar, de formar, de velar pola reintrodución deses afastados dos nosos canons, cómpre aprenderlles como sexa, como sexa eh?, que todos e todas debemos viaxar polo bon camiño. E como proclama o tradicionalismo que todas nós coñecemos, se é necesario unha azoutiña, pois ala!, hai que dala, e con mágoa, mais sen dúbida, con efectividade. En suma, que máis dá que, afin de contas, poida morrer un toxicómano abxecto deses ou un perigoso independentista que adoece por dicir barbaridades como que a Galiza é unha nación. Canto menos vulto máis claridade, xa se sabe.
E que se a algún funcionario (adoitan ser homes, por iso non falo de funcionarias) se lle vai a man? Non pasa nada; todo o que fai faino en aras da salvagarda da nosa unidade, da boa moral e da recta e necesaria actitude que a todos e a todas nos ten de afectar. Non esquezamos que os homes e as mulleres de ben non van presos nin presas nunca, e que, en resumo, non son maltratos en realidade, nin torturas, son feitos propios dedicados a quen merece todo o peor e que, en realidade, aínda merecería máis. Amais nós así o decidimos, porque malia que nunca houbese consulta sobre este extremo, o silencio popular é indicativo, consentidor, asentidor, sancionador en todo caso. Abonda a súa lexitimidade.
E quero rematar expondo o caso dun perigoso e nocivo individuo que, amigo desa xentalla de independentistas, loxicamente foi obxecto dun rexistro domiciliario. Claro, como non podía ser doutra forma, nese momento incautouselle material igual de incribelmente perigoso que el. Amais de comprobarse que mantiña unha intensa relación con perigosísimos individuos terroristas que queren atentar contra a unidade do ínclito Estado Español (q.D.g.), gardaba na súa casa un arsenal igual de incríbel que a súa perigosa vida: unhas garrafas baleiras que tiveran contido gasolina. Meu Deus! A onde vamos parar? Unhas garrafas que había tempo contiñan gasolina: que horror! Mais por se isto fose pouco, o tal perigosísimo delincuente fora profesor nunha Universidade pública española (española mais da Galiza, claro, que aínda que non o recoñezan, é ETD, isto é, España de toda la vida), e alí, como tal delincuente, dicía e facía cousas terríbeis, como por caso proclamar que estaba en contra da existencia de mobiliario nas aulas e, deste xeito, tratar de recolocar e redistribuír a mesa en que, como profesor, debía ocupar, unha mesa situada nunha palestra elevada através da cal debía proclamarse como o que era, tal que ente supremo, como profesor toucado pola divindade que rexe no acceso aos postos académicos do profesorado español do noso amado Reino de España que tan ben rexe D. Juan Carlos Alfonso Víctor María de Borbón y Borbón-Dos Sicilias. Gloria a D. Juan, a Dª Soraya, á señora condesa, algo menos a D. Unamuno e deámoslles aos terroristas e aos presos o descanso eterno que merecen. Mentres, iso si, pidamos que brille para eles unha luz perpetua …