De China a Galicia

Dominio Público pxfuel

A competición entre as dúas potencias mundiais, Estados Unidos e China, bátese no eido tecnolóxico, que conseguiu ser a base material de toda acción humana

A hidra das sete cabezas ten un único tronco: a xeopolítica como taboleiro e a hexemonía como principio teñen manifestacións plurais. A competición entre as dúas potencias mundiais, Estados Unidos e China, bátese no eido tecnolóxico, que conseguiu ser a base material de toda acción humana.

Por unha banda, hai un coñecemento práctico que ensina a convivir co grupo social, e hai un produtivo ou técnico que mostra como elaborar instrumentos para conseguir recursos e transformalos. Ambos son inevitables no camiño humano. Posteriormente nace a comprensión abstracta: serán os liberados de tempo os que recoñezan as leis universais que xacen na materia. Os sabios coñecen o logos. Por outra, no xerme do capitalismo estimúlase, non a extracción dos elementos puros da causalidade material, senón a aplicación técnica dos principios universais, a tekné do logos. Nace a tecnoloxía. Máis alá da Revolución Científica está a Industrial e o capital precisa aumentar constantemente plusvalía relativa: conseguir maior produtividade na mesma unidade de tempo, e para iso hai que inverter nas máquinas.

Iso si, a maneira de xerar un novo proceso expansivo tras unha crise económica é producir unha nova burbulla, e o mellor xeito de facelo, unha vez conquistadas todas as fronteiras e esgotados todos os mercados, é a través dunha produción tecnolóxica con finalidade intrínseca. Para iso, as corporacións contan cos seus propios centros de I+D+i. É a era da tecnociencia: a ciencia asimílase á tecnoloxía, sométese a ela.

Coa ficción tecnolóxica, retómase aquela idea desbotada de progreso como sentido case metafísico da historia: calquera cousa que sucede forma parte dunha avenida cara algo mellor e non cómpre obstaculizalo, reflexionalo

Coa ficción tecnolóxica, retómase aquela idea desbotada de progreso como sentido case metafísico da historia: calquera cousa que sucede forma parte dunha avenida cara algo mellor e non cómpre obstaculizalo, reflexionalo. Para efectuarse precísanse máis minerais, máis enerxía e maior fidelización ou dependencia. Non se dubida en empregar lexislación vinculante. En primeiro lugar, como asegurar unha maior interiorización tecnolóxica? A través dun axente de socialización algo resistente: o sistema educativo. Insístese en acentuar a relación coa máquina no proceso de aprendizaxe: deixa de ser un instrumento para ser o propio medio. A inmadurez da cortiza prefrontal e as dificultades para atención e concentración ou para a reflexión e a contemplación son síntomas evidentes anunciados, ademais, por neurólogos e psiquiatras. Non importa, hai que adaptarse aos novos tempos, ás funcións económicas requiridas.

Soster a produción de recursos co fin de xerar e manter novos soportes tecnolóxicos dispara as previsións de gasto enerxético

Precísanse minerais para os soportes tecnolóxicos. Segundo un estudio da universidade belga de KU Leuven, reducir as emisións de carbono en Europa implicará o dobre de níquel, o triplo de cobalto, o litio multiplicado por trinta e cinco, e as terras raras por vinte e seis. Galicia posúe reservas destas últimas e é a cuarta comunidade en obtención mineira, altamente química e contaminante dos recursos hídricos. Aínda así, o ámbito dos metais ocupa o último lugar da súa produción de riqueza. Isto é un doce para a visión oportuna: florecen dúas mil solicitudes de negocio.

Noutra zona executiva insisten na Transición Enerxética. Coidan a linguaxe: non é o Ministerio da Utopía. Soster a produción de recursos co fin de xerar e manter novos soportes tecnolóxicos dispara as previsións de gasto enerxético: segundo a Universidade de Copenhague, a enerxía precisada para adestrar un bot de intelixencia artificial coincide cunha viaxe de ida e volta á lúa. O emprego xeneralizado de instrumentos como ChatGPT quintuplicará o consumo mundial dos centros de datos. Simultaneamente, proxéctanse en Galicia vinte parques eólicos máis para duplicar a potencia producida, mesmo en reservas da biosfera, e prevense, a maiores, unha decena de eólicos marítimos. As consecuencias existen en positivo: non sabe ben a mocidade galega que posibilidades de futuro terá con eles, explicou a ministra aos aborixes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.