“A CURUXA MUDA DE CASA
Un día a curuxa atopou á rula.
-A onde vas?-preguntou a rula.
-Estoume mudando ao Leste -dixo a curuxa.
-Por que?- demandou a rula.
-Á xente de aquí non lle gusta o meu grallar -retrucou a curuxa-. Por iso quero marchar ao leste.
-Se podes mudar a túa voz, estará moi ben. Mais se non podes, anque marches ao leste será o mesmo porque á xente de alí non lles gustarás tampouco.”
Fábula Chinesa de Liu Siang
Se cadra non foi máis que unha coincidencia, mais o mércores, 9 de outubro cando os costarricenses comemoran a abolición da escravitude, As Pontes, un falcón que traballaba sen contrato espaventando aves no aeroporto de Santiago, fuxiu. Parece que as últimas novas situabano en Cuntis, aló pola bisbarra de Caldas. Terra de asentamentos megalíticos en polígonos industriais e de grandes homes como o canteiro de Sebil, aquel mestre marxista asasinado contra o muro do cemiterio de Boisaca en setembro do 36. Se cadra ao Horus de Lavacolla, criado en cautividade, metéronselle no corpo os azos de liberdade, farto xa de cazar aves para facilitar o voo desoutros falcóns 900 B aos que é tan afeizoado o presidente en funcións, ese que se orgulla de ter na trastenda todo un ministerio de Transición Ecolóxica.
Ficou As Pontes sen batería porque a máxica tecnoloxía aínda non deu con baterías que duren o que pagamos por elas, quer nos móbiles
Farto de portar a grilleta do GPS dos condeados a traballos públicos, o falcón As Pontes quixo, se cadra, sobrevoar esoutra calda que é a térmica de Endesa e ficou sen batería na mesmísima boca do inferno onde o carbón de Indonesia, arribado con moito derroche enerxético ate o porto de Ferrol, prendía o lume. Quixo sobrevoar a xigantomaquia das chemineas que xa non cuspían o fume daquel dragón elétrico fornecedor do témero Tártaro de San Cibrao, ese que esixe do governo un estatuto eletrointensivo que lle permita seguir sendo un mantido ate que se esgote o mineral. Ficou As Pontes sen batería porque a máxica tecnoloxía aínda non deu con baterías que duren o que pagamos por elas, quer nos móbiles, quer nos carros elétricos do novo maná prometido polo clúster do automóbil. Anque desta volta o esgotamento da batería xogara ao seu favor para non ser descuberto polo negreiro aéreo da arca marmórica.
Aventuro que o falcón quixo visitar ás aves rapaces da feira romana, esa que chaman de ambientación histórica onde as curuxas, azores, aigas, bufos e demais rapaces diurnas e nouturnas teñen que aturar a cruel diversión humana que -máis que achegar aos nenos á natureza e ao respecto a estes maxestosos animais- alentan o trafego ilegal e se cadra tamén fornécense da espoliación sistemática de crías de falcóns no Barbanza. O dono de As Pontes advirte que o falcón non ten utilidade á marxe da actividade para a que foi entrenado. A utilidade dun falcón para salvar a un Falcon. A tecnoloxía contra a natureza. A pantasma de Stuart Mill e o seu veleno utilitarista que nos educa para pór o mundo aos nosos pés.
Seica na Semana Verde de Silleda xente houvo que deixou de mercar vacas para mercar bufos ao rescoldo do fenómeno Harry Potter que tan capaz é de gentrificar a cidade de Porto como de aumentar o trafego ilegal de rapaces (refírome ás aves por se dúvidas houver).
Se cadra As Pontes, animada por tanta feira da historia, quixo restaurar das ruínas aquela cidade do antigo Exipto nomeada Hieracómpolis, centro de culto do falcón, onde o ollo de Horus no horizonte albiscara algunha saída a esta encrucillada de crecemento ilimitado. Porque na mitoloxía anterga, Horus e Seth eran os dous irmaos en eterna loita, o val fértil e o ermo maniño. A loita por recuperar o equilibrio perdido.
Se cadra o falcón fuxido 'As Pontes' sexa todo un símbolo que augura un mundo de escaseza enerxética e de recursos naturais que nos forzará a reducir a nosa pegada ecolóxica
Se cadra o falcón fuxido As Pontes sexa todo un símbolo que augura un mundo de escaseza enerxética e de recursos naturais que nos forzará a reducir a nosa pegada ecolóxica pois que estamos chuchando as riquezas das vindeiras xeracións.
Porque un falcón que viaxa é sempre mellor que viaxar nun Falcon anque sexa en clase turista e a prezo de tres planetas, xa que iso é o que necesitariamos se o nível de vida dos europeos se xeralizase a toda a poboación do planeta.
Só espero que non atopen nunca ao falcón fuxido para que sexa quen de organizar a liberación dos demais falcóns escravos dos aeroportos, entrenados na proteción da descarga de cereais transxénicos nos portos ou nos campos de golf e que as pombas da paz papen o grao da colleita roubada e as gueivotas rouben as pelotas nos campionatos de golf para encher de pelotudos ovos os seus niños.