De Fraga a Feijóo

Feijóo toma posesión ante Fraga en xaneiro de 2003, en imaxes captadas pola TVG © TVG

A obtención dunha nova maioría absoluta por parte de Núñez Feijóo alimentou unha posíbel análise comparativa coa traxectoria de Manuel Fraga. Algunhas semellanzas resultan obvias: os dous políticos do PP acadaron catro vitorias electorais consecutivas despois de dúas experiencias previas de gobernos de coalición (primeiro PSdG-CG-PNG e despois PSdG-BNG) e comezando -nos anos 1989 e 2009- cun resultado moi apurado de 38 escanos. Tamén coincidiron no feito de reforzar substantivamente as súas maiorías parlamentares nas lexislaturas posteriores á chegada á presidencia da Xunta. Outro factor común foi, sen dúbida, o hiperliderado indiscutido que disfrutaron estes dous dirixentes no interior do PPdG.

Poren, as diferenzas entre ambos mandatos tamén foron evidentes. Fraga -tal vez como consecuencia da frustración provocada polo seu fracaso na consecución da presidencia do goberno estatal- construíu un relato autonomista con ingredientes inéditos nunha figura das súas características: proposta de reforma do Senado para incentivar o seu carácter de Cámara territorial; institucionalización dunha Conferencia de Presidentes das CC.AA.; utilización do termo “autoidentificación” como bandeira simbólica xustificativa da reclamación de novas competencias ante a Administración central...

Esta liña de Manuel Fraga foi enunciada mentres Felipe González estaba na Moncloa pero, a partir da chegada de Aznar á presidencia do goberno do Estado en 1996, seguiu formando parte das axendas reivindicativas do Executivo galego e provocou algunhas tensións -en ocasións moi explícitas- coa equipa dirixente aznarista. Se a isto engadimos a consecución dun pacto -pouco antes do ano 2005- entre as formacións políticas do Parlamento arredor dun Plano de Normalización Lingüística teremos unha visión panorámica da versión fraguista do Estado das Autonomías. Dez anos despois da proclamada discrepancia co título VIII da Constitución, o fundador do PP protagonizaba  a súa particular reconversión como líder dunha Baviera galaica que ofrecía unha imaxe de maior peso específico da que tivera baixo os mandatos de Albor e Laxe.

O balance das últimas tres lexislaturas de Núñez Feijóo é significativamente diferente do que se pode tirar da traxectoria do seu antecesor. O actual presidente da Xunta non quixo abrir o proceso parlamentario para reformar o actual Estatuto, non solicitou novas competencias diante da Administración central (a pesar de que Mariano Rajoy gobernou con maioría absoluta entre 2011 e 2015) e nunca elaborou un discurso propio semellante ao que manexou Fraga durante a década dos 90 do pasado século. Para mais inri, desfixo o fráxil consenso lingüístico acadado no 2005 e rexeitou as demandas formuladas dende as organizacións defensoras do idioma para atopar un novo punto de encontro que permitira revitalizar a presenza do galego no tecido social.

Se Fraga foi quen de manter unha mínima actitude reivindicativa fronte aos gobernos de Aznar, Feijóo demostrou unha notábel submisión ante as políticas de Rajoy. Reservou os acenos de protesta para Pedro Sánchez -e despois para Pablo Iglesias- nunha nova demostración da utilización das institucións de autogoberno para favorecer os obxectivos fixados na rúa Génova ou para reforzar a súa carreira na política estatal.

No interior do PPdG, Fraga foi quen de afirmar a súa xefatura ante persoeiros -Romay, Cuiña, Baltar e Cacharro- que controlaban con man de ferro as súas leiras provinciais e mantiñan un inestábel equilibrio de poder coa dirección galega. Dende o 2006, o panorama orgánico mudou notabelmente: Feijóo non tivo que compartir o poder interno. Coa excepción de X.M. Baltar, o seu dominio nunca foi cuestionado e tampouco semella que o vaia ser no futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.