De “o máis grande de Galicia non se maltrata” a “a vida nunca foi tan grande”

De novo o goberno da Xunta volve amosar nunha campaña institucional o seu nulo compromiso co feminismo.

Non aprenderon de tódalas críticas pola campaña polo 25 de novembro (“O mais grande de Galicia non se maltrata”), campaña superficial e chea dunha perspectiva patriarcal do máis rancia na que presentaban as mulleres galegas como “xigantes” que se sobrepoñen a tódalas adversidades, comparándoas cos principais monumentos das catro provincias galegas, como se fosen un obxecto máis, parte do patrimonio material ao que se debera protexer.

Agora sacan unha campaña á que denominan “A vida nunca foi tan grande” para o programa de apoio á natalidade, coñecido como tarxeta benvida, na que unha vez máis se desenmascara a súa forma de entender a política neste ámbito. A mensaxe que transmite o vídeo promocional da campaña é totalmente inaceptable: O coidado de bebés é cousa das nais - sempre ledas e dispostas- (no citado vídeo non aparece ningún home), e de nais que dan o biberón ou papillas, como se a lactancia materna non existise. 

Nesta lexislatura a “gran aposta” de Feijoo polo fomento da natalidade foi e é irrisoria. Lembremos que entregaba unha “Caixa de Benvida” na que se incluían dous cueiros (si, dous!!), unha manta (“made in China”), un disco de cantos de berce (en castelán)... Seica se inspiraron no modelo finlandés, pero debeulles quedar a inspiración a medias, porque en Finlandia, entre outras medidas de conciliación, as axudas por crianza mantéñense ata os 18 anos.

Pero volvendo ao vídeo, nunha sociedade que reclama máis corresponsabilidade, onde as tarefas domésticas e de coidado sexan compartidas, nunha sociedade plural e diversa onde as familias non se reducen a parellas formadas por home e muller... ¿A quén representa este vídeo? Non reflicte nin o mundo no que vivimos nin no que queremos vivir!!!

A igualdade entre mulleres e homes, a loita contra as violencias machistas, non son temas prioritarios para o Partido Popular, basta tirar un pouco de hemeroteca para darse conta: Pacto de estado contra a violencia de xénero asinado e conxelado sen levar adiante nin a primeira das medidas (claro que a primeira que querían levar a cabo, que o 016 informase e asesorase a homes, incumpría o Pacto, ese é o nivel); respostas do tipo “neso non nos metemos” cando se fala de desigualdade salarial, etc, etc.

Neste eido a información, a educación, a sensibilización da sociedade... son esenciais como xeito de prevención, pero con campañas eficientes, con obxectivos claros de fomento da igualdade, non con campañas baleiras coma estas, que o único que fan é afondar no mantemento de estereotipos machistas.

Cos/as mesmos/as políticos/as non se poden facer políticas diferentes. A natalidade non se fomenta coas esmolas dunha tarxeta benvida, a natalidade foméntase con políticas activas de emprego (non con traballos precarios), favorecendo a conciliación, a corresponsabilidade, con prazas suficientes en escolas infantís (de 0 a 3 anos) e en garderías públicas... Se quen nos goberna non o entende, ou intencionadamente non o fai, deberan marchar e deixar a quen o faga.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.