Berlín é unha das capitais máis vibrantes de Europa. Atópase en constante transformación mentres ofrece un dos escenarios máis impresionantes da historia do século XX. Ten unha vida cultural vangardista pero non renuncia ás tradicións, como os mercados de nadal espallados por toda a cidade. A diversidade cultural e mais unha certa desorde administrativa converten a capital na menos alemá –e na máis divertida– das cidades alemás e volven demostrar que a mestizaxe enriquece. Pasear estes días polas rúas invernais de Berlín é un pracer estraño: todo anuncia a inminencia do nadal, pero apenas hai trazas da celebración do quinto centenario da reforma luterana. E iso que o 16% dos berlineses son protestantes! A famosa catedral situada no centro –a igrexa máis grande da cidade– é, de feito, evanxélica.
Lutero, quizais sen pretendelo, desencadeou un dos grandes cambios culturais de Occidente, cuxas bases foron a dimensión decisiva da conciencia, o principio de sola scriptura, que emancipou os cristiáns da tutela clerical, e mais os esforzos en materia educativa, sen os cales a xente humilde non podería ler a Biblia que o propio Lutero traduciu con enorme éxito. O frade agostiño ofreceu unha das dúas grandes respostas á crise que na súa época padecía a igrexa católica. A outra pode personificarse en Ignacio de Loyola, o puntal xesuítico da Contrarreforma. O que resulta probabelmente esaxerado afirmar é que a Reforma está na orixe do capitalismo, do Estado constitucional, da Ilustración, da secularización ou da liberdade relixiosa. Alén dos mitos, sabemos que Lutero –unha personalidade conflitiva e teimuda até o fanatismo fundamentalista– deu mostras sobradas dun odio demencial cara aos xudeus, así como de machismo e dun sanguinario autoritarismo político e social. O protestantismo foi un fenómeno impoñente, pero tamén deu lugar aos horrores teocráticos da Xenebra de Xoán Calvino, da Escocia de John Knox ou da Nova Inglaterra puritana. E quen queira entender a catastrófica decisión do presidente Trump de recoñecer Xerusalén como capital de Israel deberá fixarse no conservadorismo evanxélico estadounidense, sionista e escatolóxico.
Apenas se falou este ano doutros reformadores polo menos tan importantes como Lutero, por exemplo o francés Calvino (a quen Stefan Zweig lle dedicou un ensaio fascinante, Castellion contra Calvino: unha conciencia contra a violencia), e, sobre todo, o suízo Ulrich Zwingli. Pero o certo é que, en xeral, o quinto centenario da Reforma foi celebrado en Alemaña cunha contención tipicamente protestante. En Galiza, pola contra, non fixo falta contención ningunha: nin nos lembramos dos protestantes en xeral –máis dun terzo de todos os cristiáns!– nin dos galegos en particular. No ano 2000, Correos emitiu un selo con ocasión do vixésimo quinto aniversario da morte de Josemaría Escrivá de Balaguer, o fundador do Opus Dei. En comparación con tan sinalada data, o quinto centenario da reforma luterana parece unha parvada; ou iso debeu de pensar Correos, porque esta vez non houbo selo conmemorativo ningún. Cousas da nosa moi católica aconfesionalidade. En Berlín, mentres tanto, esperamos que nin Lutero nin Escrivá de Balaguer nos amarguen o nadal a cristiáns e non cristiáns.