Na actualidade en España un dos debates centrais en materia de política económica está xirando en torno a si, fronte a inflación e a recesión económica, se deben subir ou baixalos impostos. Un debate no que entraron distintas Comunidades Autónomas que, pola súa conta, están procedendo a rebaixas que afectan maiormente ao Imposto sobre o Patrimonio pero tamén ao IVE. Pola súa parte o goberno español parece decidido a aplicar un amplo paquete de medidas fiscais que, a espreitas dunha maior concreción, apunta a que combinara rebaixas que afectan tanto ao IRPF -con reducións nas rendas mais baixas- e ao Imposto de sociedades -con baixas para as pemes- como o IVE -para produtos de primeira necesidade e maior consumo-, con aumentos das cargas fiscais para as maiores rendas -bancos, grandes empresas...- e que suporán uns ingresos netos superiores aos 3.100 millóns de euros nos dous vindeiros anos. Debate que ten lugar nun marco macroeconómico en que as débedas públicas e privadas se disparan aínda mais logo de que o BCE, contra toda lóxica, decidira subir os tipos de xuro como medida de combate contra a inflación.
Debate que se produce nun contexto económico, marcado pola recesión e a inflación, que castiga moi especialmente as rendas medias e baixas. Impacto que, dado o nivel de desigualdade existente en España demanda un incremento das axudas aos colectivos mais desfavorecidos, que son maioría cada día que pasa, para o que resulta imprescindible, dado o nivel actual das débedas pública e privada, incrementar a presión fiscal pero tal e como está facendo o goberno español de quenda (PSOE/UP) que é poñendo o acento nas rendas altas que, por caso, so aportan o 10% do IRPF mentres o seu peso na riqueza nacional é do 42%.
Fronte a esta opción do goberno español as dereitas (VOX, PP) apostan polas políticas de oferta xa que, a pesares das evidencias empíricas, seguen defendendo -"teoría do goteo"- que rebaixando a carga fiscal as rendas altas (Imposto sobre o Patrimonio, IRPF; IVE...) se estimulan o consumo e o investimento e con eles o crecemento económico. Un dogma que, como sinalaba, no resiste a comparación coas experiencias históricas e que as dereitas españolas manteñen a pesar de que, por caso, tanto o FMI como a OCDE -que deberan selas biblias para aquelas- recomendan subila presión fiscal as grandes empresas e fortunas.
Resulta oportuna subliñar que este debate se produce nun estado da Unión Europea con un nivel de presión fiscal media baixo (37,5% do PIB) e claramente inferior a media europea (41,3%) pero con un nivel de fraude fiscal elevadísimo -segundo os expertos de GESTHA supera anualmente os 90.000 millóns de euros- que en mais dun 75% procede das sociedades e empresas pertencentes ao IBEX35. Unha realidade fiscal que apunta a que España aínda está moi lonxe daquela situación en que algunhas teorías ortodoxas apuntan a que unha presión fiscal alta resulta contraproducente para o crecemento económico. En España as evidencias demostran que a resposta favorita das rendas altas a unha maior presión fiscal é a evasión e a elisión fiscal no que somos un dos estados europeos que lidera este rango. Velaí que as medidas fiscais que está poñendo en marcha o goberno español de quenda deban acompañarse dun maior e mais rigoroso control da fraude fiscal.
Estas evidencias conducen a defender que España debe afrontar, incluso nunha conxuntura como a actual marcada pola recesión e a inflación, unha reforma fiscal que leva moito tempo aprazada. Unha reforma que avance en xustiza fiscal incrementando a participación das rendas de capital -especialmente das mais elevadas- na recadación e mellorando a loita contra a fraude fiscal. O exemplo dos "trinta anos gloriosos" debera ser tido en conta pois cunha presión fiscal moi elevada -a taxa marxinal do Imposto sobre a renda chegou nalgúns países ao 94%- as economías occidentais tiveron un crecemento económico histórico con índices de paro do 1,5% e niveis de benestar nunca coñecidos. En sentido contrario múltiples investigacións demostran que as xeneralizadas baixadas de impostos que tiveron lugar, por caso, entre 1966 e 2015 a ámbolos dous lados do Atlántico tiveron un efecto igual a cero: as economías dos países que baixaron os impostos nin xeraron un maior crecemento económico nin crearon mais emprego. Un período de redución de impostos que foi tamén un período de estancamento do investimento e de forte crecemento das débedas.
Para rematar subliñar que as dereitas españolas (PP, VOX) que apostan pola baixada de impostos aos ricos -en Galicia os patrimonios superiores aos 2 millóns de euros, unhas 8.000 familias, pagarán a metade- están obrigadas a aclararlle a cidadanía onde van a recortar -as reformas fiscais propostas polas CCCAA rexidas polo PP supoñen uns 10.000 millóns de euros menos de recadación para os servizos públicos- e como van a impedir que suban as xa moi elevadas débedas públicas e privadas.