Vérmonos como parte dunha sociedade é o lóxico, que temos asumido. Por suposto, hai e seguirá a haber diferenzas de todo tipo entre nós. Entre elas, o xeito no que miramos á sociedade á que pertencemos, ó noso pobo. Palabra esta, pobo, que pode aguantar dende un só lugar dunha aldea ata a humanidade enteira. Quizais por iso mesmo, por esa diferenza de escala á que pode ser usada, tendemos a xeneralizar cara a sociedades máis grandes, que controlamos menos, o que temos percibido e/ou asumido para sociedades máis pequenas, como a que se desenvolve a nivel pobo ou Galicia.
O anterior ven a conto do tema do declinar demográfico de Galicia, que leva xa tempo baixando de poboación. De xeito cada vez máis acusado, e a pesar mesmo da inmigración que non cesa. Ou da poboación de Ribadeo, que dende hai quince anos se mantén no entorno dos 10000 habitantes, cen arriba, ou máis ben cen abaixo. Aínda hai pouco falaba cun amigo do caso de vilas como Meira, que como núcleo urbano non perde poboación mentres se alimenta dun entorno que vai quedando baleiro. Cando chegue a un punto de baleirado do entorno meirense, que lle ha pasar á vila?
Pois a nivel mundial, con todas as diferencias de escala ou entorno, a cousa leva un camiño abondo semellante. Máis adiantado no tempo nalgúns lugares, máis atrasado noutros. Europa tiña, no ano 1950, máis de dúas veces a poboación de Africa. Cara a 1995, a poboación era semellante. E hoxe, África ten máis do dobre de poboación que Europa. Naturalmente, iso implica un cambio de importancia dunhas zonas respecto a outras, unha relación co medre económico, unha necesidade de recursos diferente, etc. Segundo diferentes estimacións, está previsto que a poboación mundial chegue a un máximo entre o 2060 e o 2090, acadando entre 9 e 10,5 mil millóns de persoas. Unhas variacións moi importantes en tempo e cantidade, que con seguridade serán revisadas múltiples veces aínda, pero que vemos como unha crise de poboación que engadir as outras de todo tipo que temos xa aquí ou que ollamos nun horizonte próximo.
Sei que os datos puntuais poden servir para testemuñar unha tendencia ou polo contrario, unha excepción, pero non deixa de ser curioso botar unha ollada sobre algún deles que podemos atopar en moitos lugares. Por exemplo, despois de séculos como o país máis poboado do mundo, a China remata de pasar a segunda posición, por tras da India. Máis de dúas décadas de política de 'fillo único' facíano inevitable dende hai tempo. Hoxe por hoxe, o terceiro país máis poboado son os Estados Unidos de América. En pouco máis de dúas xeracións, Nixeria, Paquistán ou o Congo (República Democrática do Congo) está previsto que teñan abonda máis xente que os EEUU. O que nos leva a outra curiosidade: nos próximos 20 anos, un de cada dous nacementos terá lugar en África. Por outra banda, a poboación será cada vez máis urbana. No 2025, a urbe máis poboada, Toquio, terá unha poboación de 3/4 da de España na actualidade. En 20 anos, está previsto que Bombai teña unha poboación equivalente ó 90 % da española actual. Uns 20 anos despois, Kinshasa superará á España actual en 10 millóns de persoas. Só para que,cara a fin de século, a capital de Nixeria, Lagos, acade unha poboación dobre que a que acubilla o estado español na actualidade. Poboación que daquela, abondo probable, será menor. Iso, como deixa a idea de que Madrid é unha gran cidade?
Costa traballo afacer a nosa mente a cambios así. É certo que escápanse ó noso control individual, pero tamén o é que nós, coas nosas actitudes e as nosas accións, entramos na fabricación desas proxeccións. Tanto para a súa confección como para sufrir ou desfrutar dese mundo que prevén. Queiramos ou non.