De vías e pasos clandestinos

A pertenza a unha só esfera non abonda para amosar o rexistro no que nos movemos. Mais acontece que o lindeiro simplifica o diverso, crea encrucillada,  achega o que Onfray cualificaría de "dualismo saudábel" ao servir de lévedo unificador que permite visibilizar os intereses diverxentes e as frustracións, achegando un principio selectivo que materializa un alzado - para o dicir en termos arquitectónicos-, un recoñecemento, un poder e un dominio, unha lubre clandestina e un gozo. Unha lúdica cadea humana, para unha data reivindicativa, a Diada, a festa nacional de Catalunya.

As fronteiras impoñen, os límites supoñen un suplemento de potencia, achegan unha actitude moral, unha ética da comunicación, estabelécense por recoñecemento e por acordo porque sempre haberá a posibilidade de saída ou de fuxida

Lémbrao ben Manuel Rivas no Lapis do carpinteiro cando afirma "que o bó que teñen as fronteiras son os pasos clandestinos". De feito, non é o mesmo un lindeiro cá unha fronteira. As fronteiras impoñen, os límites supoñen un suplemento de potencia, achegan unha actitude moral, unha ética da comunicación, estabelécense por recoñecemento e por acordo porque acubillan a posibilidade de saída ou de fuxida. Escenifican como nos matrimonios ben acaídos a lealdade porque sábese garantido que as dúas partes teñan voz e posibilidade de dó,  non de apego saudoso, senón de  escolla, mais tamén de despedida.  De canta clandestinidade serán capaces a actual democracia emprazada e a Constitución como fronteira?

O que a acción simbólica da cadea humana transfronteiriza (de Le Pertús até Alcanar ) veu de restituír onte en Catalunya na práctica ritual é o seu sentido pre-nacionalista ao expor a idea de que as fronteiras son o resultado de precipitados históricos que se tornaron inamovíbeis. Serviu, talvez, para cuestionarmos se a linguaxe universalista na que se expresan os conceptos clásicos de representación e participación nos estados uninacionais (“cidadanía”, “soberanía popular”, etc) responde hogano á lexitimidade democrática dos estados plurinacionais. Cal é o demos lexítimo? Que tradución política ten o proceso de autorrecoñecemento e reconstrución da memoria colectiva dos grupos nacionais? Esta loita polo recoñecemento dos grupos excluídos pola linguaxe universalista - lesionando e punindo as minorías nacionais e lingüísticas, as mulleres, os non propietarios, os desempregados, etc- e o seu correlativo demos único amósase como un atranco estrutural do  constitucionalismo clásico e do modelo federal en estados plurinacionais.

Após séculos de exercer o poder dun xeito continuado e case sempre de xeito autoritario, o poder político español semella impasíbel fronte a radicalidade democrática da rúa, mesmo nas súas versións propositivas e construtivas, dende os horizontes abertos co 15-M

Após séculos de exercer o poder dun xeito continuado e case sempre de xeito autoritario, o poder político español semella impasíbel fronte a radicalidade democrática da rúa, mesmo nas súas versións propositivas e construtivas, dende os horizontes abertos co 15-M até os que onte pedían poder votar para decidir.

Eis o que a Vía Catalana vén de mostrarlle a España e ao mundo coa mobilización do gozo: o déficit democrático (constitucional) das democracias plurinacionais. Dito en termos de Teresa del Valle, un ritual de participación política no espazo que debulla as fendas institucionais e formula unha pregunta sobre a lexitimidade democrática e as súas formas de concreción e representación que malia as diferencias nos retrotraen -no que ten de intersección e combinatoria- ás concentracións do 15M e serve, como calquera acto simbólico-reivindicativo, a máis dun eixo de acción, coas súas variantes de modulación, reacción  e combinación, de contrapoder ou de xestión das angustias da crise: sexa dende o identitario, o social, o nacional ("dereito a dicidir") ou dende o municipalismo arternativo. Organización complexa , sen dúbida. Suceso organizativo e mediático malia non ter o apoio institucional dos partidos políticos de ámbito estatal que agora deberán defrontar e resituar o debate soberanista no seo da ambigüedade do seu discurso (seica agora no PSC están a asisar se subscriben o manifesto do Pacte  pel Dret a decidir ).  Grandísima mobilización de xente que xunta fixo a Via  e que non pensa igual, e doutra moita xente que non participou e que en ausencia sirve para non simplificar a euforia. As “maiorías silenciosas”, como é sabido, tamén son o 40 ou o 50%  do eleitorado que nunca vota.

Calquera intento de confrontación das dúas racionalidades, da rúa e da acción política parlamentar, non sería bo para o proceso soberanista que terá que sustanciarse en forza electoral e en negociación

O acontecemento é mérito de todos e de ninguén, da xente e dos representantes. Calquera intento de confrontación das dúas racionalidades, da rúa e da acción política parlamentar, non sería bo para o proceso soberanista que terá que sustanciarse en forza electoral e en negociación. Para non perder o a forza, a Assemblea Nacional Catalana debería acrecentar a súas  cotas de inclusión no proceso para que ninguén se sinta excluído.  Serviu en calquera caso para desmontar a leria de que é cousa de Mas. Serviu en calquera caso para desmontar a leria de que é cousa de Mas ou que a defensa do dereito a decidir é unha argucia minoritaria.

Que a teoría política clásica se alicerzou en contextos sociais caracterizados por unha menor complexidade e unha maior homoxeneidade do que os actuais non debera servir para infravalorar a operatividade real dos Estados nacionais, soerguidos en procesos traumáticos que alicerzan hoxe a normalidade (normatividade) liberal-democrática e que continúan a axir, porén, como artefactos nacionalizadores e homoxeneizadores nun contexto de mundialización que non convida a tirar a precipitada conclusión de que a independencia sexa un concepto desfasado xa que o problema non deriva da viabilidade dun estado catalán senón da falta de articulación interna dos grupos nacionais dun estado plurinacional ancorado nun constitucionalismo  con conciencia de inevitábel, é dicir, con tañeiras, sen saídas, sen pasos clandestinos.

O problema non só é a diferencia cultural senón que se acadou mesmo a conxuntura contraria, os cataláns interiorizaron até as súas últimas consecuencias os valores do constitucionalismo tradicional

Que as visións alternativas ao nacionalismo español partillen algúns plantexamentos vitimistas, historicistas ou de narcisismo colectivo, dificilmente poderá erosionar as dúas posicións percibidas. Unha de corte máis pragmático (o realismo de quen terán que xestionar o conflito dende o que hai), e aqueloutra, máis moral, na que o potencial democrático non está esgotado e abrangue  as diferencias en multitude de marcos empíricos, entre deles, a reformulación en termos de xustiza e dereitos das relacións dos grupos nacionais dentro da mesma democracia emprazada.

As posicións inmobilistas non deberan teimar na negación da realidade. O problema non só é a diferencia cultural senón que se acadou mesmo a conxuntura contraria, os cataláns interiorizaron até as súas últimas consecuencias os valores do constitucionalismo tradicional, medíndose por eles a axindo en consecuencia. As autonomías foron concebidas en orixe como desviacións identitarias do estado liberal-democrático emprazado  ("concedidas en mala hora", dicían) en nome  dun demos homoxenizador ( “soberanía popular”) que semella estar disposto a ignorar o benestar propio ( a paz institucional) se  con ese abandono inmobilista priva ao outro grupo nacional do seu gozo e plenitude. Chegado o momento, albíscase un maior pragmatismo en Europa do que no estado español porque faria parte con toda probabilidade do espazo Schengen, do mercado común  e da UE.

Só hai un escenario de encontro posíbel, as negociacións das condicións do referendo aínda que este se substancie na trivial  pregunta de levar a cabo unha reforma da Constitución

Mobilizarse de xeito permanente e disciplinado sen que iso se traduza en proveito tanxíbel, ten o seu período de latencia, entón adoita dicirse que non é viábel no tempo. Co de onte demóstrase que as solucións pasadas xa non existen perante o retorno da historia. A incerteza non está servida só do lado dos que albiscan no proceso catalán unha aventura de emancipación, senón do lado dun  Estado e dunha democracia emprazada que é conservadora e que presenta unha preocupante “falta de urxencia”, falta de mudanza e de reinvención fronte calquera interpelación que poida poñer en cuestión as normas instituídas. Esta é a Catalunya post-autonómica. E os galegos deberiamos gorentar do seu gozo para mellor debullar os nosos propios pasos clandestinos, as nosas saídas.

Só hai un escenario de encontro posíbel, as negociacións das condicións do referendo aínda que este se substancie na trivial  pregunta de levar a cabo unha reforma da Constitución. O president Mas vén de recibir unha mensaxe inequívoca. Tamén o goberno español, que vén de ser convocado diante do espello da comunidade internacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.