De vitoria en vitoria, até a derrota final

Karl Marx Dominio Público

A esquerda do século XX e do que vai do século XXI non se entendería sen as achegas filosóficas e políticas de Karl Marx, incluso a daquela esquerda que non se identifica no seu ámbito cultural.

Desde a metade do século XX a socialdemocracia foi construíndo unha opción ‘laica’, capaz de convivir co capitalismo e con capacidade de xestionar esferas de poder democrático. Pola contra, as opcións comunistas ou postcomunistas - construídas tras a caída do muro de Berlín -, fixérono desde posicións máis ‘teolóxicas’ recoñecéndose como herdeiras do marxismo.

A globalización e o capitalismo financeiro ten volto a poñer en evidencia a incapacidade de renovación da esquerda e o seu gusto por enrocarse nos mesmos alicerces doutrinais. Sería lóxico pensar que se a realidade cambia o pensamento debe cambiar. Cabería esperar que os seguidores dunha teoría que definen como ‘científica’ non construísen realidades que se dan de bruzos contra a física cuántica

É a Engels; colega, legatario e mellor coñecedor do pensamento do seu amigo; a quen se concede a autoría da frase: “Marx construíu unha teoría para xigantes e os seus discípulos son uns pigmeos”. E nada máis próximo da realidade.

Desde a época de Marx a realidade cambiou tanto como inversamente proporcional tense fosilizado o pensamento da esquerda.

Aínda que é certo que é tras a caída do muro de Berlín cando máis desnortada parece a esquerda, cometeriamos un erro se ligásemos ao fracaso do modelo soviético o único elemento que explica a actual situación.

O corpo doutrinal do pensamento de Marx e Engels; que ben podería ser catalogado pola UNESCO como ben inmaterial da humanidade pola súa multidimensionalidad nos ámbitos da filosofía, antropoloxía, socioloxía, economía e política; ten dous problemas orixinais difíciles de resolver.

O primeiro problema, e máis importante, é de carácter filosófico. A fortaleza da filosofía marxista está na dialéctica (hegeliana) e no seu carácter empírico, que á hora de abordar desde un punto de vista materialista é fácil que se atope con elementos de difícil encaixe. É o problema que ten “poñer boca abaixo” a dialéctica idealista de Hegel

Marx sempre foi consciente desta cuestión e aínda que a súa preocupación principal estaba na análise social máis que na cuestión do encaixe entre dialéctica e materialismo, sabía que esta non era unha cuestión menor desde un punto de vista estratéxico e que podía provocar co tempo a construción dun pensamento mecanicista e dogmático. O problema era menor sempre que estivese en mans de persoas coa habilidade dun cirurxián social como Marx ou Engels, pero volveríase nun problema central en mans de persoas sen as súas habilidades intelectuais. Non hai cousa peor que uns seguidores iluminados - cabe lembrar aquí a afirmación de que a orixe da Alemaña totalitaria do trinta do século pasado está no conflito civil entre seguidores de Hegel de esquerdas e de dereitas -.

Nunha entrevista nos anos 50 a Georg Lukács a propósito dos problemas do mecanicismo do pensamento marxista, o pensador húngaro explicaba a importancia que a estas contradicións e o tempo que lle dedicaran os seus colegas mostrándose pesimista respecto diso á solución das mesmas. Lukács dicía entón “o mais dotado de todos nós (Antonio Gramsci) dedicoulle un gran cantidade de tempo a resolver esta contradición e nin tan sequera el foi quen de dar unha solución á mesma”.

Pablo Fernández © Podemos

Alguén pode pensar que este aspecto filosófico é menor no declive actual da esquerda, e aínda que é verdade en termos prácticos, non deberiamos desprezar esta cuestión que define como se foi forxando o propio corpo doutrinal do marxismo contemporáneo; máis en momentos de cambios paradigmáticos, epistemolóxicos e ontolóxicos como os que vivimos. A maioría das persoas cren que a filosofía de Karl Marx e Friedrich Engels denomínase ‘materialismo dialéctico’ porque así o definiron eles, pero polo seu pensamento ilustrado e laico isto sería imposible. En realidade, é o ruso Gueorgui Plejánov, divulgador do marxismo en Rusia, o que acuñou por vez primeira esta nefasta denominación.

O segundo problema, é de carácter político. Teño escrito hai tempo, de forma provocativa, que a esquerda leva 150 anos en crise. A temporalidade non é aleatoria, fágoa coincidir coa aprobación do Programa de Gotha (1875), programa do primeiro gran partido socialdemócrata, nacido da fusión das forzas obreiras alemás.

A esquerda no que vai de século XXI, desprendeuse do seu programa globalizador e internacionalista refuxiándose en proxectos locais, no mellor dos casos resistencialistas. Namentres o populismo de extrema dereita levantou a bandeira dun nacionalismo antiglobalista, atractivo en sectores excluídos no proceso de globalización neoliberal

A división no seo da esquerda obreira europea foise acrecentando desde finais do século XIX - tendo o seu momento máis intenso coa aprobación dos créditos de guerra na primeira contenda mundial por parte dos parlamentarios socialdemócratas -, entre radicais e reformistas. Pero en realidade a crítica que Marx e Engels fan ao Programa de Ghota non é polo seu carácter parlamentarista ou reformista, senón polo seu carácter corporativo – nun primeiro momento concretado no seu obrerismo e, posteriormente, nos anos trinta do século XX no seu nacionalismo -.

A desgraza para a acción dos partidos de esquerda é que o marxismo ‘triunfase’ nun país como Rusia con escasa tradición democrática, pouca cultura burguesa e obreira, e unha gran influencia de pensamento anarquista e nihilista, con simpatías pola acción terrorista, e moi condicionado pola concepción doutrinaria do marxismo ruso.

En realidade, tras a revolución soviética a división internacional da esquerda concretouse en socialdemócratas e comunistas, aínda que en realidade coincidían no mesmo paradigma corporativo que criticaba Marx, e que simplemente supuxeron a división entre unha esquerda liberal e outra totalitaria, pero bebedores dos mesmos dogmas.

A división só serviu para asentar dúas propostas de esquerda igual de incapaces de dar unha alternativa ao capitalismo. Unha por defecto e outra por exceso. A socialdemocracia avantaxou á proposta comunista na súa capacidade de inmersión na realidade democrática, namentres que a proposta comunista (ou postcomunista) soamente resulto exitoso baixo réximes autoritarios sustentados no terror ou cando as súas propostas superaron os seus límites orixinais entrado en espazos sociais transversais propios da socialdemocracia - como o caso do eurocomunismo italiano -, ou reformulando espazos de impulso democrático - caso da Fronte Ampla Uruguaia ou a PT de Brasil no seu día; ou máis recentemente o Podemos orixinario ou a Fronte Ampla Chilena -.

En todo caso, a globalización e o capitalismo financeiro ten volto a poñer en evidencia a incapacidade de renovación da esquerda e o seu gusto por enrocarse nos mesmos alicerces doutrinais.

Sería lóxico pensar que se a realidade cambia o pensamento debe cambiar. Cabería esperar que os seguidores dunha teoría que definen como ‘científica’ non construísen realidades que se dan de bruzos contra a física cuántica. Debería ser razoable pensar que se a evolución sempre é a mesma - recomposición, reunificación do espazo, refundación e ‘nova’ formula; para despois dun certo respiro, volver ser incapaz de presentar unha oferta gañadora -; quizais o problema está no núcleo medular do pensamento propio da esquerda, tal como coñecémola desde finais do século XIX e que o que conviría sería empezar desde unhas bases paradigmáticas novas e diferentes, esquecéndose para sempre dos que foron os alicerces doutrinais da mesma.

Alguén podería pensar a que vén a conto este artigo, cando hoxe o que toca é falar da enésima derrota anunciada da esquerda en Castela e León. Realmente, dáme preguiza e non sabería que novo achegar ao que xa escribín cando as derrotas andaluzas, galegas ou madrileñas

A esquerda no que vai de século XXI, desprendeuse do seu programa globalizador e internacionalista refuxiándose en proxectos locais, no mellor dos casos resistencialistas. Namentres o populismo de extrema dereita levantou a bandeira dun nacionalismo antiglobalista, atractivo en sectores excluídos no proceso de globalización neoliberal.

A esquerda da primeira metade do século XX intentou abordar o chovinismo das elites da socialdemocracia construíndo un enxendro denominado marxismo-leninismo, e posteriormente xustificando réximes totalitarios, e mesmo xenocidios, como erros naturais nos procesos de emancipación social. A esquerda da primeira metade do século XXI parece cometer o mesmo erro cunha nova fuxida cara a adiante situándose fronte aos valores da laicidade, a ciencia e a democracia.

Alguén podería pensar a que vén a conto este artigo, cando hoxe o que toca é falar da enésima derrota anunciada da esquerda en Castela e León. Realmente, dáme preguiza e non sabería que novo achegar ao que xa escribín cando as derrotas andaluzas, galegas ou madrileñas.

Fronte aos grandes retos que ten a humanidade por diante os problemas domésticos da esquerda española son só unha verruga nun corpo gangrenado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.