Debedas públicas, debedas privadas: unha enorme estafa

O ano 2015 rematou dándonos algunhas novas económicas encol do estado das débedas sobre as que vale a pena facer unha pequena reflexión dada a utilización política que das mesmas se fixo no seu día e que se segue facendo. Como por caso aquilo de que a crise foi por causa de que “vivíamos por riba das nosas posibilidades”.

Segundo nos informa o Banco de España no ano 2015 a débeda financeira do conxunto das Administracións Públicas españois situouse en 1,08 billóns de euros que equivalen practicamente ao 100% do PIB.  Pola súa parte a débeda privada (familias, empresas, bancos) situouse nos 2,8 billóns de euros que equivaleron ao 260,1% do PIB español.

Se votamos a vista atrás vemos como estas dúas débedas tiveron un distinto comportamento durante a longa recesión que seguiu a grande crise (2008). Mentres a débeda pública disparouse dende o 39,5% do PIB -0,45 billóns de euros- ao 100% do PIB    -1,08 billóns-, é dicir que se duplicou. A débeda privada diminuíu lixeiramente pasando do 332,1% do PIB -3,7 billóns de euros- ao 260,1% do PIB -2,8 billóns-. Parecera pois que os axentes privados, a pesar da recesión, foron quen de facer un maior esforzo de aforro do que foron as administracións públicas. 

Aínda que nalgúns datos sobre as débedas poda haber unha certa inseguridade sobre a súa fiabilidade a evidencia confirma rotundamente que cando estoupou a crise (2008) o grande problema era a débeda privada (familias, empresas, bancos) que estaba situada nos 3,7 billóns de euros equivalentes ao 332,1% do PIB –os bancos eran quen tiñan a débeda mais elevada: 1,54 billóns de euros equivalentes ao 138,2% do PIB-. Un monto moi superior a débeda pública que estaba situada nos 0,45 billóns de euros equivalentes ao 39,5% do PIB. Un dato que reflicte, asemade, como aquela –a débeda pública- non era realmente un grave problema macroeconómico. Nese mesmo ano (2008) a media das débedas públicas na UE situouse no 61,5% do PIB, con Francia (68%) e Alamana (65,9%) por riba desa media e, claramente, de España.

Pero logo dunhas durísimas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial xustificadas polas elites políticas, económicas e mediatices en que tiñamos uns elevados déficits e débedas públicos -por que “vivíramos por riba das nosas posibilidades”-, atopámonos con que, tal e como sinalaba, a débeda pública disparouse ata situarse nos 1,08 billóns de euros que equivalen ao 100% do PIB e que ven a ser o dobre do valor que tiña cando estoupou a crise. Agora si que a débeda pública pasou a ser un problema macroeconómico relevante e polas razóns que xa apuntamos nalgún artigo anterior (“Déficit público e mentiras”, PRAZA PÚBLICA, 17.04.2016) que teñen que ver cos rescates bancarios e as axudas as grandes empresas con diñeiro público. Unha débeda pública que, hai que sinalalo, na súa mais grande parte é –foi sempre- propiedade da banca española e europea. Unha débeda que é un autentico espolio de recursos públicos pois os xuros que se pagan –servizos da débeda- xa supoñen o terceiro maior gasto público do estado español e equivalen a un 3% do PIB. No que vai de lexislatura (PP) España pagou so de xuros da débeda pública un importe superior aos 121.500 millóns de euros. Estamos ante UNHA ENORME ESTAFA xa que a pesar deses pagos a débeda financeira pública non para de medrar.

Disparouse a débeda financeira pública mentres que no grupo das débedas privadas, e votando man dos datos de que dispoñemos se a débeda das familias caeu 13,9 puntos         –pasou do 81,7% do PIB ao 67,8%-, a débeda das empresas tamén diminuíu –26,5 puntos: pasando do 112,2% ao 85,7% do PIB-, ao igual que sucede coa débeda dos bancos que, a pesar do escurantismo nos datos, parece ter diminuído asemade –31,5 puntos: pasou do 138,2% ao 106,7% do PIB-. Catro aspectos a destacar dentro desta dinámica das débedas privadas:   1º. Hai, si é certo, unha notable redución das mesmas (dende o 332,1% do PIB ao 260,1%: 72 puntos), 2º. Unha redución que, como dixen antes, no caso dos bancos foi grazas aos rescates bancarios con diñeiro público, e no caso das empresas débese maiormente aos beneficios fiscais e/ou as vantaxes administrativas concedidas polo goberno as grandes empresas –moitas das cales teñen filiais nos paraísos fiscais para non pagar impostos-, 3º. En ámbolos dous casos –bancos e empresas- a redución desas débedas privadas é grazas a súa transformación en débeda pública –velaí unha das razóns do crecemento desta débeda financeira- e 4º A débeda dos bancos, a pesares das axudas públicas, segue a ser a mais elevada entre as débedas privadas.

Datos estatísticos que amais de reflectir o fracaso mais absoluto da política gobernamental do PP (Mariano Rajoy-Cristobal Montoro-Luis de Guindos, dado que o seu obxectivo estratéxico era a redución dos déficits e as débedas públicas), mostran tamén as mentiras en que se apoiaron os seus argumentos políticos. Un fracaso que se vía vir pero que tamén se ten que relativizar pois como sinalamos (“A vella loita de clases”, PRAZA PUBLICA 22.03.2016) hai a quen lle vai moi ben con estas políticas –especialmente os bancos e as grandes empresas-. Vaille ben porque esas políticas teñen como obxectivo utiliza-las débedas públicas e privadas para gran beneficio das rendas altas e moi especialmente dos bancos. Uns bancos que, a pesares dos rescates e as débedas,  seguen, coa axuda do BCE e o goberno español, especulando coa débeda soberana española.

Unhas mentiras, impostas pola troica (BCE, CE, FMI), que queren esconder unha grande ESTAFA xa que as débedas son consecuencia de políticas que serven para que as rendas do capital consigan a conta das rendas do traballo unhas ganancias crecentes e zumarentas. Unhas ganancias que medran ao tempo que caen as rendas do traballo facendo que cada vez mais familias galegas i españolas vivan ao borde da pobreza e que, entre outros efectos, provocan que a taxa de suicidios entre as clases populares se dispare en Galiza e en España.

A nivel macroeconómico esta situación das débedas –públicas e privadas- incide na enorme debilidade que presenta a demanda en Galiza e en España que impide a recuperación económica. Unha debilidade que afecta ao gasto global: familias –elevado desemprego, caída dos salarios, elevada débeda-, empresas –elevada débeda, caída das vendas, baixo investimento- e administracións públicas –austeridade fiscal, déficits e débedas públicos disparados, sen control-. Unha debilidade da demanda que explica a grande recesión na que nos atopamos.

Unha recesión que se mantén ao tempo que se está inchando unha nova burbulla: a burbulla da débeda pública que, como sucede con todas as burbullas rematará estoupando con consecuencias imprevisibles dada a súa extensión e dimensión. Unha recesión que se prolonga cuns bancos que seguen a manter, a pesar das axudas públicas, unhas débedas moi elevadas que poñen en cuestión a súa actual solvencia.

A tristeza é que eses argumentos neoliberais (“os problemas son o déficit e a débeda públicos”) son tamén os argumentos de formacións políticas que se presentan como modernas e alternativas.

Ver para crer!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.