Deberes

Tento anotar nos post-it mentais tódalas cousas que hai que facer. Hai quen  fai ó revés despois de cumprir cos asuntos pendentes: sendo notario do cotiá, vai tachando de vermello o paso dos días, as tarefas, os traballos, os graos de area da conta atrás. O concepto de “o que hai que facer” é  relativo e sempre pode rematar nun absoluto: o forzoso. Ou, nese limbo estraño que ordenan as verbas e a sintaxe, pode converterse no que ten que ser, no desexable, no xusto.

Ogallá houbera un xeito de programar todo iso, de transformarse nunha superheroína e poder amañar  xusticeiramente todo o que, ó meu criterio, pensase que non está ben. E ollar para o rematado con moita satisfacción, ás mans nas cadeiras e a capa ondeando ó vento. Pero de momento terei que asumir que, nesas pequenas notiñas de cores haberá parte deses deberes que si fan que todo o pequeno, o relativo, funcione. 

Eu pensaba que os chamados deberes para a casa, eran algo que se pensaba coma un reforzo, un complemento. Que, quizais, podería fomentar a autonomía, certa estratexia de traballo e responsabilidade, pero resulta que non, que o que poden fomentar é a competitividade entre os alumnos

Non é que eses garabatos apresurados, con datas de vencemento de recibos e bombonas case baleiras conduzan a vida, xa dixen, por onde nós queremos. Máis ben son diques para conter a desmemoria. Tamén unha podería rebelarse contra esa orde doméstica e decidir pasar de todo e sobrevivir sen planificación. Como os pais franceses, que están fartos de facer deberes.

Non é que decidan non ser pais. Deciden non seguir pasando tardes axudando a facer -ou facendo- traballos escolares dos cativos. Eu pensaba que os chamados deberes para a casa, eran algo que se pensaba coma un reforzo, un complemento. Que, quizais, podería fomentar a autonomía, certa estratexia de traballo e responsabilidade, pero resulta que non, que o que poden fomentar é a competitividade entre os alumnos, a discriminación entre os que poden ou non recibir axuda.

Xa choveu moito desde que eu facía exercicios de inglés e problemas de mate. Na casa non me daban as respostas cando eu preguntaba polo significado das palabras, dábanme un dicionario. Tamén me rifaron algunha vez por recoñecer non estar atenta ás explicacións e non saber completar aqueles exercicios tan estraños, unha vez que baixara daquel planeta no que pasara a hora da materia correspondente. E non había coartada na casa.

Pode que haxa que reorientar o sentido deses deberes que enchen as mochilas dos nenos: para que e para quen

Pode que haxa que reorientar o sentido deses deberes que enchen as mochilas dos nenos: para que e para quen. Pode que sexa necesario pensar se a aprendizaxe ten que viaxar no mesmo campo semántico que a competitividade. E deixar un oco para aprender sobre a frustración, a independencia, as lecturas e o xogo coma tal. A nenez, nada máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.