Decrecemento ou barbarie (coronavirus)!

Agora nesta situación tan crítica teño moi presente as vosas risas e o voso desprezo cando vos dixemos que non podiamos seguir por este camiño. Non fixestes caso ningún e agora temos o que temos e o que esta por chegar que non vai ser mellor senón todo o contrario. Levamos anos dicindo (no meu caso non menos de 10) que isto ou algo similar (que antes ou despois vai vir tamén) podía pasar. E non o dixemos sen base científica ningunha. Apoiamos os nosos argumentos no mundo da ciencia á que agora lle reclamades unha solución rápida para poder seguir coa vosa vida de progreso e modernidade.

A vosoutros non vos importamos nada. Ignorádesnos, como ignorades as nosas reclamacións, as nosas queixas, as nosas suxestións porque no fondo non nos vedes mais que como carne de canón. Penso que o que realmente pensades e que somos moitos e que sobramos. Non facemos máis que estorbar a hora de que poidades seguir esquilmando o territorio, contaminando os rios e os mares, vertendo veleno ao aire, matando persoas por uns kg de ouro no corazón do amazonas ou de cobre en calquera outra parte do mundo. Penso que vos fode (non me pidades que sexa educado porque estou de moi mala hostia) todo o que é pequeno, todo o que é local de proximidade, todo o que se pode reparar, todo o colectivo, todo o que non ten unha porta xiratoria ou non vos permite cobrar un soldo anual que para nós equivale a perto da soma de todos os salarios da nosa vida.

O voso progreso e modernidade crearon este monstro que nos ten a todas e a todos aterrorizados. Desprezastes a vida no rural e convencéstesnos que o moderno e vivir apiñados en cidades, ao mesmo tempo que xogastes a ser deuses con manipulacións xenéticas, con agrotóxicos e megagranxas de porcos, galiñas, vacas as que atiborrades de antibióticos. Todo isto e moito mais non podía traer nada bo. Se o voso progreso creou este monstro a vosa globalización encargouse de esparexelo por todo o planeta seguindo os camiños arteriosos de voos subvencionados para facelos low cost. Fostes os homes e mulleres que vos pensades “importantes” os que nos trouxestes esta peste que temos encima. Ríaas de nós cando falabamos de cambio climático, de peak oil, de solidariedade norte-sur, de ecofeminismo, de defensa do territorio, de defensa do que é noso; en definitiva cando clamábamos por un cambio de paradigma con criterios decrecentistas. E agora, despois do que está sucedendo, deberías de darvos conta que non podemos deixar de mirar para vós como os culpables que nos metestes a peste na nosas vidas, cos vosos voos “importantes” de homes e mulleres importantes polo mundo global e coas vosas relacións persoais entre importantes. Se non fora así como se explica que tanto executivo, político e famoso collese o bicho as primeiras de cambio?

Pero non contentos co arrastrarnos ate as mesmas portas do abismo co voso progreso agora pedídesnos que asumamos sacrificios en pro de superar esta crise. E facedelo sen pestanear, con promesas que sabemos que non ides cumprir. Hai tempo que sabemos que os homes e mulleres importantes falades con lingua de serpe e que sodes forte co débil e débil co forte, porque a vosa ética só rende contas ao diñeiro fácil e abundante, ao gran capital, a banca, as multinacionais depredadoras, ...

Estamos diante do abismo ao que dixemos que nos arrastrariades. Sabédelo, porque se vos dixo. Díxosevos que o cambio climático podía traer asociado pandemias e epidemias, igual que se vos dixo que entre outras moitas cousas está en perigo a sustentabilidade alimentaria do planeta por a mesma causa, mais vosoutros preferides ignorar as advertencias do mundo científico a ese ao que agora lle pedides solucións rápidas. Sabedes que no Estado tedes totalmente en precario o mundo da ciencia e que practicamente non existe investigación pública con contido social?. Da privada mellor no falar porque busca o que busca: os cartos de todos nós e, conségueos con mais portas xiratorias. Outro tanto estades a facer coa sanidade pública a que nos últimos anos deixastes desatendida economicamente para beneficiar a privada dos vosos amigos importantes e así asegurar máis poltronas ben pagadas onde sentar.

Non contentos con facernos todo o mal que nos estades facendo decidides aproveitar o “estado de shock” no que nos atopamos para sacar proveito. Si, sabemos que ides sacar proveito, que os postos de traballo que se perdan non se van recuperar, que ides aproveitar a situación para concentrar máis a riqueza en menos mans e que ides pedir que sacrifiquemos os nosos dereitos, o nosa vida material e mesmo a nosa liberdade polo ben común de derrotar o monstro que creastes e espallestes por todo o planeta. Xa nos demostrastes que non tedes escrúpulos ningún porque nesta situación extrema sodes que de dar mais dereitos aos vosos cans de clase media que aos nosos fillos de clase traballadora. Pregúntovos eu: vai haber que sacar as crianzas con correa e agatuñando a 4 patas mentres imita os ladridos dun can para poder sacalo fora dos minúsculos pisos nos que vive a maioría da clase traballadora ou ides artellar algún mecanismo de paseo pautado por idades? Ides permitir que as familias monoparentais non teñan que deixar só aos seus fillos e fillas de corta idade ou ides multalos cada vez que saian facer a compra?

As persoas Decrecentistas non nos pilla por sorpresa todo o que esta pasando levamos anos esperando polo “cisne negro”, preparándonos e intentando que moita xente estivera a tanto do que ía suceder; non tanto no material senón mais ben no emocional e no intelectual. Saber o que está sucedendo axuda a tomar as decisións correctas. Sabemos que fronte a nosa visión do futuro está a vosa. No noso mundo non sobra ninguén, mais sobra o exceso. No voso, tedes dereito aos vosos excesos e sobramos moitas de nós. No noso mundo Decrecentista a ruralización, a destecnoloxización, a axuda mutua, a colaboración, o debate, o asemblearismo, o local, o próximo, todas e cada unha das nosas R son parte da solución para non caer no abismo. Para o voso mundo tecnolóxicamente avanzado e súper e falsamente Bio a maior parte da poboación non somos mais que un estorbo. Remato dicindo que a vosa visión do que ten que ser o futuro ten un nome chamase: ECOFASCISMO. Moito me temo que estades empezando a aplicalo pois de non ser así: a que ven que os vosos cans teñan mais dereitos que os nosos fillos e que o voso exercito se teña apostado nas cidades coa metralleta ao lombo?. A caso ides combater o coronavirus con balas e mísiles?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.