Decretar un líder para rescatar o socialismo galego?

Gómez Besteiro e Pedro Sánchez, no peche de campaña en Santiago CC-BY-SA PSdeG

Obviando a pléiade de leccións a tirar das eleccións, a conclusión pasaría en privilexiar os efectos da confusión no mando da nave e seguir confiando en Besteiro para que haxa estabilidade

Trala desfeita nas elección galegas, o PSOE defende construír liderados estables nos territorios, segundo transmitiu Pedro Sánchez na reunión da Executiva Federal do partido. Os socialistas españois estiman que é tempo de apostar a longo prazo por figuras capaces de asentarse nos seus respectivos espazos e chegar a ganar, sen tantos vaivéns nas candidaturas. Ferraz apoia indefectiblemente ao seu candidato á Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, deixando ben ás claras que o lucense é a súa única opción para arrombar o PSdeG e repetir como cabeza de lista nas vindeiras autonómicas. O PSOE pretende privilexiar un dos motivos que influíu na zarracina do 18 de febreiro, a saber, ter presentado até cinco perfís diferentes en cinco citas coas urnas. Obviando a pléiade de leccións a tirar das eleccións, a conclusión pasaría, polo tanto, en privilexiar os efectos da confusión no mando da nave e seguir confiando en Besteiro para que haxa estabilidade e galegas e galegos sexan quen de poñer face á alternativa e ao proxecto socialista no país. 

“Seguimos pensando que (Besteiro) é o mellor candidato posible, pero non tivo nin tres meses para despregar a súa potencialidade”, sinalou Patxi López, quen defendeu o traballo “de pico e pala cun liderado e equipo que a xente poida asociar ao PSOE”. Malia a humillación electoral, Madrid decreta un líder para o futuro, obviando a lección máis clara do escrutinio, que desprende do negativo impacto do desfile de persoeiros do goberno central en campaña. Porque as cousas de Galicia decídense en Galicia, inxerencias esóxenas non teñen cabida no país e calquera proxecto político a desenvolver ten que centrarse no que aquí preocupa, en clave nacional (galega). Non abonda querer ser un líder, nin tan sequera estar unxido por Sánchez, senón que é imprescindible que os teus e os outros te perciban coma tal. Resulta estraño que a alguén lle atribúan a etiqueta de “líder” e que o socialismo español proclame “naturalmente” a designación de Besteiro no liderado do PSdeG. 

O liderado adoita ser unha conxunción de elementos. Sen aspirar á ser exhaustivo, a título ilustrativo do que se agocha detrás dun referente, hai quen pon o acento no “quen”, representando o líder características fóra de serie, que lle permiten -imbuído de carisma!- impoñerse naturalmente. Hai quen valora “que fan”, as cousas que realizan e sitúan aos líderes por riba do resto de mortais. Tamén atopamos líderes polo “que viven”, o lugar e circunstancias da súa acción porque, acaso Roosevlent e Churchill terían pesado tanto na posteridade de non ser polos dramáticos acontecementos da Segunda Guerra Mundial durante os seus mandatos? Hai quen valoran dun líder o modus operandi, que o fai único. Por suposto, un mesmo individuo pode acumular varios activos, chegando a impoñerse coma líder ora polas súas intrínsecas calidades, ora polo xeito de comportarse, alianzas políticas, estratexia de comunicación ou como xestiona complexas situacións. 

Non é preciso cumprir con todas estas cuestións para ser percibido coma un líder, pero o “gran home”, no sentido de Hegel, ten que se albiscar e terminar por callar. Para isto, en doses variables deben concorrer unha escolma de peculiaridades: coraxe indiscutida, potencial visionario, sentido da(s) realidade(s), ética irreprochable, autenticidade na acción, capacidade para expresar emocións e empatía, facilidade relacional, talento oratorio, carisma afirmado, humildade non simulada, traballo e esforzo sen parangón... Os líderes saben onde van e o camiño que hai que tomar. Posúen unha visión e requintan as etapas para arribar á súa fin. Cren no futuro porque non existen líderes pesimistas e, aínda que nunca subestiman as dificultades, son quen de transformar inquietudes en accións. Xerando entusiasmo e degoiro, un líder é capaz de inverter a situación e axudar a que os demais teñan fiúza.

Ningún barón socialista na Coruña e Lugo, e entre as súas conivencias ao sur do país, pode frear a enésima manobra orgánica que promete socavar aínda máis a imaxe do PSdeG entre o electorado?

Resta aos socialistas galegos o xulgar -que non decidir, votar ou consensuar- se a aposta de Madrid para o PSdeG é a axeitada para sobrepoñerse da desfeita. Nas autonómicas, pero tamén nas xerais, xa con Besteiro á fronte, o partido tocou chan. Deixando de lado a contradición que existe en decretar un líder, unido ás baixas doses que posúe o amigo de Sánchez no referido ás calidades de liderado, atendendo aos fríos datos, por que se pretende consolidar ao candidato que levou ao PSdeG á súa peor situación histórica? Paga a pena afundir o PSdeG a cambio de manter o control do partido espallando un relato segundo o cal Besteiro, quen ocupa cargos políticos desde 1999, é o Mesías do socialismo galego ao que lle falta aínda “máis tempo” para consolidarse? Ningún barón socialista na Coruña e Lugo, e entre as súas conivencias ao sur do país, pode frear a enésima manobra orgánica que promete socavar aínda máis a imaxe do PSdeG entre o electorado? E aproveitando a traxicomedia, mentres Godot non chega, ou mesmo se finalmente resulta Besteiro por quen agardan Vladimir e Estragon, por que non adobiar a ben merecida travesía do deserto con democracia interna, federalismo e proxecto de país?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.