Defender a Atención Primaria e a Sanidade Pública (I)

© CIG

Nos últimos 35 anos o Estado español potenciou a Sanidade Pública dunha maneira espectacular ata convertela nun servizo exemplar, moi valorado polos cidadáns e modélico para o resto do mundo. Dende a Lei Xeral de Sanidade (1986) houbo un impulso político firme e continuado que permitiu o desenvolvemento dos novos e modernos hospitais públicos e a creación de centenares de Centros de Saúde, antes inexistentes. A mellora da formación pola vía MIR, a creación da especialidade de Medicina de Familia, a incorporación de novas tecnoloxías e a entrega entusiasta de numerosos profesionais permitiron a construcción dun dos mellores sistemas sanitarios existentes. O Sistema Nacional de Saúde (SNS), sustentado en dous niveis asistenciais, Atención Primaria (AP) e Atención Hospitalaria (AH), demostrou ser moi eficiente e contribúe de forma importante á mellora da vida das persoas.

Mais todo isto está en risco. Nos últimos tempos as políticas impulsadas dende o poder polo Partido Popular (PP) van encamiñadas a suspender a atención sanitaria como un dereito das persoas para convertela nun negocio. Este gravísimo proceso de extirpación dun dereito para transformar a saúde nunha mercadoría dase en todo o territorio estatal, pero aplícase dun xeito moi intenso e perseverante no noso país. Os severos recortes practicados están a provocar efectos moi prexudiciais.

Galicia incorporouse tarde ao desenvolvemento da AP (decreto de 1993), pois o PP estivo en contra desde os inicios e alineouse sempre cos sectores máis reaccionarios do sector. Pese a todo a sanidade galega e o nivel de AP melloraron de maneira notable nas últimas décadas. Hai 50 anos os médicos pasaban consulta no propio domicilio e a carencia de medios era absoluta. As primeiras promocións de médicos de familia tivemos unha profunda implicación e unha actitude de absoluta militancia que favoreceu a implantación do novo modelo da AP, en contra das resistencias de certos grupos profesionais e do propio goberno do PP.

O goberno progresista (2005-2009) impulsou de forma notable a Sanidade Pública e mellorou o primeiro nivel asistencial (con aumento de recursos, dotación de medios e incremento de persoal). Puxo en marcha un ambicioso plan de mellora da AP que non chegou a desenvolverse pois foi paralizado de inmediato polo PP cando ocupou de novo o poder da Xunta (tamén anulou o proxecto de hospital público de Vigo para impulsar un proxecto privado que provocou e provoca graves disfuncións nesa área sanitaria). Núñez Feijóo é un experto privatizador, coñecedor desde antiguo do negocio sanitario; a eso se dedicou desde o primeiro día: a desmantelar a sanidade pública e a crear espazos de negocio para grupos afíns e as grandes multinacionais do sector (aseguradoras privadas, empresas de tecnoloxía e industria farmacéutica).

En AP, ademáis de suspender a aplicación do plan de mellora tamén suprimiu as Xerencias de AP (que tiñan o seu orzamento e capacidade de decisión propia); foron fagocitadas por unha xerencia única hospitalaria (EOXI), de tal forma que o primeiro nivel asistencial perdeu autonomía de xestión e pasou a ser un apéndice menor dos grandes monstruos hospitalarios. A perda de orzamento, de medios e de persoal foi progresiva e continuada. Non houbo convocatorias de prazas para AP e outras foron amortizadas. Os contratos eventuais do persoal son cada vez máis precarios e degradantes; a Administración maltrata aos profesionais con ensañamento. 

A sobrecarga asistencial é cada vez maior. A aparición de problemas sanitarios pola dificultade de facer unha atención de calidade é evidente. O amoreamento de padiolas nos Servizos de Urxencia é cada día máis ofensivo para a dignidade humana. Hai uns meses morreu un paciente no PAC da Estrada e provocou unha grande alarma social. Hai unha denuncia na Fiscalía polo falecemento de dous pacientes na Urxencia do CHUS (dirixido por unha prima de Núñez Feijóo). A protesta social e profesional comeza a ser máis intensa: hai folga nos PACs e nos Servizos de Urxencias, e unha dimisión en masa dos xefes de servizo de AP en Vigo. Din que non hai persoal para mellorar os servizos. Tamén iso é falso: se convocasen unha oposición presentaríanse cen persoas para cada praza. Pero os profesionais, se poden, fuxen dunhas condicións laborais intolerables.

Nos últimos dez anos a calidade asistencial dos Centros de Saúde sustentouse no esforzo e na entrega de moitos profesionais que agora, no límite da súa resistencia, protestan e reclaman solucións. Ante a alarma social a Xunta responde coa creación de grupos de traballo, integrados por profesionais afíns, aos que encarga o deseño dun novo modelo de AP, dando a entender que o existente non é bó. Realmente non se precisa un modelo novo: o necesario é restaurar o dano causado coas decisións adoptadas por eles mesmos. O actual deterioro non é froito da manifesta incompetencia dos dirixentes. Pola contra, é o resultado dun plan trazado previamente e executado desde o poder político coa complicidade dalgúns profesionais, que colaboraron desde os seus postos de xestión no desmantelamento da AP. Pero aínda é posible recuperar a dignidade: só é preciso un cambio político.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.