Defensa da liberdade

CC-BY congerdesign / pixabay

Nestes días de medo, ansiedade, enfermidade e incerteza estamos a descubrir a cara máis amable do ser humano

Nestes días de medo, ansiedade, enfermidade e incerteza estamos a descubrir a cara máis amable do ser humano. A xente do común organizámonos para crear redes de apoio veciñais, familiares e profesionais. O persoal sanitario, o dos sectores produtivos imprescindibles, os transportes, as xestorías e despachos legais, o profesorado, boa parte do funcionariado e moitos outros sectores sociais, están a dar un do de peito para que poidamos, as máis, ficar nas nosas casas agardando pacientemente que pase a tormenta, sandando as contaxiadas que o poden facer na cama propia, protexéndose as que esquivaron a bala. A cultura regala o seu traballo nas redes para que o levemos mellor nas casas. Con ou sen tele traballo, con ou sen salario a fin de mes, a maioría contamos con que sairemos desta con vida.

Porén, esta é unha ocasión nunca imaxinada que nos amosa tamén a peor cara da humanidade. Veciñas e veciños que denuncian ou increpan desde as xanelas a viandantes, sen coñecer o motivo de que transiten polas rúas; nais confinadas traballando en casas mínimas con crianzas que teñen deberes online, un só dispositivo, e un mega na conexión; mulleres illadas cos seus torturadores-asasinos; persoas de idade soas que non saben mercar online a comida; grandes empresas aproveitando o río revolto para que os seus beneficios non se vexan alterados; persoas sen fogar deitadas nas rúas nestas noites frías de primavera; servizos públicos desasistidos que non dan atendido as demandas da cidadanía e responden con nervios; acaparadores que baleiran lineais dos supermercados, e un longo etcétera. 

Está é unha oportunidade, si, para que nos repensemos como sociedade e como especie. Podemos evoluír cara un sistema máis saudable, equilibrado, social e sustentable baseado no respecto para co planeta e as persoas. Ou podemos ficar nas mans dos poderosos

E presión policial, o exército nas rúas, xeo localización de teléfonos móbiles para controlar os desprazamentos, residencias confinadas. Unha boa amiga, avogada, está a traballar vinte horas diarias. O seu compañeiro traballa na industria alimentaria, por tanto ambos teñen que saír da casa. Teñen un fillo de cinco anos que ela estaba a levar consigo ao despacho que dirixe, porque obviamente non pode ficar só na casa (e porque sempre somos nós, as mulleres, as que coidamos), xogándose a saúde propia e a do pequeno para atender a quen o precisa. Xa foi multada, de malas maneiras e sen posibilidade de discusión. Os responsables de Unitaria, en Compostela, recibiron unha visita da policía para que puxesen fin ás súas proxeccións nocturnas nas fachadas d´Os Concheiros. Seica “molestan”.

Ollo. Está é unha oportunidade, si, para que nos repensemos como sociedade e como especie. Podemos evoluír cara un sistema máis saudable, equilibrado, social e sustentable baseado no respecto para co planeta e as persoas. Ou podemos ficar nas mans dos poderosos (que non son as e os políticos, non) e da mesquindade, se permitimos que a norma derive cara a desconfianza, a represión e o totalitarismo, mitigados con consumismo e moitas capas de plástico que nos proporcionen unha acougante sensación de asepsia.

Que esteamos nas casas non implica que esteamos cegas, xordas e mudas. É posible sermos responsables ao tempo que esiximos que os nosos dereitos cidadáns e democráticos, como o de expresión ou o de desenvolver tarefas vitais mentres coidamos a quen o precisa, sexan respectados e defendidos desde os gobernos e desde cada casa, mesmo no Estado de Alarma. 

E por suposto, debemos manternos alerta para que as medidas excepcionais non pasen a ser, por arte de birli-birloque, parte da cotidianeidade dun futuro, inmediato e distópico, que se nos pode revelar no fin da primavera. Defendamos a liberdade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.