Demasiados agravios para perdoar, señor Feijóo

Hai uns días, as organizacións sindicais fomos convocadas a dúas reunións con representantes do Goberno galego: o día 14, informalmente, polo conselleiro de Facenda e o 15, por Función Pública. A finalidade era informarnos das decisións que, en materia de retribucións e emprego das empregadas e empregados públicos, decidiu adoptar a Xunta para o que resta deste ano e mais no vindeiro.

Nada novo no ceo de Galicia, todo previsible e coñecido de antemán

Nada novo no ceo de Galicia, todo previsible e coñecido de antemán: o mesmo que unha semana antes comunicara o Goberno central ás organizacións sindicais na reunión informativa sobre a materia, moi similar ao dos últimos anos —Feijóo, sempre tan disciplinado coas ideas de Mariano—. En definitiva, repoñer catro pesos dos roubados hai tres anos… e do resto xa falaremos, veremos cando e se se pode, se a conxuntura axuda, se cadra dentro de tres anos.

Namentres, xa sabemos que no mes de decembro e ata o 2017, as empregadas e empregados públicos da Xunta sufrirán outro recorte nas extras do 40%

Namentres, xa sabemos que no mes de decembro e ata o 2017, as empregadas e empregados públicos da Xunta sufrirán outro recorte nas extras do 40%; o que dixemos tantas veces: as galiñas que entran polas que saen, e aquí non pasou nada. As traballadoras e os traballadores da Xunta xa teñen correa: están afeitos a que lles rouben, a ser insultados, utilizados, manexados, explotados; teñen lombo para iso e máis, non se han laiar e, se cadra, ata agradecen o esforzo que o presidente fai por eles e deciden votar en decembro o seu xefe de filas en Madrid.

Porque para Feijóo isto é a xustiza social. Que, por exemplo, duascentas mil persoas se manifestan contra o novo hospital de Vigo… Non pasa nada! Resulta que están mal informadas, están sendo manipuladas. El sabe o que precisan, non o vai saber sendo o presidente!

Que, neste mal chamado verán, arde media provincia de Ourense… Peccata minuta! Évos coma todos os anos, que diferenza hai? Nin que fora a primeira vez con el no goberno! Ten outras cousas máis importantes que atender.

Que milleiros de tractores saen á rúa en protesta polo prezo do leite… Por favor, que vai facer el? Iso é cousa de Bruxelas, que o arranxen alá.
Que aos mariñeiros lles rebaixan e limitan a súa cota de pesca… Que non vaian pescar e acabouse o conto.

Que en Galicia medra o paro sen control, que os salarios son dos máis baixos do estado, que os dependentes galegos están desatendidos, que o seu partido está infestado de corrupción por todas as partes, non pasa nada!

E para remate, agora resulta que uns milleiros de estranxeiros esfarrapados queren ser asilados no noso país e todo porque din que teñen medo de que os maten no seu… Tampouco pasa nada, discurso de partido, que xa somos moitos.

Feijóo ten outras cousas en que se ocupar, el non vai ser o candidato, está amortizado, procurará gozar do que lle queda e, cando remate, xa haberá quen o arrole no colo

Feijóo ten outras cousas en que se ocupar, el non vai ser o candidato, está amortizado, procurará gozar do que lle queda e, cando remate, xa haberá quen o arrole no colo, alguén saberá apreciar os servizos prestados e recompensarllos con fartura; esquecerá as empregadas e empregados públicos, os gandeiros, os mariñeiros, os bombeiros, os esfarrapados e a toda a súa parentela. Ocupará un posto digno da súa relevante figura en xusto pagamento aos servizos prestados, e ao mellor, ata cumpre co seu soño de se converter en tertuliano con pedigree. Será digno de ver, coa súa experiencia seguro que alcanza a gloria e supera o seu compañeiro de partido Miguel Ángel Rodríguez, ou mesmo fan tándem, vai ti saber.

Velaí o problema, esa é a desgraza que nos envolve, a traxedia cotiá do pobo galego, o fado da cidadanía: vivir no previsible, no de sempre, sen poder aspirar a algo distinto, mellor

Nada do que comento son cuestións novas: fixéronse xa en tantas ocasións que non teñen relevancia, non din nada distinto do dito mil veces.
Velaí o problema, esa é a desgraza que nos envolve, a traxedia cotiá do pobo galego, o fado da cidadanía: vivir no previsible, no de sempre, sen poder aspirar a algo distinto, mellor, algo que nos conmova, que nos dea esperanza e nos ilusione por inesperado e insólito, orixinal; algo que supoña un esforzo real por compracer e non outra xustificación máis, outro «non se pode», outra alusión á crise, aos mercados e a nai que os pariu a todos.

Lembraremos estes anos, seguro, e será polo previsibles, escuros e desgraciados que foron. Algún día, os libros de historia falarán deles con propiedade e veracidade. Esperemos aprender algo, porque o peor sería esquecelos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.