Democracia orgánica e desafección política

As declaracións puxeron de relevo que as forzas da vella política pouco teñen aprendido nestes dous anos e seguen empeñados en ver a cidadanía como un ente amorfo e manipulable sen constantes vitais e intelectuais propias

A poucos días de cumprirse o segundo aniversario do 15-M as accións e declaracións de tres lideres políticos aparentemente distantes nas súas ideas teñen posto de relevo que as forzas da vella política pouco teñen aprendido nestes dous anos e seguen empeñados en ver a cidadanía como un ente amorfo e manipulable sen constantes vitais e intelectuais propias. En poucos días a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, a figura emerxente do PSOE, Beatriz Talegón, e o alcalde pontevedrés do BNG, Miguel A. Fernández Lores, teñen evidenciado na practica o porqué da desafección e desconfianza que a cidadanía ten cara as forzas políticas.

A primeiro en aparecer en escena foi Dolores de Cospedal animando aos movementos sociais vertebrados arredor da indignación a constituírse en partido político e presentarse as eleccións nun concepto de democracia limitado onde non se entende o papel necesario que xogan os movementos sociais para que exista o necesario control da cidadanía sobre os seus representantes. Eliminado así o control cidadá da política desde a sociedade civil e reservado, como ven ensaiando en Castilla-La Mancha, a representación política as persoas con tarxeta Visa-Oro, poderíase institucionalizar un novo dereito de uso e abuso.

Apareceu Beatriz Talegón para demostrar que as novas elites do PSOE non teñen nada que envexar ás cúpulas afianzadas durante a transición co apoio da socialdemocracia alemá

Aínda non repostos da impresión apareceu Beatriz Talegón para demostrar que as novas elites do PSOE non teñen nada que envexar ás cúpulas afianzadas durante a transición co apoio da socialdemocracia alemá. Despois de asegurarnos que non cre nas teorías conspirativas, en algo parecido a poñer a venda ante da ferida, deixa caer que o movemento do 15-M favorece á dereita e “pon en bandexa o poder ao capital e ao sistema neoliberal”. Ademais de confundir as consecuencias coas causas, algo demasiado habitual, cousa que nos levaría a culpar ao voto feminino da vitoria da CEDA nas eleccións que abriron o bienio negro, quizais tería sido moito máis fácil apuntar ás propias políticas do goberno socialista como as favorecedoras do auxe da dereita. Mesmo se elevaramos o seu simplón sofisma ata as ultimas consecuencias poderiamos afirmar que a cúpula do PSOE en realidade son infiltrados da dereita para  poñer en bandexa o poder ao sistema neoliberal.

Chegou Fernández Lores, que nun alarde de instrumentalización, substitúe os colectivos de afectados e á cidadanía e parecera como se fora o propio concello quen convocara a mobilización contra da estafa das preferentes

E así estabamos cando niso chegou Fernández Lores, que nun alarde de instrumentalización, substitúe os colectivos de afectados e á cidadanía e parecera como se fora o propio concello quen convocara a mobilización contra da estafa das preferentes e contra o saqueo da Galiza. Creo recordar que as anteriores veces que a alcaldía se puxo ao fronte da e fixo un despregue institucional similar foi para rexeitar a invasión de familias xitanas desde o concello limítrofe ou para reivindicar a capitalidade da provincia.

Nunha democracia non corresponde ás institucións convocar manifestacións, lembrando as convocadas noutras épocas ou noutros lugares, senón á cidadanía e as organizacións sociais ou partidos políticos. Alguén debería recordarlle ao alcalde pontevedrés que está ben opoñerse ao saqueo da Galiza mesmo aínda que cando empezará o saqueo de Galicia, durante o proceso de bancarización e posterior fusión das caixas, o seu partido aplaudira dito proceso apadriñado por Núñez Feijoo, atacando a voces críticas, minoritarias pero autorizadas, como as de Xosé Manuel Beiras.

Cando un colectivo sofre unha problemática tan grave como o das preferentes o que lle corresponde aos gobernantes debería ser canalizar demandas, buscar solucións e aprobar propostas (xa que o Concello de Pontevedra aprobou pechar as súas contas en Nova Galicia Banco non sexa para trasladalas a outras bancas tóxicas senón para abrilas en proxectos de Banca Ética ) e non intentar sacar rédito partidario. 

Todas estas actitudes e formulacións o único que denotan é unha coincidencia na comprensión da democracia como un formato instrumental e non como unha cultura

Todas estas actitudes e formulacións o único que denotan é unha coincidencia na comprensión da democracia como un formato instrumental e non como unha cultura. Unha aposta por unha nova forma de democracia orgánica onde a vertebración faise de xeito vertical desde o poder, minusvalorando a unha cidadanía necesariamente submisa ven polo camiño do populismo ven pola vía do clientelismo, desarticulando a autoorganización social autónoma das persoas e convertendo as súas plataformas e colectivos en correas de transmisión do poder, e por último silenciando a prensa por medio da compra da mesma vía subvencións ou vía publicidade institucional.

Keep Calm ! O tempo da vella política pasou e nada será igual que antes.

O 15 de maio de 2011 non significou só a expresión de indignación social e cidadá, senón que tamén abriu a porta para un novo proceso constituinte xa en marcha.

O 15 de maio de 2011 non significou só a expresión de indignación social e cidadá, senón que tamén abriu a porta para un novo proceso constituinte xa en marcha

Nos próximos meses saberemos se a nova etapa a hexemonizan as vellas elites da transición refundando o estado constitucional do 78 en versión minimal en dereitos sociais e liberdades, ou pola contra a marea cidadá social e as necesarias amplas alianzas político-electorais permiten unha correlación de forzas, que non existiu nas postrimerias do franquismo, da que naza unha nova democracia republicana, social e co-soberana onde a cidadanía teña dereito a decidilo todo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.