Fálase de como será a saída á crise económica e social provocada, en parte, polo impacto da covid 19. Dise dende posicións progresistas que esta vez a saída non pode ser como a do 2008, onde os que a provocaron saíron reforzados e a maioría pagou as consecuencias a base de recortes sociais e precarización das condicións laborais, nun período no que se incrementou a desigualdade e onde o peso dos salarios reducíronse con respecto aos beneficios empresariais.
Esta crise demostra que a mellor garantía para a maioría social é un sistema público forte e para reforzalo son necesarias outras políticas fiscais que fagan que os que máis teñen paguen máis, que se reduzan os seus privilexios e se combata fraude das grandes fortunas.
Unha política fiscal xusta pode servir para fornecer e mellorar o sistema público e para reducir as desigualdades, pero hai unha desigualdade primaria derivada das políticas económicas neoliberais sostidas polos diferentes gobernos que supoñen o saqueo dos recursos naturais, do público e a explotación laboral ante as que, dende a esquerda, compre contrapoñer alternativas.
Alternativas para a democratización da economía que avancen na capacidade de decisión real da xente sobre a economía. A loita pola soberanía, pola capacidade de decidilo todo. É urxente mostrar propostas neste senso. Unha axenda transformadora que ao mesmo tempo sexa alcanzable. A defensa da soberanía, da capacidade de decidilo todo por parte do común cidadán.
Pódese e débese para loitar contra o sentido común neoliberal instalado na nosa sociedade.
As privatizacións indecentes como a da AP9, das caixas de aforro, do saqueo eólico en Galiza, ou o espolio hidroeléctrico, mostras de roubos de colo branco, formas de corrupción legalizada, non serían posibles sen que ese sentido común estivese instalado con forza entre nós.
Pero hai loitas posibles a partir de propostas que democratizan a nosa economía, dende o máis próximo, que dotan de verdadeiro poder á xente e que reducen desigualdades, que deben de formar parte dun programa de goberno transformador en Galiza:
1 | O SECTOR EÓLICO
Dende que Manuel Fraga nos 90 comezou a desenvolver a enerxía eólica en Galiza, impúxose un modelo de negocio que deixou o 90% das explotacións do noso país en mans de capital estranxeiro. Estamos a falar dun nivel de negocio de 600 millóns de euros anuais, cuxa riqueza non repercute no melloramento das condicións de vida no rural nin na creación de emprego de calidade.
Para a xente que soporta os inconvintes da instalación de eólicos quedan as faragullas deste xugoso negocio.
Só hai unha explicación para isto. O saqueo e a corrupción como forma de goberno. Un sector que podería ser unha fonte de recursos para a xente do rural si se adoptasen medidas xa adoptadas noutros países europeos, como a priorización da propiedade pública ou cooperativa, acaba sendo outro nicho de negocio máis para os mesmos tiburóns financeiros de sempre.
Apostamos por poñer estes recursos nas mans da xente, ofrecendo a posibilidade da propiedade cooperativa e pública, implicando aos concellos, para favorecer o autoconsumo e perseguir a limitación de impacto ecolóxico. Para que a riqueza que creamos en Galiza repercuta no benestar dos galegos e das galegas, e non nas multinacionais da depredación.
Todo isto é posible dentro da Directiva europea e con modelos xa postos en marcha noutros países da rexión. Ademais de ser un modelo máis sostible, permitiría que as rendas creadas quedasen no territorio e daría maior poder á xente fronte ao oligopolio eléctrico.
Un goberno, xa non de esquerdas, senón decente debe de artellar un modelo onde poña estes recursos nas mans da xente, ofrecendo posibilidades de propiedade cooperativa, pública, entre os concellos e un Ente de Enerxía de Galiza, e aprobando unha normativa que favoreza o autoconsumo e a xeración distribuída preto do lugar de consumo.
2 | AS CENTRAIS HIDROELÉCTRICAS
Existen concesións que están a piques de rematar, polo que é o momento de recuperalas para o público. Estamos a falar dun modelo de negocio que perpetúa o espolio de Galiza, cunha dimensión económica global lixeiramente superior ao eólico. Temos que aproveitar cando vaian rematando estas concesións para recuperalas para o público e decidir en función do interese xeral cales seguen a producir e cales se desmantelan.
3 | A AP9
Non debemos reclamar só a necesaria transferencia para Galiza desta infraestrutura, se non que temos que esixir o rescate para a xestión pública directa dende o noso país. Temos que desandar o camiño iniciado por José María Aznar e mantido por Núñez Feijóo, de privatización a prezo de saldo para os amigos do Partido Popular. Estamos a falar dunha empresa que factura 145 millóns de euros, cuns beneficios do 50% antes de impostos froito da corrupción legalizada.
4 | VIVENDA
Facer política pública de vivenda despois de tantos anos en branco facilitaría o acceso á vivenda de moita xente, xeraría economía local pero tamén e sobre todo daríalle poder ao público e á xente fronte aos especuladores regulando os prezos e as condicións de acceso.
O primeiro obxectivo de lexislatura debe ser darlle satisfacción as case 12.000 demandantes inscritos no rexistro público que solicitan unha vivenda con algún tipo de protección, pero moi maioritariamente vivenda pública de aluguer.
Nestas políticas deberían de actuar a Xunta de Galicia pero tamén os concellos. Iso, que é de xustiza, xa sería un obxcetivo ambicioso que cambiaría moito a vida, sobre todo nas cidades galegas.
Debería de fomentarse ademais da propiedade pública a propiedade cooperativa de vivendas.
Si a democracia é poder para o pobo, sen dúbida quitarlle poder a bancos e fondos voitre para darlle máis poder de decisión á xente sobre algo tan importante como é a vivenda, é unha medida democrática e decisiva para as nosas vidas.
5 | ECONOMÍA DOS COIDADOS
É tan avasalador o dominio dos marcos mentais do neoliberalismo que parece un tabú apostar pola xeración de emprego público.
Hai dous ámbitos que van a ter con toda certeza, e xa estan a ter, un desenvolvemento futuro.A economía dos coidados e a que ten que ver coa procura de modelos sustentables no desenvolvemento rural.
A crise demostrou que só unha sanidade pública forte é capaz de dar resposta a estas ameazas e de garantir o dereito á saúde independentemente da situación económica das persoas.Mostrounos tamén a terrible cara da privatización nas residenciass de maiores.Moita xente morreu polo negocio dos amiguetes neste sector mentras a Xunta de Galicia miraba cara outro lado, despois de 11 anos sin crear nin unha praza pública de xestión directa e de s¡desviar millóns de euros ás emrpesas privadas en mans, unha vez máis dos mesmos tiburóns que os propietarios da AP9, eólicos ou hidoreléctricas.
O reforzo da sanidade, a estabilidade laboral do persoal precarizado durante estes anos e o reforzo concreto da atención primaria debera de ser unha prioridade nos vindeiros anos.
No mesmo sentido o modelo de atención aos maiores debe mudarse radicalmente comezando por priorizar absolutamente a xestión pública e o reforzo do persoal, o que conlevará que o sector dos coidados sexa outro sector onde se creará emprego simplemente si se cumple co obxetivo de igualar a media de prazas de atención a dependencia en relación á poboación maior de 65 anos coa media estatal.Así mesmo se tería que incrementar o emprego neste sector para cumplir realmente cos ratios de persoal nas residencias privadas.
O sector da educación pública da infancia, sobre todo nas idades de 0 a 3 anos tamén deberá reforzarse.
Este conxunto de medidas teñen como obxetivo a saúde das persoas pero tamén servirían para recuperar para o ben común sectores onde fondos voitre, bancos, ou constructoras avanzaban no seu control.
6 | AGROFORESTAL
Á capacidade de empresas como ENCE de condicionar a realidade do noso territorio rural, ao abandono do territorio que é chave para a instalación de proxectos extractivistas, hai que contrapoñer un modelo de desenvolvemento endóxeno que pasa pola diversificación produtiva, polo desenvolvemento e potenciación de modos de produción ambientalmente sostibles, menos dependentes duns insumos que chegan dende miles de quilómetros, e que procuren produtos de calidade e xeradores de valor engadido.
Para elo fai falla coñecemento, que é investigación, formación e extensión agrogandeira e forestal.
O desmantelamento do sistema público do coñecemento operado nos últimos anos polo goberno galego fai que o agro e o monte quede sen ese recurso ou ben que quede nas mans de grandes empresas que promoven modelos incompatibles cun desenvolvemento sostible do rural.
Por iso nunha agricultura e nun monte de pequenas explotacións é imprescindible un sistema público de investigación, formación e asesoramento fortes como elemento dinamizador das actividades agrícolas, gandeiras, forestais ou doutro tipo que se desenvolvan.
O debilitamento nestes 11 anos dos centros de investigación agrarios, forestais, das oficinas agrarias ou dos centros de formación agroforestais non foron casualidade. Eran a política neoliberal de quen quere que os recursos sexan manexados polas mans privadas de grandes multinacionais.
Por iso reforzar o sistema público no agro e no monte é comezar a recuperar soberanía, capacidade para xerir o desenvolvemento propio do rural.
Compre un plan de emprego público que reforce as oficinas agrarias comarcais, onde traballen tecnicos con capacidade para axudar a dinamizar sectores existentes e outros novos cun enorme potencial no país, compre rescatar os centros de investigación para estudar técnicas de cultivo, variedades adaptadas ao país, maquinaria, tecnoloxía, etc.
Débese dotar de persoal aos Distritos forestais para que cando menos se poida cumplir cos obxetivos do Plan Forestal, como por exemplo para que todos os distritos do país teñan un plan de ordenación aprobado, pero tamén para axudar a aplicar as fórmulas de xestión conxunta no monte, ou para diversificar a produción co obxetivo de conseguir un monte máis productivo.
Este plan de emprego público no rural creará empregos, fundamentais para o futuro do medio rural, dando máis capacidade á xente neste ámbito de manexar o seu futuro.
7 | ACTIVIDADE COOPERATIVA.
O IGAPE deberá de fomentar tanto a iniciativa nova como a reconversión de empresas en dificultades mediante a fórmula cooperativa. Moitos dos casos de novas empresas ou de empresas con dificultades poden ter unha saída da man dos traballadores e traballadoras se dende a administración se dotan dos elementos necesarios de financiamento, orientación e apoio.
Este artigo non pretende ser exhaustivo nas propostas. Trátase de enunciar algúns exemplos de medidas transformadoras, cara unha economía máis democrática para inverter a tendencia a desposuírnos de poder nas decisións económicas que se deu nos últimos anos.
Votaremos cada 4 no anos, pero se a riqueza segue a concentrarse nunhas poucas mans e a nosa economía depende duns poucos que viven alonxados da nosa realidade e que coas súas decisións poden facer que non teñamos dereito a vivenda, ou non podamos pagar o recibo da luz, ou non teñamos unha residencia onde atendan aos dependentes dignamente, non estamos vivindo nunha verdadeira democracia.
Camiñemos cara unha democracia real e combatamos o seu sentido común.
O 12 de xullo temos unha oportunidade de abrir unha posibilidade de cambio real. Pelexémola.