Denuncia do equilibrio

Xela Arias, poeta feminista, caleidoscópica e lisgaira, será a autora homenaxeada no vindeiro Día das Letras. Excelente escolla. Moitas mulleres coma ela fan falta neste país para faceren unha limpeza pirolítica na nosa Intelligentsia cultural

Xela Arias, poeta feminista, caleidoscópica e lisgaira, será a autora homenaxeada no vindeiro Día das Letras. Excelente escolla, sen dúbida, pola súa intensa obra, transgresora e libertaria, e pola súa capacidade infinita para motivar e inspirar a mocidade. 

Moitas mulleres coma ela fan falta neste país para faceren unha limpeza pirolítica na nosa Intelligentsia cultural. E xa que estamos a falar de Xela, fagamos propios os seus clarividentes versos e teñamos afouteza para facermos unha Denuncia do equilibrio . 

Porque, un momento, non esquecemos algunha cousa? As ‘autoridades’ non teñen dó deste ano Carvalho no medio da pandemia, e da falta de debate sereno sobre certos asuntos? A Real Academia Galega (RAG) coñecida sintomática e popularmente polo noso alumnado como /ráx/ con ese son final que se asemella tanto ao iota castelán (e non coa pronuncia máis espontánea para unha persoa galegofalante, raga ou rague) non achaba que era este o ano para reformularmos a estratexia? Como é posíbel que, de vivir Carvalho nestes últimos días de 2020, non dese atopado nos dicionarios académicos a palabra que define o movemento de que foi pioneiro e ideólogo e ao que se dedicou en corpo e alma nos seus últimos anos de vida??? 

Non esquecemos algunha cousa? As ‘autoridades’ non teñen dó deste ano Carvalho no medio da pandemia, e da falta de debate sereno sobre certos asuntos?

Procuren 'reintegracionismo' nese dicionario da RAG (canónico no ensino) e verán que non existe esa entrada (si no Estraviz , no Porto Editora ou no Priberam ); tenten ademais encontrar 'lusofonía' (acaso non é importante para nós, galegas e galegos?) ou ‘lusófona/o’, sinónimos de abertura, de internacionalismo, de unión da nosa cultura cos catro cantos do mundo: NADA. Non son consideradas relevantes abondo para seren incluídas. 

O reintegracionismo é un dos movementos culturais máis comprometidos e que representa o activismo máis vangardista e plural para procurarmos o futuro soñado da nosa lingua. Saben as xentes da RAG que na cidade onde moro, e onde Xela pasou a maior parte da súa vida, existe unha banda chamada Os putos , con letras en reintegrado? Que a editora de electrónica, Língua Nativa, está na vangarda da lingua e da música? que a transgresión d’ A Rabela tamén se expresa nesta opción lingüística? Teñen coñecemento de que hai grupos galegos que se chaman Sexta feira ou Bifannah ? Repararon talvez en que bandas como Boyanka Kostova ou Terbutalina intitulan algúns dos seus temas 'muinheira de interior' ou 'muinheira da costa', ambas co libertador dígrafo NH , en vez de coa supremacista letra Ñ , utilizada mesmo por rancias asociacións en campañas galegófobas? Chegou aos seus ouvidos que unha das bandas de moda, Verto , que arrasa a cantar en galego, di nun dos seus ‘temazos’ máis coñecidos, Amolecer, que quere 'ir embora'? 

O reintegracionismo é un dos movementos culturais máis comprometidos e que representa o activismo máis vangardista e plural para procurarmos o futuro soñado da nosa lingua

Coñecen a blogueiras como Olaxonmario ou Prado Rua (youtubeira do ano 2020) que se declaran aberta e orgullosamente simpatizantes da opción reintegrata ? Souberon de Sabela Ramil, finalista dun dos concursos máis vistos da TVE estatal, que arrasa nas redes sociais adolescentes? Saben que cantou na final en galego reintegrado para pasmo de propios e alleos? De verdade podemos ocultar e renunciar a toda esta forza e alegría, a todo este porvir tan encoraxante? 

Podemos continuar a ignorar que existan variedades lingüísticas tan próximas ao noso galego, o conservado polos nosos predecesores, as nosas mais, pais, avoas, avós? Ignorar que a través del podemos ler na nosa lingua as lexendas (subtítulos) das series máis procuradas nas principais plataformas, bourar no último videoxogo, ter acceso a software libre e a un inmenso catálogo de obras literarias, con todos os clásicos da literatura universal, os ensaios máis contemporáneos sobre arte, danza, agricultura, informática, medicina? 

Nesta altura de obrigado decrecemento e de inesperado vagar para reflectir, algunhas preguntas sobre o xeito que temos de nos espellarmos como sociedade nun modelo de lingua partillado continúan a pairar sen resposta: Por que esprinte e disfrace e non clube e blogue ? (Somos do clube da galega!); por que xamán e non xerife ? por que boroa (broa) e non polegar ou sanduíche ? Causa verdadeiro estupor a incoherencia na norma e que esta vaia tantas veces contra a máis elemental fonética tradicional, enxebre e xenuína. Nin falemos do léxico: declárome insubmiso para corrixir crianzas paleofalantes, nas súas intervencións orais e escritas, ao utilizaren palabras non normativas/estándar: ciúme(s), voltar, preto (como sinónimo de negro), perto (próximo), saraiba, ruibo, bolacha, bochecha, xoello... formas vivas (aínda!) e coincidentes coas utilizadas por máis de 300 millóns de persoas polo mundo adiante. 

Na escrita e fala actuais das persoas galegofalantes máis comprometidas e conscientes, mesmo con diversas e contrapostas visións sobre o modelo de lingua

Na escrita e fala actuais das persoas galegofalantes máis comprometidas e conscientes, mesmo con diversas e contrapostas visións sobre o modelo de lingua, vemos e ouvimos palabras como: roteiro, crianza (palabra ben linda e inclusiva), colante, cartaz, crachá, lilás...mesmo o demonizado ‘obrigado’, que aparece (tamén coa variante autóctona ‘ob L igado’) en múltiplos e variados dicionarios galegos co significado de “agradecida/o, recoñecida/o etc”: desde o precursor Vocabulario gallego-castellano , de Juan Manuel Pintos Villar (1865), pasando polo de Marcial Valladares Núñez (1884), Eladio Rodríguez González (1958-1961), X. L. Franco Grande (1972), ou mesmo o publicado por Xerais, curiosamente (!) até a súa edición de 2003. Porén, infeliz e incomprensibelmente, ningunha destas verbas é ‘normativa’. 

O que en calquera outra lingua do mundo son vocábulos coloridos, benvindos como diversos e multiculturais, que abrazan outras variedades e formas de entender(mos) a sociedade (novos sotaques a descubrir e reivindicar para acrecentarmos o noso acervo persoal e colectivo) no galego ‘oficial’ son banidos, interditos, prohibidos. 

A xente nova coa que tratamos diariamente o profesorado de galego non ten toda esa carga de preconceptos da nosa xeración, nin as fílias/fobias que empezoñan o necesario debate normativo

A xente nova coa que tratamos diariamente o profesorado de galego non ten toda esa carga de preconceptos da nosa xeración, nin as fílias/fobias que empezoñan o necesario debate normativo pois, para alén das potencialidades que vexan nun posíbel modelo de lingua, posúen unha visión ampla, abranguente, internacionalista e contemporánea da súa/nosa cultura. As linguas apréndense por inmersión, iso sabémolo ben todas as persoas que dedicamos, en maior ou menor medida, as nosas vidas á docencia. A rapazada quere un galego vivo e creativo, non unha peza de museo; quere deitar fóra de vez o autoodio, os complexos, o que dirán , o talvez , o depende . Non teñen de pedir permiso a ninguén para afirmar que a súa é unha lingua extensa e útil , que é internacional. Teñen orgullo abondo! No entanto, a norma oficial parécese máis a un tribunal da santa inquisición que a unha ferramenta útil, atual e (pro)activa. Estanos a levar a unha ruela sen saída (pois non, tamén non aparece a galeguísima ‘ruela’ en certos dicionarios!) 

Non podemos ensinar galego a persoas que o ven como un idioma folclórico, subalterno, de segunda... cando non directamente inexistente, morto de morte morrida

Non podemos ensinar galego a persoas que o ven como un idioma folclórico, subalterno, de segunda... cando non directamente inexistente, morto de morte morrida e gardado so sete chaves na gabeta áurea das e dos censores da política (sic) lingüística. Déixennos soñar coa república galega das letras e non coa monarquía da 'real' academia. 

Temos optimismo e moito a favor, aínda, para corrixir o rumbo e incitar as novas xeracións cun proxecto ilusionante. Millares de raparigas e rapaces que, como ficou dito anteriormente, están a plantar hoxe nas nosas aldeas, vilas e cidades a semente dun futuro verdadeiramente máis aberto e empolgante. O mellor é que o podemos facer entre todas, conectando aliás a defensa do galego con todas esas causas tamén urxentes e importantes, necesarias e imprescindíbeis: o feminismo, o movemento LGBTI, o ecoloxismo, o respecto polas minorías, o internacionalismo, a solidariedade coas oprimidas... 

Millares de raparigas e rapaces que, como ficou dito anteriormente, están a plantar hoxe nas nosas aldeas, vilas e cidades a semente dun futuro verdadeiramente máis aberto e empolgante

En serio que terminará o ano Carvalho e nin unha soa proposta de futuro? En serio que continuaremos a procurar reintegracionismo nos dicionarios normativos e sairá a mensaxe "palabra non atopada"? 

Respectémonos, recoñezámonos, construamos xuntas o futuro, pois como escribiu Xela: “A unidade componse./ Da desorde./ Desordénome, amor,/ e dou co punto/ único/ do centro dos abrazos”. Desordenémonos para encontrarmos ese centro dos abrazos e esa esperanza para o galego de que a rapazada está apenas á espera dun sinal. Non teñamos medo! 

 

A unidade componse. 

Da desorde. 

Desordénome, amor, e dou co punto único do centro dos abrazos. 

Abrazo a desorde das ideas e sei que a unidade se compón. 

A unidade componse. 

Da desorde. 

Xela Arias, Intempériome.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.