Dereito a acertar ou a equivocarse

Os gregos fixérono este pasado domingo exercendo o seu dereito a acertar ou a equivocarse, asumindo con responsabilidade e madurez participar directamente nas decisións políticas do seu país, e iso sempre é motivo de celebración

Tomar decisións consiste en atopar unha conduta axeitada para resolver un problema, aceptando que os resultados destas son incertos. Os gregos fixérono este pasado domingo exercendo o seu dereito a acertar ou a equivocarse, asumindo con responsabilidade e madurez participar directamente nas decisións políticas do seu país, e iso sempre é motivo de celebración. Coñecían o que lles deparaba o SI, pois levaban padecéndoo anos: políticas de austeridade que os levaron á precariedade laboral, a miles de desafiuzamentos, a sufrir desabastecemento de medicamentos, pobreza enerxética, colas inxentes nas cociñas de beneficencia...unha desesperanza que provocou que nos últimos catro anos máis de tres mil persoas se quitasen a vida, e agora quixeron saber que pasa se din que NON. As consecuencias nin eles mesmos as coñecen, nin sequera algúns economistas, que foron incapaces de predicir unha crise económica como a actual, pero que agora se transformaron en oráculos capaces de describir ao milímetro como vai ser a vida dos gregos a partir de agora.

O seu voto é un NON á troika, a uns dirixentes europeos que hai tempo que deixaron de actuar conforme aos valores humanistas, solidarios, e democráticos sobre os que se fundou a Unión Europea, que confunden negociación con imposición,que deixaron de ser políticos para converterse en acredores. É hora xa de que abandonen a soberbia, e de que dean osíxeno aos cidadáns gregos permitindo unha reestruturación da débeda para superar a crise de liquidez. Ao outro lado do océano terán a presión de Obama e os poderes financeiros, que intentarán unha solución o máis rápida posible para evitar cambios xeoestratéxicos como o achegamento do Goberno heleno a Rusia.

É hora xa de que abandonen a soberbia, e de que dean osíxeno aos cidadáns gregos permitindo unha reestruturación da débeda para superar a crise de liquidez

Deben contar con que os gregos non están dispostos a que ninguén decida por eles, pois parece coma se Pericles tivese aparecido para recordarlles, ao igual que o fixo no s V a.C, quenes son, e de onde veñen: "Temos un réxime político que non se propón como modelo as leis dos veciños, senón que máis ben é el modelo para outros. E o seu nome, como as cousas dependen non dunha minoría, senón da maioría, é Democracia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.