Houbo un tempo -o comprendido, basicamente, entre os anos 1979 e 2005- no que se falaba, en moitos medios de comunicación, do “oasis catalán” para facer referencia ao clima político singular que se vivía naquela nación por mor da capacidade que exhibían as forzas políticas maioritarias para tecer consensos relevantes no seu labor institucional. A notábel pluralidade que se rexistraba, de xeito continuado, no Parlament catalán (CiU, PSC, ERC, “Iniciativa per Catalunya”, PP) revalorizaba a estabilidade que se constataba na dinámica política dese País. Posteriormente, e como diría aquel, pasou o que pasou.
Vaise cumprir o primeiro ano da última vitoria do PP de Núñez Feijóo nas eleccións galegas. Alguén podería ter a tentación de trasladar aquí a vella descrición e afirmar a existencia dun “oasis galego”
Vaise cumprir o primeiro ano da última vitoria do PP de Núñez Feijóo nas eleccións galegas. Alguén podería ter a tentación de trasladar aquí a vella descrición e afirmar a existencia dun “oasis galego”. Se o que se quere é destacar a evidencia dunha rutina continuísta derivada da hexemonía do PPdG, a metáfora resultaría adecuada. Mais non se podería ignorar que as diferenzas tamén son moi chamativas. Por citar un exemplo contundente: en Cataluña foi posíbel un acordo importante entre CiU, PSC e Iniciativa para reformar o Estatuto mentres aquí, Rajoy e Feijóo non aceitaron mudar o esqueleto do autogoberno.
Unha recente enquisa de Sondaxe sinalaba dúas circunstancias significativas: os homes e mulleres que conforman o actual goberno galego son moi pouco coñecidas entre as persoas consultadas e, ao mesmo tempo, os votantes do PP aproban a xestión deste executivo que lidera Alberto Núñez. A pesar dos erros e carencias que se constataron durante a pandemia, o electorado que lle outorgou a maioría absoluta no mes de Xullo do ano pasado segue profesando unha confianza e fidelidade notábeis que neutraliza as opinións críticas que circulan entre aquela parte do corpo social que simpatiza coas forzas da oposición. Certamente, este feito non é moi sorprendente se temos en conta a envergadura da blindaxe mediática que protexe dende hai tempo a Feijóo e se consideramos as coñecidas habilidades que demostrou o mandatario galego para culpabilizar ao goberno do Estado de todas as sombras que rodearon a crise sanitaria e, simultaneamente, apropiarse dos éxitos na loita contra o virus.
Dende o pasado 4 de Maio, Feijóo sabe que o seu desexo de encabezar o cartel das vindeiras eleccións xerais é inviábel: ou repite Casado ou é substituído por Díaz Ayuso
O Congreso que o PPdG vai celebrar nos vindeiros días suscita unha interrogante que, neste momento, semella pertinente: vai ser un trámite administrativo que ratifique, mais unha vez, o liderado indiscutíbel do actual presidente da Xunta ou existe algunha posibilidade de que aparezan contidos específicos que lle proporcionen unha identidade mais diferenciada a respecto da súa matriz estatal? Todos os indicios apuntan a que non existirán novidades destacadas. E, sen embargo, a conxuntura na que se atopa a dereita española ofrece unha oportunidade potencial para construír un discurso diferenciado da futura alianza PP-Vox. Dende o pasado 4 de Maio, Feijóo sabe que o seu desexo de encabezar o cartel das vindeiras eleccións xerais é inviábel: ou repite Casado ou é substituído por Díaz Ayuso. A única alternativa que lle queda é recuncar nos comicios galegos de 2004 para intentar superar a marca de Fraga. E para tal obxectivo contará, sen dúbida, co apoio unánime do seu partido e coa bendición dos poderes económicos e mediáticos.
Feijóo dispón da autoridade suficiente para perfilar un PPdG máis autonomista, menos dependente das lóxicas que emanan da rúa Genova
Feijóo dispón da autoridade suficiente para perfilar un PPdG máis autonomista, menos dependente das lóxicas que emanan da rúa Genova. Diferenciarse de Pablo Casado resulta cada vez menos complicado grazas á deriva ultradereitista do líder estatal. Se non afonda nese camiño será porque non atopa demandas desa natureza no universo social que rodea o seu partido e/ou porque carece da audacia e da visión que cabería esixir a un dirixente político que preside o autogoberno galego dende o ano 2009.