Segundo Castelao, que nos seus textos nos facía ver que a vaca era un animal moi representativo de Galicia e ao que lle tiñamos moito que agradecer, “O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos, somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída (…) O día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida”.
Non imos entrar a valorar caso por caso (porque iso terano que facer os xuíces, forenses...) se por desgraza hai enfermidades mentais polo medio ou non, pero teremos que poñer os medios, inserir unhas bases fortes no sistema, para que isto non vaia a máis; non ao maltrato animal, nunca, baixo ningún concepto, busquemos os medios, as vías e saídas de sufrimento cero. Tampouco queremos que a palabra labrego ou gandeiro sexa o equivalente a escravo, senón que sexa unha opción de emprego, unha opción que ademais xera riqueza e alimenta ás cidades.
Defendamos unhas políticas intelixentes para buscar uns prezos xustos. As medidas a curto prazo, como xa temos falado con todas e todos vós, gandeiras e gandeiros, son pouco proveitosas; loitemos a medio e longo prazo, en Galicia, Madrid e Bruxelas.
O acontecido nestes días foi moi grave, cos datos que temos non somos quen de pensar se son casos illados. Traballamos con animais, que son seres sensibles que dependen de nós, é unha responsabilidade extra, non é unha empresa normal, por así dicilo; precisan coidados especiais e a xente do rural é consciente mellor que ninguén, non precisa leccións extras. A pesar do anterior, algúns dos gandeiros/as manifestades a certeza que isto é un principio, que nunca estivestes sometidos a unha crise tan profunda, facedes similitudes cos desafiuzamentos e que ningún de vós, no voso san xuízo, deixaría morrer unha vaca de fame. Tamén se manifesta o sentimento de deixamento, abandono persoal, degradación de moitas persoas que viven deste sector, cando xa gastaron as herdanzas e aumentaron débedas e non teñen nada que perder e nada polo que loitar; é un sentimento perigoso, afirman, que queren trasladar ao resto da poboación, polo que non é de estrañar que volvan a saír novos casos á luz, malia que moitos din todo o contrario. É o seu sentir, o noso é darlles voz.
É difícil aventurar que estes casos sexan froito dunha crise profunda, nunca o foi tanto, nunca os prezos foron tan baixos e nunca houbo risco de non recollida, pero moitos gandeiros si o fan sen medo a equivocarse. Afírmase que dende a administración non se fai nada para reverter a situación tan grave que aboca ao fracaso económico a toda unha comunidade autónoma e as medidas existentes non son a medio prazo e non existe un Plan Director Estratéxico do Sector de Vacún de Leite, que é o primeiro que hai que facer cando se quere acometer un problema.
As débedas consomen este sector. Moitas familias viven en situacións de extrema pobreza no rural, que é a despensa das cidades, e dado que xa non teñen máis forza para seguir na loita, o goberno do PP aproveita para deixar morrer o agro. Non ten vergoña de que Santuarios de toda España estean dispostos a recoller as nosas miserias.
Xa non hai manifestacións, á última, o 31 de marzo, acudiron unhas escasas 300 persoas a Santiago de Compostela, é un indicador de total vulnerabilidade do que un día foi o noso orgullo. Queremos que o siga sendo.
Imos estar aquí para defender os dereitos que estamos a perder e facer por mellorar este medio rural, que se atopa en estado de abandono.
Precisamos ser fortes e terminar con esta situación, favorecendo e facilitando o traballo da xente no rural. Non imos deixar que limiten cada día máis os nosos dereitos e nos fagan abandonar a nosa profesión, a nosa vida, as nosas aldeas, a nosa Galicia.
Podemos Galicia, por un rural vivo.