En Marea celebrou o sábado 15 de xullo o seu terceiro plenario, no que se abordaron asuntos cruciais (regulamentos do Consello e da Coordinadora, carta financeira, modelo de financiamento autonómico, etc.) e se revalidaron cuestións de base, asentadas no anterior plenario, para a construción dun suxeito político unitario en Galiza.
Tal e como puidemos observar nos días previos, a gran cantidade de novas e artigos de opinión sobre o tema facían prever que o tratado no mesmo era de gran interese e repercusión.
Xunto aos textos presentados pola Coordinadora, presentáronse unha serie de emendas que buscaban mellorar os escritos e abrir o debate, as cales foron aceptadas ou transacionadas na súa práctica totalidade. De feito, só foron rexeitadas as que non procedía o debate (non se incluíran na orde do día) e ademais ían en contra dalgún dos acordos aprobados nos plenarios de Vigo e Santiago. Mesmo nestes casos, tamén se chegou a acordos para debater determinados puntos en futuras asembleas e grupos de traballo, por exemplo, traballar na posibilidade de modificar o xeito de elección da Coordinadora, para facelo directamente, sen que teña que mediar o Consello.
Así mesmo, tódalas resolucións foron unanimemente aprobadas: apoio ao indulto de Carlos e Serafín, oposición á A57, necesidade de tomar medidas medioambientais nun modelo de desenvolvemento económico devastador, debate e aprobación duns novos estatutos baseados no principio de radicalidade democrática e apoio aos concellos das Mareas.
Do mesmo xeito, presentáronse unha serie de emendas á totalidade baixo o nome de “Recuperar En Marea”, ás cales tamén se lles ofreceu a posibilidade de integrar as súas ideas dentro dos textos propostos, pois se entendía que as diferenzas, non eran, en realidade, tan grandes. Desgraciadamente nin se aceptaron as propostas de integración nin se prantexaron propostas alternativas, incluso se rexeitou por parte dos/as emendantes a posibilidade de incorporar de xeito íntegro a súa emenda á totalidade ao documento político.
A xente, a maioría social á que supostamente representa En Marea, non entende que non sexamos quen de buscar e chegar a acordos esenciais que permitan seguir traballando
O “quitate ti que me poño eu” non ten razón de ser neste espazo: impor a totalidade dun ideario ou pensamento político parece contraditorio con falar de unidade popular. A xente, a maioría social á que supostamente representa En Marea, non entende que non sexamos quen de buscar e chegar a acordos esenciais que permitan seguir traballando. Normal: nos, que ao fin e ao cabo non somos máis que iso, xente do común, tampouco o entendemos.
Como puntos positivos que destacamos do plenario estarían: Por unha banda, os/as inscritos/as, que de xeito autónomo, crítico e sobre todo respectuoso, opinamos, debatemos, votamos e aceptamos o acordado. Por outra banda, a actitude da Coordinadora e o Consello de En Marea, que buscaron en todo momento puntos de encontro, tratando de aparcar as diferenzas e entendendo que para chegar ao consenso e cumprir co mandato das bases era preciso ceder en determinados aspectos para poder acadar unha visión común. Consecuentemente, no plenario buscouse o acoplamento de documentos políticos, textos e propostas, tendo presente que as ideas e propostas de cadaquen enriquecen o ideario colectivo. Boa mostra de elo foi, como comentamos xa neste artigo, a integración nos textos da maioría das emendas presentadas.
Non debemos esquecer que se trata dun espazo dinámico, en continuo proceso de construción, polo que se fai necesario seguir formulando alternativas e propostas coherentes, concretas, que fagan que a cidadanía confíe en que existe outra forma de facer política
En calquera caso, a pesares das diferenzas e incluso contradicións que poidan existir en En Marea (as cales, por certo, son inherentes ao propio ser humano), o certo é que todos/as gañamos co debate e e aposta en común de ideas, e diso precisamente foi un claro exemplo o plenario do sábado, onde todas as voces foron escoitadas e respectadas nun espazo onde a pluralidade e a diversidade interna son a razón de ser do proxecto. Ao cabo, En Marea é un espazo de entendemento entre persoas que non sendo iguais, comparten unha serie de principios e valores nos que se está dacordo.
Non debemos esquecer que se trata dun espazo dinámico, en continuo proceso de construción, polo que se fai necesario seguir formulando alternativas e propostas coherentes, concretas, que fagan que a cidadanía confíe en que existe outra forma de facer política.
Dende a autocrítica que debe tamén caracterizar este espazo, debemos asumir que inda non somos suficientes, mais isto non quere dicir que minguásemos. Como mostra un dato: en decembro había 350 persoas presentes no plenario, 1600 inscritas e unha Coordinadora provisional. Este sábado eramos 530 persoas (presentes no plenario), 2400 inscritas e tiñamos un Consello e unha Coordinadora electas democraticamente e en base aos acordos asembleares.
Dende logo, non imos ser nos quen defendamos que 500 persoas son moitísimas, mais hai que ser consecuentes coas premisas das que partiamos, pois so coñecendo o pasado do que vimos seremos quen de albiscar o futuro que queremos. Un futuro no que non poden faltar os esforzos para tecer redes e integrar. Un futuro no que moitos/as mais somos necesarios/as. Un futuro no que prime #AsumaDoComún fronte filias, fobias ou intereses particulares. Un futuro que se nutra de pluralidade e diversidade.