Desmontando a Sanidade Pública

Os expertos non teñen dúbida: o dereito á asistencia sanitaria gratuíta para toda a poboación é un mecanismo moi eficaz para rachar o círculo da pobreza. Así o afirmaron nunha Asemblea Xeral da ONU celebrada nestes días pasados. A OMS calcula que cada ano hai uns 150 millóns de persoas no mundo que van á ruína por ter que pagar facturas sanitarias (nalgúns puntos de África unha cesárea pode custar 200 euros, cifra imposible para a grande maioría da poboación). O coordinador de Acción por la Salud Global, Tim Roosen,  é contundente: “Si no se cumple el derecho a la salud para todos los ciudadanos, los Estados no prosperarán ni crecerán, y los pobres seguirán empobreciéndose cada vez más”.

A OMS calcula que cada ano hai uns 150 millóns de persoas no mundo que van á ruína por ter que pagar facturas sanitarias (nalgúns puntos de África unha cesárea pode custar 200 euros, cifra imposible para a grande maioría da poboación)

A OMS afirma que investir en saúde pública é rendible: atállanse as doenzas evitables e mellóranse os indicadores de saúde, producindo un incremento da capacidade laboral e da produtividade. Tamén sabemos que investir en sanidade mellora o prognóstico do cancro; un estudo recente demostrou  unha forte correlación directa entre gasto sanitario e supervivencia ao cancro despois do diagnóstico: a máis gasto, a mortalidade é menor.

O Sistema Nacional de Saúde (SNS), de cobertura universal e financiamento a través dos impostos, é un referente a nivel internacional

En España, a partir da Ley General de Sanidad (1986), promovida por Ernest Lluch, fíxose un longo camiño para conseguir a cobertura sanitaria universal de forma plena. O Sistema Nacional de Saúde (SNS), de cobertura universal e financiamento a través dos impostos, é un referente a nivel internacional. A Organización Panamericana de la Salud impulsa este modelo nos seus países membros. Mais aquí, pola actuación cruel e pertinaz deste goberno, estamos a facer o camiño en sentido contrario. No que vai de lexislatura o PP está a realizar unha demolición programada do SNS. Estas son algunhas das súas actuacións:

1.- O RD Ley 16/2012 introduciu a obriga de diversos copagamentos que sobrecargan, de xeito insoportable nalgúns casos, as deterioradas economías familiares. O 16 % dos xubilados non poden completar os seus tratamentos, e son cada vez máis as persoas maiores que piden axuda para mercar as medicinas. Mais tamén deixou sen cobertura a perto dun millón de persoas que quedaron sen tarxeta sanitaria. Segundo Médicos del Mundo cada día 2.400 persoas quedan excluídas da cobertura sanitaria desde que comezou a aplicación deste decreto en setembro de 2012. Esta organización puxo en marcha unha campaña informativa –“Ninguén desbotado”-, para concienciar á poboación sobre a gravidade da situación. A supresión da atención sanitaria aos inmigrantes é unha decisión cruel e inxustificada: o dano provocado é inmensamente superior ao aforro conseguido. Mais tamén é unha medida insensata e perigosa: as persoas excluídas con doenzas transmisibles  poden representar un perigo para toda a poboación.

O 16 % dos xubilados non poden completar os seus tratamentos, e son cada vez máis as persoas maiores que piden axuda para mercar as medicinas

2.- O goberno do PP vén de enviar á UE o seu Programa Nacional de Reformas. Reino de España 2013 para evidenciar a súa vontade de continuar cos recortes sociais. Segundo un informe da FADSP unha das partidas máis afectadas vai ser o Sistema de Atención á Dependencia: de 2012 a 2014, en tres anos, van aplicar un recorte de 2.220 millóns de euros. Quedarán sen atención 256.000 dependentes, ainda que “o obxectivo final é desmantelar todo o dispositivo previsto pola lei para permitir ás multinacionais dos servizos sociosanitarios apropiarse destes, como fixeron xa no Reino Unido”.

3.- O pasado 19 de setembro o goberno publicou no BOE unha resolución pola que se obriga aos pacientes con doenzas crónicas graves (cancro, artrite reumatoide, hepatite crónica, esclerose múltiple etc.) ao pagamento do 10% do prezo por envase dos  fármacos de dispensación hospitalaria –que adoitan ser moi caros-. No preámbulo da resolución o propio goberno recoñece a gravidade e cronicidade das patoloxías afectadas.  Esta medida debería ser implantada polas autonomías a partir do primeiro de outubro, pero varias comunidades xa anunciaron que non a van aplicar. Os defensores do copagamento aducen dúas razóns para impoñelo: a función disuasoria e a capacidade recaudatoria. Mais non é posible evitar que estas persoas deixen de utilizar estes fármacos, sen pór en risco a súa saúde, e a recadación económica vai ser insignificante para o goberno (hai un límite de 4.2 euros por envase) aínda que moi gravosa, e mesmo imposible de asumir, para os enfermos.

Se non reduce o consumo nin recada diñeiro: por que aplica o goberno unha norma tan inxusta e cruel? Hai razóns ideolóxicas para impor estes castigos ás persoas máis necesitadas de axuda

Se non reduce o consumo nin recada diñeiro: por que aplica o goberno unha norma tan inxusta e cruel? Hai razóns ideolóxicas para impor estes castigos ás persoas máis necesitadas de axuda. A viceconselleira de sanidade de Madrid, Patricia Flores, preguntábase hai pouco: “¿Tiene sentido que un enfermo crónico viva gratis del sistema?".  Tamén hai unha intención intimidatoria. Con estas medidas o goberno persigue crear unha situación de pánico colectivo; os propios afectados vense paralizados polo medo, superados por unha situación de desamparo e desprotección que os fai temer pola propia vida. Mais debe ser toda a cidadanía a que reaccione ante estas imposicións que nos retornan a un pasado que criamos superado. Porque, se non actuamos, algún día poderá tocarnos a nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.