Desmontando os mitos da educación financeira en PISA

O martes 24 de maio lanzábanse en París os resultados da segunda edición do informe PISA sobre competencia financeira. Dende entón, sucédense as noticias que destacan o baixo nivel do alumnado español e claman por pórlle unha rápida solución. Na sesión inaugural da presentación do informe falaba Francisco González, flamante presidente do BBVA. Non é casualidade, o banco español financia dende 2012 esta proba. Tamén é en consonancia co BBVA que se abriu unha “liña de traballo innovadora” na Consellería de Educación que desembocou na creación do curso de educación financeira en Galicia, como materia de libre configuración autonómica. De novo, non é casualidade que a banca dedique recursos e esforzos a educar.

Non é casualidade que a banca dedique recursos e esforzos a educar

A educación financeira ten presenza dende fai moitos anos no ámbito anglosaxón, pero foi a raíz da “crise” que se espallou por todas partes. Ou mellor, espallárona. A OCDE, o club dos países máis ricos, é unha das organizacións que está a xogar un papel preponderante. Pero tamén o Banco Mundial ou o G-20 e, por suposto, as entidades privadas. A OCDE fai informes dando consellos e guías de actuación a gobernos e institucións públicas e privadas para desenvolver sen resistencia esta materia, sostén unha rede internacional sobre educación financeira cuxos membros e recursos non transcenden e, por suposto, acolleu baixo a súa sombra o informe PISA sobre competencia financeira, un instrumento de medición que serve, coma outros que pretende que impulsen os Estados, para crear, nas súas propias palabras, “evidencia de necesidade”.

Estamos permitindo que as entidades financeiras entren nos centros e eduquen aos fillos da crise que elas mesmas contribuíron a crear

En España, os primeiros en unirse ao proxecto foron as entidades financeiras. Comezaron a crear obradoiros, conferencias, xogos online... E non foron poucos. A Asociación Española de Banca recolle que ata o 2015 resultaron “beneficiarias” deste tipo de iniciativas catro millóns e medio de persoas. Moitas delas son alumnas e alumnos de centros educativos que reciben as clases impartidas polos bancos. De novo parémonos aquí. Estamos permitindo que as entidades financeiras entren nos centros e eduquen aos fillos da crise que elas mesmas contribuíron a crear.

Mentres as iniciativas privadas crecen, o Estado non se queda atrás. Hai contidos de educación financeira en diferentes materias de Primaria e de Secundaria; e tamén dous módulos en educación financeira que o profesorado pode elixir impartir nos seus centros como parte doutras materias. En Galicia, grazas á LOMCE, os institutos teñen a opción de escoller a materia de educación financeira entre as que hai dispoñibles. E por suposto que é moi necesario entender unha factura ou saber facer un orzamento, pero a cousa non se queda aí.

 

Os problemas da educación financeira

Para eles, o problema non é a falta de regulación dos gobernos, nin a natureza mesma do mercado e do funcionamento das institucións financeiras, o problema somos todas nós, que deixamos que nos enganen e nos endebedamos sen medida

A educación financeira ten dous problemas fundamentais que amosan a súa lóxica perversa. O primeiro deles estriba nas razóns que se aducen para impulsala. Basta con ler algún dos informes da OCDE ou os plans en Educación Financeira do Estado para dar unha e outra vez cos mesmos argumentos, que tamén se repetiron en París: a educación financeira contribuirá á estabilidade dos mercados e evitará que as crises sexan tan profundas. Ollo con isto. Para eles, o problema non é a falta de regulación dos gobernos, nin a natureza mesma do mercado e do funcionamento das institucións financeiras, o problema somos todas nós, que deixamos que nos enganen e nos endebedamos sen medida.

Estamos ante as leis do mercado en estado puro: son os perfectos suxeitos financeiros os que pedirán produtos de aforro e inversión de calidade e crearán así o perfecto sistema financeiro. Un sistema cuxa natureza actual non se cuestiona. Outra das potentes razóns sostidas é que a xuventude tense que enfrontar a novos produtos financeiros complexos e sofisticados, nun contexto onde os riscos financeiros se transmiten cada vez máis aos consumidores. Coma se as privatizacións fosen inevitables, coma se o devir do sistema financeiro fose independente das políticas que se levan a cabo.

Dende a súa perspectiva non falta ética, non falta regulación, non falta democracia, falta que todas e todos sexamos as gardiás dun sistema pechado que non se nos ensina a cuestionar. E neste punto radica precisamente o segundo problema da educación financeira: o seu contido. O único que importa son as finanzas persoais. O contexto desaparece.

O único que importa son as finanzas persoais. O contexto desaparece

As guías creadas para desenvolver os módulos de educación financeira impulsados polo Banco de España e pola Comisión Nacional do Mercado de Valores son, neste sentido, reveladoras. A pobreza semella consecuencia da falta de aforro. A vida píntase como un percorrido lineal no que se mesturan períodos de aforro e de gasto sen condicionantes estruturais que provoquen cambios. Os desafiuzamentos ou o aluguer social non aparecen por ningures. As decisións para elixir abrir unha conta nun ou noutro banco pasan polo risco e a rendibilidade que se obtén, e nunca polo que fai despois o banco en cuestión co noso diñeiro. 

 

Unha educación financeira para cidadás e cidadáns

A pobreza semella consecuencia da falta de aforro. Os desafiuzamentos ou o aluguer social non aparecen por ningures

Non hai unha soa maneira de afrontar este fenómeno e a súa evolución ata o de agora non é tampouco irremediable. Hai algunhas institucións que están xa ensaiando novas fórmulas e contidos en educación financeira que escapan das concepcións maioritarias, hai académicas e profesores propondo currículos alternativos, hai países que prohiben ás entidades financeiras poñer o pé nos centros educativos.

Cómpre fomentar o debate no ámbito público sobre a educación financeira que queremos e sobre as institucións que poden transmitila. Vaiamos moito máis aló dun informe PISA pagado por un gran banco que sirve a uns para dicir que teñen que facer máis e a outros para asegurar que van polo bo camiño e que deben afondar na senda escollida.

Hai algunhas institucións que están xa ensaiando novas fórmulas e contidos en educación financeira que escapan das concepcións maioritarias

Fronte á educación financeira para consumidores de produtos financeiros, apostemos por unha educación que profunde nun sistema que tanto importa nas nosas vidas, que traballe o pensamento critico e que analice as causas e as consecuencias colectivas e non se centre só o benestar individual. Apostemos, en fin, polo que o profesor Chris Arthur chama “unha educación financeira para cidadás e cidadáns”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.