Desobediencia e resistencia

É cada vez máis claro que diante dos recortes sociais, do malestar xerado polas consecuencias da crise e da limitación de dereitos o goberno vai adoptar unha política sostida de criminalización da protesta. Vaino facer –está a facelo- polos múltiples medios que ten ao seu alcance. Por un lado mediante modificacións normativas, como a xa anunciada penalización de certas formas de resistencia pasiva non violenta. Por aquí podemos agardar tamén máis limitacións aos dereitos de reunión, de manifestación e de folga.

Por outro lado, mediante a utilización abusiva dos instrumentos legais xa en mans do poder, mediante actuacións desproporcionadas e represións selectivas destinadas a crear medo, como o encarceramento de participantes en piquetes ou en outro tipo de protestas, a toma policial das cidades con ocasión de protestas ou a vixilancia e control das comunicacións cidadás. Podemos esperar tamén actuacións abertamente ilegais, como a provocación ou a xeración de condicións nas que sexa doado producir algunha violencia para despois pór aí o foco. E tamén, como non, a xeneralización dun discurso criminalizador, no que se queira botar man da retórica antiterrorista para botarlla enriba aos disidentes. Na neolingua do poder ao exercicio do dereito de manifestación chámaselle algarada ou directamente violencia.

Na neolingua do poder ao exercicio do dereito de manifestación chámaselle algarada ou directamente violencia

Resulta necesario, pois, cargarse de razóns para uns tempos nos que o exercicio dos dereitos políticos básicos aparece como subversivo. No que superar a pasividade quere ser visto como un crime. Ou no que a non-violencia é asimilada sen arrubiar ao terrorismo. É preciso cargarse de razóns porque toda acción de protesta, de desobediencia e de resistencia supón tamén unha loita pola lexitimidade da propia acción. A protesta, a desobediencia e a resistencia, unha vez que o poder tenta criminalizalas e deslexitimalas supón unha reivindicacións non só dos seus fins seno tamén, e ao tempo, dos seus medios. É dicir, de si mesmas.

É preciso cargarse de razóns porque toda acción de protesta, de desobediencia e de resistencia supón tamén unha loita pola lexitimidade da propia acción

Por iso é necesario lembrar que a historia da democracia e os dereitos pode ser lida como unha historia onde a loita, a disidencia e a desobediencia ao poder tiveron un papel destacado. Nin o máis revirado dos nosos gobernantes –ou dos mandos policiais- podería negar isto máis que desde o cinismo máis noxento. Non se pode negar, pois, que se temos algúns dereitos e liberdades débese máis á desobediencia del algúns que á obediencia de moitos. Os ataques á posibilidade de disentir e de desobedecer son, por tanto, ataques ás nosas posibilidades futuras de protexer os dereitos, de amplialos ou de profundalos.

Fronte a isto, o argumento máis sofisticado (aínda que habitualmente se utilizan outros máis cavernícolas) é que a desobediencia e o disenso tiña sentido cando (ou teno onde) non se respectaban os dereitos, en contextos onde non existen canles democráticas institucionalizadas para a expresión política, e en particular para a expresión política do disenso. Mais unha vez que estas canles existen, a desobediencia civil deixaría de ter senso e xustificación. Pódese dicir isto de xeito categórico: de acordo con esta tese, a desobediencia civil non ten xustificación nun contexto democrático, ou –na súa versión máis moderada- sería unha expresión só xustificábel en casos moi taxados, extremos e marxinais.

Creo que esta tese, que algúns mesmo defenden de boa fe, é errónea. En cambio, creo que é posíbel defender de xeito máis plausíbel o contrario. Vou sistematizar o que quero defender en cinco puntos.

a) A desobediencia e a resistencia non violenta como xeito de disidencia e disenso fixeron parte substancial da tradición de loita pola democracia e os dereitos e, lonxe de estaren esgotadas, débeno seguir facendo no futuro.

b) A desobediencia civil, o chamado “dereito de resistencia”, e outras formas non formais de acción política están plenamente xustificados en termos políticos e morais en contextos non democráticos, de vulneración grave dos dereitos básicos, de ocupación militar, etc.

Non é só que a desobediencia civil ou o dereito de resistencia estean xustificados en democracia, senón que o tratamento que de feito (ou de dereito) se lles dea nun determinado contexto xurídico-político é mesmo un criterio ou indicador da calidade democrática existente nese contexto

c) Estas formas de acción están xustificadas en termos político-morais tamén en contextos democráticos. A discusión aquí será en que circunstancias, con que requisitos, etc., pero non sobre a súa xustificación en xeral.

d) Non é só que a desobediencia civil ou o dereito de resistencia estean xustificados en democracia, senón que o tratamento que de feito (ou de dereito) se lles dea nun determinado contexto xurídico-político é mesmo un criterio ou indicador da calidade democrática existente nese contexto.

e) Finalmente creo que non é só que a desobediencia civil e a resistencia non violenta sexan xustificábeis nun contexto democrático dun punto de vista político-moral, senón que ás veces tamén o poden estar dun punto de vista xurídico, ou mellor, xurídico-constitucional.

Creo ter ordenado estas teses de xeito que aceptar calquera delas implica aceptar as anteriores. Tamén, por iso precisamente, as primeiras suscitan un acordo máis xeneralizado que as últimas. É o motivo polo que vou dar por aceptadas a) e b), sen maior discusión.

 

Que é a democracia?

Falar da tese c) esixe facer algunhas precisións respecto ao que é a democracia. Creo que falar de países democráticos –fronte aos que non o son- é impreciso e xeralmente utilizado con intención enganosa e lexitimadora do poder. Podemos falar certamente de países que claramente non son democráticos, pero iso non nos autoriza a falar sen máis de que outros o son, sen maiores precisións. É un uso ideolóxico do termo, no senso marxiano de falsa conciencia.

En lugar de falarmos de democracia sen máis, resulta moito máis precisa a idea de “procesos de democratización”

Se todo o que temos son democracias fronte a países que non son democracias, daquela abonda con estar no lado correcto. Resulta en definitiva unha cuestión de todo ou nada, pero por iso acaba por non importar a maior ou menor calidade desa democracia. Considero, en cambio, que en lugar de falarmos de democracia sen máis, resulta moito máis precisa a idea de “procesos de democratización”. É dicir, de procesos históricos nos que estamos mergullados, nos que o final non está escrito, nos que non hai un punto de chegada estático, e nos que cabe avanzar ou retroceder. A democratización das sociedades ou das institucións non ven dada de unha vez por todas.

Se isto é así, a xustificación político-moral da desobediencia civil pode ser mellor entendida, xa que pode ser interpretada en termos non tanto de “democracias pretrificadas”, senón de “procesos de democratización” e como instrumento deles. A desobediencia sería un instrumento para a democratización. O significado das loitas dos “desobedientes civís clásicos”, Thoureau, Gandhi, Luther King, por falamos dos máis coñecidos, poderían ser interpretados tamén como loitas polos dereitos e pola democratización, ademais das finalidades concretas que os animaron.

Rawls, por exemplo, considerou que a desobediencia civil había de ser interpretada como un dos recursos estabilizadores dos sistemas constitucionais, xa que ao pór de manifesto as inxustizas colabora á súa erradicación

Isto, claro, lévanos directamente á afirmación d): en que senso podemos dicir que a existencia de desobediencia civil e de outras formas de acción do disenso pode ser entendida como un síntoma de calidade democrática? Realmente non é que sexa esta unha tese demasiado arriscada nin subversiva. Os máis prestixiosos filósofos liberais contemporáneos teñen insistido nesta idea. Liberais de verdade, claro, tan lonxe dos sedicentes liberais hispánicos. Así Rawls, por exemplo, considerou que a desobediencia civil había de ser interpretada como un dos recursos estabilizadores dos sistemas constitucionais, xa que ao pór de manifesto as inxustizas colabora á súa erradicación. Unha vía, en definitiva, conservadora ou como moito reformista, pero ben consciente do lugar do disenso na democracia.

Habermas, pola súa banda, considéraa unha forma de contribuír dun xeito non convencional á formación da vontade política colectiva e máis que un elemento estabilizador sería unha pedra de toque para comprender as bases morais da democracia: unha vía alternativa a ser utilizada por todos aqueles aos que se lles nega a participación na vida política e as canles ordinarias de toma de decisións políticas ou que se enfrontan a feitos consumados. Por iso, de xeito diferente que para Rawls, estas accións non son un fenómeno excepcional nin un derradeiro recurso. Son un síntoma de calidade democrática.

Desde aquí é xa doado transitar cara a xustificación non só política e moral da desobediencia, senón tamén xurídica e constitucional (a nosa tese e). Adóitase dicir que a desobediencia civil e a resistencia, tratándose de actos ilegais, non poden estar xuridicamente xustificadas, xa que algo prohibido por lei non pode estar ao tempo permitido. Así, como moito, podería ser toleradas pero sempre desde a súa ilegalidade absoluta. Porén, a desobediencia civil nun sistema xurídico complexo só é ilegal de entrada. A razón é que resulta posíbel que dun exame máis fondo se chegue eventualmente á conclusión de que algo aparentemente ilegal non o era finalmente. Por varias razóns, pero a máis interesante aquí é que podería ser que unha norma violada resultase finalmente ilegal ela mesma, ou inconstitucional.

De feito, moitas veces o propio obxecto do acto de desobediencia pode ser amosar o facto de que na realidade o acto realizado non era ilegal. Poderíase ir máis lonxe e considerar mesmo que a desobediencia civil e outras formas de resistencia non violentas en si mesmas son un test de constitucionalidade, precisamente en relación a casos nos que existan dúbidas sobre a validez ou invalidez da lei, nos casos que resulta dubidosa por existiren argumentos a prol ou en contra. Mesmo poderíamos dar un paso máis: non resulta excesivo argumentar que o feito de un grupo de cidadáns decidir pór en marcha unha campaña de desobediencia civil contra unha lei –co custe que isto supón para eles- é un factor por si mesmo para pór en cuestión a constitucionalidade da lei.

Neste sentido sería un test de constitucionalidade en dous sentidos, xa que por un lado sería un mecanismo para suscitar o control de constitucionalidade, e por outro ela mesma sería un indicio de inconstitucionalidade. A estas condutas deberíase responder non coa represión, senón cunha actitude de tolerancia por parte dos poderes públicos, en orde a que a desobediencia en cuestión podería estar finalmente xuridicamente xustificada. Naturalmente isto ten por que significar que habitualmente as formas ilegais de protesta non violenta, sexan na realidade legais. Pero prevén da idea de que sempre o son.

É moi habitual que na realidade moitas formas de protesta en termos de desobediencia e resistencia nin sequera vaian contra as leis, senón contra ordes circunstanciais da policía, que pola súa propia natureza son máis susceptíbeis de ilegalidade e inconstitucionalidade que a propia lei

Xa non é que crea que as teses expresadas aquí son –fronte ás visións autoritarias da obediencia incondicionada- razoábeis e fundamentadas, senón que creo ademais que non representan ningún especial radicalismo. Pola miña parte estaría disposto a radicalizar o alcance de algunhas delas, pero fico aquí para non embazar a discusión do asunto central. Nótese, ademais, que do que levo dito, xustificaríase en certos casos a desobediencia da lei. É dicir, de un tipo de norma que en última instancia vai investida da presunción de lexitimidade que lle dá ser producida por un poder lexislativo de carácter representativo.

Pero é moi habitual que na realidade moitas formas de protesta en termos de desobediencia e resistencia nin sequera vaian contra as leis, senón contra ordes circunstanciais da policía, que pola súa propia natureza son máis susceptíbeis de ilegalidade e inconstitucionalidade que a propia lei; e ademais precisamente as ordes que se darían en contextos nos que esteamos a exercer os nosos dereitos básicos de manifestación, de reunión ou de expresión. Por este motivo os argumentos aínda serían máis fortes para estes casos.

As respostas represivas e criminalizadoras non só son unha medida da catadura moral e política dos gobernantes, senón tamén un ataque en toda regra á propia calidade democrática

A calidade dunha democracia ten, pois, moito que ver coas respostas fronte ao disenso democrático e coa boa saúde deste. As respostas represivas e criminalizadoras non só son unha medida da catadura moral e política dos gobernantes, senón tamén un ataque en toda regra á propia calidade democrática.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.