Desvaríos fiscais

“O presidente da Xunta de Galiza defende que as comunidades, como a galega, que son solventes poidan baixar os impostos …, defendo que as comunidades que somos solventes poidamos baixar os impostos” (EL PROGRESO 18 de xaneiro do 2017).

Non hai goberno galego ou español que se prece que, algunha vez, non prometera baixar os impostos. De dereitas e de esquerdas. Aí están as hemerotecas para confirmalo. O último, polo de agora, foi o actual goberno da Xunta de Galiza e por boca do seu presidente -Alberte N. Feijoo- quen defende que a Xunta de Galicia (PP) pode baixar os impostos dada a súa situación de solvencia financeira. Algo que, por certo, como demostramos nun artigo anterior é falso. Algo que pon en evidencia como o presidente da Xunta de Galicia, e os seus asesores, parecen ignorar un dos conceptos mais importantes da macroeconomia, a noción da falacia de composición: “o que pode ser certo para os individuos probablemente non o sexa para a sociedade tomada no seu conxunto”.

Pero por se non foran suficientes as evidencias sobre o continuo incumplimento, por parte dos gobernantes españois e galegos, de este tipo de promesas –moi especialmente cando se trata do Partido Popular (PP): basta con lembrar que na súa primeira lexislatura o goberno de Mariano Rajoy, en contra do prometido na campaña electoral, rematou con moitas mais subidas que baixadas de impostos. Subidas que afectarían a todos os impostos (IRPF, IVA, Sociedades, Impostos especiais...). Ademais, cando algunha vez teñen lugar as prometidas rebaixas estas poden producir efectos contrarios aos prometidos polos gobernantes: a electoralista baixada de impostos, aprobada polo goberno do Partido Popular (PP) en visperas das eleccións xerais de decembro 2015, ademais de traer como consecuencia que non se cumprisen os obxectivos do déficit, supuxo que os cidadáns de rendas baixas non se viran beneficiados de tal rebaixa  ao tempo que se cargaba aos cidadáns de rendas medias as rebaixas aplicadas ás grandes fortunas saíndo así, unha vez mais, como grande prexudicada a progresividade fiscal. Desviación aquela do déficit que, por certo, o goberno español de torno (PP) achacou as Comunidades Autónomas e a Seguridade Social en contra de todas as evidencias.

Pero vexamos que fundamento fiscal podería xustificar unha baixada de impostos en Galiza tal como a defendida por A. Núñez Feijoo. E para iso que mellor que acudir ao análise das contas públicas nas dúas derradeiras lexislaturas co Partido Popular ao fronte da Xunta de Galicia. Como temos explicado noutros artigos, sendo de sobras coñecido por outra parte, a resposta da Xunta de Galicia (PP) presidida por A. Núñez Feijoo a crise financeira foi, en liña co goberno central de torno (PSOE, PP), un duro axuste fiscal (un -10% do gasto non financeiro equivalente a mais de 1.000 millóns de euros) que se centrou maiormente nas operacións de capital (investimentos e transferencias). Tal axuste  –eufemisticamente chamado consolidación fiscal-, unido ao que pola súa parte aplicou o goberno central (PSOE, PP) converteron a crise financeira galega, e española, nunha grande recesión con unha moi forte caída da produción e o emprego. Dada a estrutura do sistema fiscal español (70% dos ingresos fiscais proceden das rendas do traballo quen soportan o 81% do IRPF) a recesión provocou tamén unha forte caída dos ingresos fiscais –que sería maior grazas aos xa citados desvaríos fiscais do señor Montoro-, un déficit permanente e o  conseguinte crecemento exponencial da débeda pública. Un gasto –pasivos financeiros- que se dispara en Galiza un 200%, a pesares do recorte no gasto non financeiro. Resulta evidente, xa que logo, que unha baixada de impostos, como a prometida por A. Núñez Feijoo, traería de novo como consecuencia un incremento do déficit e da débeda pública disparando así os crecentes gastos financeiros. Algo, por outra parte, perfectamente evitable dada a estrutura actual do sistema fiscal español.

España, e con ela Galiza, é un caso de libro de cómo os problemas fiscais derivan da estrutura do sistema fiscal e moi especialmente do sistema tributario no apartado dos ingresos. Hai que empezar por dicir, unha vez mais, que en contra do que argumentan os neoliberais non é verdade que en España (e, xa que logo, en Galiza) se pague moito en impostos. Algo que confirma a baixa presión fiscal: 34,6% do PIB fronte ao 40% de media europea e o 41,4% na zona euro. Esta evidencia supón que con unha presión fiscal equivalente a media da eurozona se poderían recadar anualmente en Galiza 3.700 millóns de euros  mais.

Cómpre tamén saber que Galiza é unha das comunidades europeas con maior índice de fraude fiscal pois o peso da economía somerxida está hoxe avaliado nun 24% -23% en España- que supoñen 11 puntos mais que a media na Unión Europea -13%-. Isto quere dicir que se Galiza tivera un nivel de fraude fiscal a par da media na Unión Europea a facenda pública podería ter recadado anualmente en Galiza 6.000 millóns de euros a maiores. Unha fraude fiscal que lastra a recadación e que ten a súa orixe, en Galiza, maiormente (70%) nas grandes fortunas e no narcotráfico entre os que, como é ben sabido, Alberte N. Feijoo e os dirixentes do PP teñen numerosos amigos. Estas cifras, confirmadas polos expertos, subliñan de forma contundente que os problemas fiscais en Galiza, como en España, non están nos, supostamente, elevados gastos públicos senón nos cativos ingresos fiscais.

Por todo iso máis que preocuparse de baixar os impostos –que non arranxarían os problemas fiscais de Galiza- ben faría o presidente da Xunta de Galiza en traballar por un sistema fiscal mais xusto e equilibrado. Un sistema fiscal que a par que combate a fraude procura a xustiza, a igualdade e a progresividade fiscal tal como establece a propia Constitución Española (Art. 31). Un sistema fiscal tal reduciría ao mínimo os actuais problemas de déficit e débeda públicos ao tempo que non faría necesarios recortes no gasto público permitindo, por caso, financiar un estado de benestar a altura das necesidades dos galegos e impulsar políticas de emprego que evitarán que os mozos e mozas galegos/as teñan que emigrar “pra ver de ganalo”. Voces autorizadas sinalan que un grande pacto fiscal permitiría aumentar de xeito inmediato un 33% a recadación fiscal o que en Galiza equivalería aproximadamente a 2.700 millóns de euros adicionais. Cantidade que, por caso,  a Xunta de Galiza deixa de ingresar anualmente por falta dunha auténtica política fiscal autóctona.

Unha cantidade que ben empregada –servizos públicos de benestar, políticas de emprego e infraestruturas básicas- tería inmediatos efectos económicos positivos xa que axudaría a recuperar a demanda, incrementar os ingresos públicos e, xa que logo, ir reducindo a débeda pública.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.