Detalles que tenden a esquecerse

En Marea é, hoxe por hoxe, unha coalición de tres partidos. Obviamente substitúe a AGE que pasou á mellor vida discretamente, sen apenas dar sinais de vida, salvo na súa versión parlamentaria. Dos tres partidos, EU ten un aparato reducido e unha base electoral que hai que inferir que foi absorbida por Podemos. ANOVA polo seu lado está tamén diminuída e esgazada. Apenas si conta tampouco con militantes ou aparato e a súa liña parece excesivamente enfeudada á sorte e á estratexia de Podemos. O seu perfil propio é livián, difuso e á vez hiperbólico, e non soubo contribuír a darlle nova vida a un nacionalismo que corre un serio perigo de práctica desaparición do escenario. Non fixo o menor esforzo para atraer aqueles sectores –CxG, etcétera- que poderían incrementar as cores da paleta da coalición, tal vez por aquilo de que o que parte e reparte. No que se refire a Podemos, a mai do año, segundo parece, anda metido nese tipo de liortas que mostran que a nova política é  moi parecida á vella. A súa consolidación en Galicia non será un camiño de rosas. Non se improvisa un partido así como así. Por suposto, é de prever que gañe o aparato, que para iso é o aparato. As Mareas municipais, de curta vida, teñen un serio problema para atopar un instrumento que non os encastele nun entorno hostil, o que sumado a unha xestión moi discutida nalgún caso non constitúe un entorno do máis prometedor.

Esa coalición carece, polo momento, de candidato, equipo e programa. Alguén dirá que os nomes non son importantes. Pero é mentira. Calquera con experiencia, con sentido común, e mesmo os consultores e políticos profesionais –coñecidos pola súa propensión ao erro- saben que eses factores son decisivos, non só nunha campaña electoral, senón no máis proceloso mundo da gobernación se é que unha tal candidatura chega ao poder. Ás veces, por certo, perder é unha beizón, especialmente se o que ven despois decepciona todas as esperanzas polos motivos máis mesquiños. Que non estean formalmente designados ese nomes, que o tempo pase, xoga a favor do único candidato na reserva: Xosé Manuel Beiras. Cabe supoñer que Iolanda Díaz formaría parte do esquema. Seguramente o silencio administrativo pretende forzar esa solución no seo da Marea. Os dous son, en certo sentido, liberos con vínculos orgánicos débiles que, no caso de formar goberno, terían serias dificultades para atopar os perfís deses entre douscentos e catrocentos cargos que fan que un país funcione ou non. Por suposto que, nesa cifra, hai que incluír os propostos polo PSOE, sen o cal non poderá haber goberno en ningún caso. Hai que lembralo.

A cuestión da experiencia, pericia e formación deses hipotéticos cargos non é banal. Porque xa non pode suceder que as transformacións sexan superficiais ou puramente xestuais pero, ao tempo, hai que supoñer que un hipotético goberno galego –sempre co PSOE na vicepresidencia, no caso deste partido quedar por detrás e tal vez co apoio do BNG- seríao tendo que manexarse coa confusión interna de En Marea, cos compromisos cos socios de goberno e no marco do previsible escenario dalgunha forma de gran coalición en España, que sería fiel ao marco de austeridade europeo. Por non falar da recomposición do nacionalismo, tamén dentro da Marea, que, antes ou despois, terá que tomar algunha forma, se é que o corpo aínda exhala sinais de vida.

Dito doutro modo: ese goberno pode erguer expectativas que será difícil xestionar –non haberá un peso, continuarán os recortes, a lea española pode ser de órdago, Cataluña seguirá aí- e non terá moito máis capital que o da iniciativa política, a imaxinación e o bo facer dos seus representantes. Terá que saber dialogar e facer as cousas ben.Distinguir coma un cirurxián entre os compromisos factibles e satisfactorios e aqueles outros que dependen dunha relación de forzas que está máis alá –moito máis alá- das súas capacidades.O programa non pode estar feito para quedar ben, senón para ser posto en práctica. O público ten que notar que hai ideas claras e xestión eficaz. Pese ao gusto pola declamación e a hipérbole de certos dirixentes todos nos contentariamos con que saiban avanzar en certos campos simbólicos, pero sobre todo en xestionar ben os eixos do estado do benestar e en constatar que teñen algunha idea máis que pedirlle diñeiro ao estado para acercarnos á media española –o que tampouco é unha parvada. Un proxecto de país, chamáselle a iso.

Non hai nin que dicir que o mapa mediático galego xogará á contra, que un fragmento moi sensible das clases medias seguirán sendo conservadoras, que os intereses locais seguirán xogando un papel e que, o último pero non o menos preocupante, que cabe que o escenario mundial se volva ameazador. Abundan as voces que anuncian a remontada da crise de 2008 amplificada –de tal suceder pode arrasar co mundo no que viviamos- e, en tal suposto, tocaríalle xestionar esa crise –cos derrubes de aforros e benestar consecuentes- tal vez a ese goberno. Se, como suxiren algunhas voces, estamos ás portas dunha nova fase da crise no que se vai poñer ao descuberto as miserias das finanzas mundiais –o virtuoso Deustche Bank perdeu cerca do 90% do valor das súas accións dende 2008- e no que esas miserias poden levarse por diante literalmente todo o que dabamos por seguro  entón quen estivese no cadro de mando viviría momentos de anguria.Máis nun contexto no que os marxistas sinalarían que a acumulación de forzas dos prexudicados pola crise é escaso, por non dicir que ridículo. E no que non existe ningunha alternativa política consistente en Europa que teña a capacidade de marcar outra saída á crise distinta da actual transferencia de fondos ás elites xermánicas.É máis, o malestar pode declinarse pola extrema dereita. Cada vez hai máis signos que apuntan nesa dirección.

Se, mesmo, pode suceder que se alimenten dinámicas –Grexit, Brexit, distancia entre Norte e Sur, crise dos refuxiados, uns dirixentes políticos europeos mediocres e semidelincuentes- que fragmenten Europa e que o euro sexa, como mínimo, posto en cuestión, ou que desapareza, o contexto pode resultar dantesco. Precisará dun goberno de primeiro nivel para navegar por un período histórico no que o impensado pode aparecer en calquera momento. Se alguén quere deixar a súa figura para a historia tal vez non escollerá o momento menos exento de perigos. De realizarse as peores posibilidades pode pasar que ese goberno sexa vilipendiado e illado ata deixar o final do bipartito como un momento excelente.

Pero, de non ter lugar o peor, no escenario máis optimista, seguirá sen haber un peso. Así que os conselleiros/as de Sanidade, o de Educación, o de Facenda, o de Obras Públicas e etcétera non poderán recrutarse, sinto dicilo, entre inexpertos, movidos só polas boas intencións, nin, moito menos, constituír un mero reparto de poder entre as partes contratantes, como se acostumaba. Cando non tes diñeiro, tes que ter ideas, proxecto, persoal cualificado e xente que saiba lidar cos intereses contrapostos. Están non só a Marea, senón tamén o PSOE e o BNG preparados?  Deberían comezar a dar sinais de que así é. Se han de gañar terán que facelo montados non só no cabalo furioso da ira que todos acumulamos pola crise-estafa que sufrimos senón no máis morno alazán do equilibrio e as propostas. Xa sei que aos hooligans non lles gusta escoitar estas cousas, nin lembrar as circunstancias obxectivas, pero, se non se afina ben, o peor pode chegar despois. Das condicións indispensables para formar un goberno futuro con xeito de momento non se albisca case nada. Esta é a pura verdade. Dixit, et salvavit anima mea!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.