Deus nos libre dun xa foi

Hugo Chávez é desa caste de personaxes que non deixa ninguén indiferente, pois que as opinións adoitan ser de absoluta condena ou de adhesión haxiográfica inquebrantábel. Mais dende Galicia haberíamos tentar unha visión desapaixonada e obxectiva, no canto de nos aliñar na ringleira dos  “vivas” e “mueras”.

Non é certo que Chávez fose un ditador, porque o réxime venezolano segue a respectar as regras democráticas. Chávez perdeu claramente  un referendo constitucional e gañou limpamente as últimas eleccións fronte ao candidato opositor e renovador Capriles (55% vs 44%), como recoñeceu o prestixioso Centro Carter. A liberdade de expresión, sobre todo a antichavista, está plenamente garantida: máis do 90% da audiencia televisiva pertence a grupos privados hostís ao Goberno.

Chávez mellorou substancialmente as condicións da cidadanía venezolana menos favorecida. Dende 1998 até o 2011 a pobreza baixou do 50% ao 31,5% e Venezuela constitúe xa a sociedade latinoamericana con menos diferenzas de renda entre ricos e pobres. Tamén é verdade que este labor foi extraordinariamente favorecido pola elevadísima suba do prezo do barril de petróleo (hoxe de 100 USD fronte aos 7 de 1998, cando asumiu Chávez por primeira vez) até o extremo de poder concluír que foi a burbulla petroleira a que financiou as melloras sociais, que corren grave risco de desaparecer cando se pinche esta burbulla.

Este maná petroleiro determinou tamén altos niveis de corrupción, nomeadamente residenciados nos altos cargos do Exército, nova elite venezolana. Por outra banda, a industria e a distribución comercial sufriron unha contracción importante que determinou o empobrecemento de milleiros de galegos emprendedores.

O chavismo tampouco foi quen de amañar os altísimos niveis de inseguridade cidadá de Caracas, semellantes aos das megalópoles de Sao Paulo ou México DF.

Sen a conxuntura favorábel do petróleo os éxitos sanitarios, educativos e sociais do chavismo non serían os que son. Mais hai que lle recoñecer a Chávez que foi quen de manter en democracia a adhesión popular ao seu proxecto. Un proxecto de construción dun socialism  á hispana, populista e caudillista, que é referente para moitos millóns de cidadáns iberoamericanos.  Malia que a moitos de nós non nos seduza para o noso País.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.