Dez anos sen ETA

Pintada de apoio a ETA © Eldiario.es

A estrea do filme “Maixabel” coincidiu, practicamente, co décimo aniversario do anuncio de ETA da súa renuncia unilateral á continuidade da práctica da violencia. Mais alá das inevitábeis doses de ficción, o que se relata na obra artística de Icíar Bollaín é un conxunto de acontecementos que tiveron lugar nos últimos anos da existencia de ETA. Nomeadamente dous: o atentado contra Juan María Jauregui (membro do Partido Socialista de Euskadi e anteriormente do Partido Comunista e tamén da propia ETA) e as conversas entre Maixabel Lasa -viúva de Jauregui- e dous dos participantes directos na acción que rematou coa vida do ex-gobernador civil de Gipuzcoa.

Dez anos sen atentados é un período certamente amplo por mais que fique parcialmente relativizado pola longa duración da presenza de ETA na vida política e social de Euskadi e do Estado español (1959-2011). Hai dúas formas moi diferentes de abordar este asunto: convertelo nun obxecto prioritario da confrontación partidista que procura a obtención dun rendemento electoral inmediato ou realizar unha análise dos distintos factores concorrentes nese transcendente fenómeno histórico. A dereita política e mediática escolleron, dende hai tempo, a primeira opción. Na versión habitual do PP, non se podería aceitar que Bildu exerza a súa función representativa nas institucións nas que está presente. Na variante ofrecida por VOX, a formación abertzale debería estar ilegalizada. Casado, Abascal e as respectivas terminais mediáticas ignoran, deliberadamente, dous aspectos relevantes da historia das últimas décadas. Un: a oferta que se establecía no chamado Pacto de Ajuria Enea -do que formaba parte o PP vasco, con Abascal aínda incluído nese partido- sobre a normalización política da esquerda abertzale se existía un cesamento previo da violencia. Outro: a negociación aberta polo goberno de Aznar no ano 1999 con distintos enviados de ETA, despois da tregua decidida por esta organización e a pesar de que aínda non transcorreran dous anos do secuestro e morte do concelleiro do PP Miguel Angel Blanco.

Con semellantes antecedentes históricos -que tamén abranguerían o traslado de presos que daquela realizou o goberno aznarista e que agora demoniza Casado reiteradamente- o PP debería actuar con prudencia e substituír o curtopracismo por unha mirada longa acorde coa envergadura das tarefas que fican pendentes no seo da sociedade vasca.

Actualmente, a esquerda abertzale posúe un nivel de presenza institucional equivalente ou inferior ao que teñen organizacións políticas que defenden prantexamentos análogos en Galiza e Cataluña sen que, nestes casos, mediara algo semellante ao que significou ETA

Se adoptamos unha óptica analítica de maior perspectiva temporal, conviría ter presente que ETA naceu durante o franquismo e tivo, até a celebración das primeiras eleccións de 1977, unha marxe notábel de lexitimidade social a respecto do uso da violencia. Os diversos problemas asociados a ese tipo de prácticas ficaban agachados ou nun segundo plano ante a persistencia dunha ditadura que afogaba calquera esixencia democrática que se formulaba dende o corpo social. O atentado contra Carrero Blanco exemplificou moi ben a situación daqueles anos: a pesar das discrepancias existentes no seo da oposición antifranquista sobre semellante actuación, predominou o común denominador da satisfacción pola desaparición do hipotético sucesor de Franco.

A pesar da nova situación política creada co nacemento do primeiro Parlamento estatal elixido nas urnas e a posterior aprobación da actual Constitución, o sector maioritario de ETA decidiu continuar coa súa actividade, intensificando o número de atentados -sobre todo na década dos 80- para tratar de forzar unha negociación co Estado que lle permitira obter determinados obxectivos que ficaban fora do ordenamento legal vixente. A continuidade das accións violentas recibiu o apoio ou a comprensión de sectores significativos da sociedade vasca e posibilitou o nacemento e posterior consolidación de Herri Batasuna en diversas institucións representativas. A existencia desa complicidade pivotaba sobre dous consensos básicos presentes nese mundo: a asunción da vella máxima de que o fin xustifica a utilización de calquera medio para conseguilo e o convencemento de que a práctica da violencia resultaba eficaz para acadar o conxunto dos obxectivos políticos reivindicados. O paso do tempo permitiu comprobar as consecuencias reais desas ideas. Por unha banda, a grave patoloxía moral que implicaba aceitar a persistencia dunhas accións que causaban un grande número de vítimas. E, xunto a iso, a constatación de que esa liña de actuación non era quen de viabilizar aquilo que se postulaba como xustificador da súa existencia. Actualmente, a esquerda abertzale posúe un nivel de presenza institucional equivalente ou inferior ao que teñen organizacións políticas que defenden prantexamentos análogos en Galiza e Cataluña sen que, nestes casos, mediara algo semellante ao que significou ETA.

O que se conta en “Maixabel” certifica a vixencia dun paradoxo: sería desexábel un amplo acordo da sociedade vasca a respecto do sucedido dende os anos 50 do pasado século mais non semella posíbel facelo realidade nun prazo curto. Requírese, sen dúbida, mais tempo para levar adiante os imprescindíbeis procesos de reflexión autocrítica no seo da esquerda abertzale e para abandonar a hipócrita actitude da dereita -empeñada, ademais, no surrealista negacionismo da desaparición de ETA- coa procura obscena de réditos electorais en determinados territorios do Estado. En todo caso, este necesario paso do tempo non vai garantir a consecución de tal consenso. Aí está o exemplo da guerra civil para demostrar a dificultade de establecer un relato único sobre o pasado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.