Días de intemperie

Antón Riveiro Coello © Lorena Riveiro

«Non digo nada e ficamos ancorados no silencio, nesta tristura que substitúe as palabras, neste xeado abismo que dalgún xeito vén cubrir unha necesidade» 

(Antón Riveiro Coello, Días de intemperie)

 

Cada día concluso azacotaba sen remedio a miña conturbada impaciencia. Mais, a piques de cumprirse o mes dende que lle enviara aquel delicioso obsequio, recibín como a auga de maio a telefonada do meu tío Lisardo. Necesitaba escoitalo para darlle sosego ás porfionas inquedanzas que, mentres tanto, bulían e rebulían nos andeis das miñas ansiosas cavilacións. Desexaba apalpar e sentir os seus concienciudos pareceres sobre o último libro do amigo –e eximio limiao– Antón Ribeiro Coello. Ao longo da hora e pico que durou a conversa, o meu tío foime relatando con entusiasmo como atravesara as capas de Días de intemperie, para imbuírse plenamente nas súas entrañas.

Contra o mediodía senteime na solaina –explicoume meu tío– e, aos poucos segundos de pousar os ollos nas saborosas sílabas do primeiro relato, Un anxo de mármore, eu xa lía en alto sen decatarme. Hai algúns libros –este é un deles– que, para poder fretalos contra ese lugar da mente onde se agocha o veo da alma, cómpre estar sós e lelos en alto. Así, en alto e sen darse conta. Antón foi amansando con excelsa mestría as miñas apetencias de ler literatura con maiúscula e conseguiu guialas, sen vaselina, ata os mesmos miolos de Días de intemperie, sen esmagar ningún dos delicados gromos que brotan de cada parágrafo..., de cada páxina. E non tardou nin un santiamén en converterme nun personaxe máis, que sufre ou goza como os orixinarios da obra. 

Antón manexa á perfección a nosa lingua, moldea con agarimo os vimbios da súa escrita e tece as palabras con suprema habelencia, ata convertelas nunha alfaia capaz de iluminar intensamente o camarín da excelencia. As nove historias de Días de intemperie aparecen esmaltadas como pezas literarias sublimes que, ao ilas lendo en alto, colman a ansia de escoitar o que les, para degustar con paixón as dúas facianas dunha sorte de licor café incomparábel: o sabor agradábel do café azucrado que nos aloumiña o padal –o pracer de mastigar literatura auténtica– e o ardor da augardente –a trama– que nos queima a gorxa ata perforarnos o esófago da alma; ese que, ao alcanzar o inevitábel estado de borracheira, nos fai entrar de cheo no campo magnético dunha alta tensión que amalloa os parágrafos de cada páxina, para facernos sentir a gama de calafríos, que unhas veces nos permiten gozar ata a extenuación e outras acaba crebándonos o espiñazo do espírito, para causarnos unha dor tan insoportábel que, ao estouparnos no peito, sempre nos rebenta as costuras da alma. 

[Di o meu tío Lisardo que Días de intemperie acércanos nove veces ata a raia fatídica que separa a normalidade do abismo. Asómanos ao carozo do inferno onde referven as miserias humanas ou á éxtase dos gozos necesarios; mais nunca nos emboba, porque trata de evitar que non cometamos o erro de perder máis tempo da conta colocándonos nun ou outro bando do estadio da manipulación, onde predican os comerciantes das posicións e actitudes que fabrican os poderosos, sempre empeñados en convencernos de que aquelo que realmente debería importarnos non é máis ca unha agulla perdida no palleiro da insignificancia].

'Días de intemperie', de Antón Riveiro Coello © Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.