Manterase entre a xente nova a lenda urbana de que o mellor remedio para a resaca era outra copa? Hai décadas era un dogma. De perdidos, ao río. A solución que se propón para os problemas causados pola intelixencia artificial é sempre máis intelixencia artificial. Un cravo arrinca outro cravo e bla bla. Se probastes o da resaca, sabedes como acaba
Manterase entre a xente nova a lenda urbana de que o mellor remedio para a resaca era outra copa? Hai décadas era un dogma. De perdidos, ao río. A solución que se propón para os problemas causados pola intelixencia artificial é sempre máis intelixencia artificial. Un cravo arrinca outro cravo e bla bla. Se probastes o da resaca, sabedes como acaba.
*
Tíñase por contrastado que China ía seis meses atrás dos EUA na carreira da IA. O caso da espía Alice Huang fainos sospeitar que ese retraso, debido a que non dispoñían dos chips máis avanzados de Nvidia, non era tal. Dabamos por feito que os EUA aceleraban a pesar dos riscos para non verse superados por China. “Quen venza na IA, será o vencedor” repetía Trump. Agora cónstanos que o seu goberno coñecía a actividade da espía e non facía moito por detela. A non ser que a suposta espionaxe fose unha estrutura de comercio ilegal con China consentida por todos. No centro do vodevil o CEO dunha tecnoloxía que viña substituír o humano polo transhumano, o natural polo sintético, atrapado no refrán de que tiran máis dúas tetas que dúas carretas.
*
A hexemonía do oligopolio tecnolóxico nas Bolsas provoca que un mando de supremacistas delirantes acumulen un nivel de riqueza criminal, responsábel de que o valor de mercado oscile escandalosamente debido á dubidosa rendibilidade dos investimentos na IA. Hai uns días Google perdeu medio billón nunha sesión. Días despois os 7 magníficos: Amazon, Alphabet, Apple, Meta, Microsoft, Nvidia e Tesla, perderon outro billón e pico nun día. O valor de mercado de Nvidia caeu 1.8 billóns nun mes, equivalente a 60 veces o valor total de Repsol. En Occidente agóchase a burbulla baixo eufemismos, como a “exhuberancia irracional” de Alan Greenspan. Faise para non espantar a clientela pero os índices tecnolóxicos en China xa caeron un 40% nos últimos meses, alí a burbulla estoupou. Logo dirase que os cartos queren predicibilidade, estabilidade. Estas caídas deben ser a destrución creativa de Schumpeter, ou que o turbocapitalismo escribe dereito con liñas torcidas.
Dabamos por feito que os EUA aceleraban a pesar dos riscos para non verse superados por China. “Quen venza na IA, será o vencedor” repetía Trump. Agora cónstanos que o seu goberno coñecía a actividade da espía e non facía moito por detela
*
Falemos de Google, a compañía que tras o 11 S puxo os datos dos usuarios a disposición do Pentágono, a CIA e o FBI para asestarlle un golpe crítico aos dereitos e liberdades no mundo enteiro. A base do seu negocio son os anuncios que saltan nas consultas do buscador. A aparición dos chatbots levou a que os usuarios substituísen o buscador por ChatGPT ou Claude. A reacción de Google, para evitar a sangría de clientes, foi crear o seu propio bot e ubicalo de maneira prominente como o primeiro resultado da busca.
A manobra disparou catro problemas. Un, non conseguiron atallar a sangría. Dous, a IA require gasto inxente en centros de datos e é mala de monetizar: cantas máis consultas, máis ruína. Tres, as compañías fían o negocio á promesa dunha rendibilidade futura, os investidores perderon a paciencia e están a tocar a corneta de rompan filas. Catro, lembrades cal era a base do negocio de Google? Pois o chatbot non inclúe anuncios. Un tiro no pe.
A hexemonía do oligopolio tecnolóxico nas Bolsas provoca que un mando de supremacistas delirantes acumulen un nivel de riqueza criminal, responsábel de que o valor de mercado oscile escandalosamente debido á dubidosa rendibilidade dos investimentos na IA
*
A fin do mundo ten moitas caras. Para os tecnobros a máis estarrecedora é perder o control dos produtos e o dominio sobre a competencia, máis dolorosa aínda se a competencia a favorecen eles. Cría corvos.
O acceso libre aos Modelos, xustificado pola ansia de atracción de usuarios e a necesidade de disputárllelos ás compañías rivais, axudou a que un enxeñeiro de Atlanta, cabreado polos cobros abusivos de Adobe, usase Claude para replicar aplicacións que ata agora eran de pago, como as de Adobe e Microsoft, incluíndo Word, Excel, Photoshop, editores de vídeo, etc, e as ofrecese de maneira altruísta en código aberto.
Enténdese a obsesión pola opacidade e o pánico que axeonllou os machotes de Silicon Valley diante de Trump para mendigar que lles corten as mans aos saqueadores anónimos do que eles saquearon previamente. No pecado vai a penitencia.
As editoriais e autor@s que propugnan ou están a poñer en marcha controis antidopaxe para detectar que os orixinais literarios estean limpos dos esteroides da IA, compórtanse coma os adolescentes a farmear aura
*
As editoriais e autor@s que propugnan ou están a poñer en marcha controis antidopaxe para detectar que os orixinais literarios estean limpos dos esteroides da IA, compórtanse coma os adolescentes a farmear aura. Se ben a reprodución mecánica lle asestou un golpe severo á aura que rodeaba a creación artística, a aura resistíu derredor da figura do artista, revestida de enigma, inspiración, orixinalidade, xenio, sensibilidade exacerbada ou chamanismo. Os creadores están afeitos a que lles pregunten de onde tiran as ideas, misterio que aos de fóra lles parece froito dun pacto con deus ou co demo.
A visión do creador con aura é regada e estercada polo público coa complicidade de moitos artistas porque ambos tiran proveito dela, estes en peculio e prestixio, os primeiros en ilusión e pensamento máxico, como vía de escape da realidade. O texto clásico de Benjamin, A obra de arte na era da reprodución mecánica, interprétase adoito erroneamente como unha expresión de nostalxia por esa aura cando en realidade apunta ao contrario. Prescindir do halo esotérico abre posibilidades para achegármonos á techné aristotélica ou a democratización da arte de John Dewey, unha práctica artística colectiva e inherente a todas as persoas en todos os campos da actividade humana.
Entre esas posibilidades, no campo que mellor coñezo, non creo que o futuro da literatura vaia vir da man da incorporación da IA á escrita clásica. Parecerase máis ao ocaso e superación da literatura, provocada pola caída de interese do público que conleva a perda do capital simbólico asociado á aura, acelerada pola IA. O relevo nas formas de expresión é natural, o impulso artístico non corre perigo.
Non creo que o futuro da literatura vaia vir da man da incorporación da IA á escrita clásica. Parecerase máis ao ocaso e superación da literatura, provocada pola caída de interese do público que conleva a perda do capital simbólico asociado á aura, acelerada pola IA. O relevo nas formas de expresión é natural, o impulso artístico non corre perigo
*
A IA é capacidade de computación + algoritmos + conectividade. A desconfianza diríxese decote cara os algoritmos pero a conectividade xeral é igual de problemática. A tecnoloxía en si é disruptiva pero supón avances. Se as operacións con datos sensibeis se fan en contornas estanco e a conectividade se reserva para a comunicación e as actualizacións, cunha fase de transición para comprobar que o que se incorpora ao sistema estanco é seguro, reduciríanse dramaticamente as ameazas globais por intrusións, ou por caídas de internet. Que llo digan aos supermercados e os bancos de sangue aos que lles hackean os frigoríficos para subir a temperatura.
*
As novas de que ChatGPT ou Claude escreben unha novela en segundos ou resolven problemas matemáticos de décadas en minutos, provócanme o encollemento de ombros desoutra segundo a cal a IA é quen de predicir se vas desenvolver cancro a partir dunha foto do rostro. Voilà unha derivación da pseudociencia euxenésica de Lombroso para identificar perfís criminais, en pleno revival para moitas policías. Vén de seu que en nada a IA che comunique a data exacta da túa morte e che organice o sepelio. Está ben sabelo, non si? Para ordenar os papeis e ir preparando aos que quedan.
Feliz mundo novo.