Dilma Rousseff vive os seus días mais complicados desde que ocupara a presidencia brasileira en 2010. Trala axustada reelección por ballotage en outubro de 2014, e percorridos cen días desde a súa toma de posesión en xaneiro pasado, a mandataria brasileira observa como o panorama político polarízase cada vez máis por escándalos de antano (a corrupción en PETROBRAS) e a ralentización do crecemento económico (estimado en 1% para 2015 segundo o FMI). Cunha popularidade en picado (23%), Dilma volve a observar como se activa unha campaña mediática con forte incidencia social na súa contra, e por conseguinte do gobernante Partido dos Traballadores (PT), nun contexto que lle obriga a retomar con forza a iniciativa política.
Cunha popularidade en picado (23%), Dilma volve a observar como se activa unha campaña mediática con forte incidencia social na súa contra, e por conseguinte do gobernante PT, nun contexto que lle obriga a retomar con forza a iniciativa política
O último escándalo ten que ver coa detención do tesoureiro do PT, João Vaccari, salpicado pola corrupción en PETROBRAS. A mediados de febreiro, Dilma decidiu dar un cambio tectónico da crise suscitada polo escándalo PETROBRAS, decretando a dimisión da cúpula da multinacional petroleira brasileira. Trala detención de Vaccari, a presidenta brasileira instou agora ao seu gabinete a non emitir declaracións a favor do ex tesoureiro, o cal suxire a súa defenestración dentro do PT e a posibilidade de reprodución dunha “limpeza política” dentro do partido.
Dilma decidiu dar un cambio tectónico da crise suscitada polo escándalo PETROBRAS, decretando a dimisión da cúpula da multinacional petroleira brasileira
Mentres, un informe do FMI asestaba unha contundente diagnose do goberno de Dilma, considerando que o país amazónico “ten problemas que van alén do macroeconómico”, sinalando así á corrupción. Con este contexto, a mediados de marzo, aproximadamente un millón de brasileiros en São Paulo pedindo un impeachment ou xuízo político contra Dilma. Causou preocupación que nesta manifestación, algunhas voces, aínda que minoritarias, clamaran por un golpe militar.
A crise política e o descontento social obrigan a Dilma a impulsar unha iniciativa que inclúa o fortalecemento das alianzas dentro e fora do PT. Un primeiro aspecto ten que ver coa cada vez mais activa participación do ex presidente Lula da Silva en actos públicos e populares, practicamente desprazando a imaxe de Rousseff.
Noutra evidente táctica con fins políticos, Dilma designou a semana pasada un reacomodo no seu gabinete, con especial atención en atraer o apoio do centrista Partido do Movimento Democrático Brasileiro (PMDB), designando a Milton Temer como coordinador político do seu goberno.
Noutra evidente táctica con fins políticos, Dilma designou a semana pasada un reacomodo no seu gabinete, con especial atención en atraer o apoio do centrista Partido do Movimento Democrático Brasileiro (PMDB)
Pero a relación entre o PT e o PMDB anúnciase delicada. A comezos de febreiro, o deputado Eduardo Cunha, do PMDB, foi designado como novo presidente da Cámara de Deputados brasileira, o que no seu momento foi catalogado como a primeira derrota política de Dilma e do PT na súa segunda lexislatura. Con todo, a designación de Temer como alto cargo gobernamental aparentemente propiciaría unha reconciliación entre o PT e o PMDB, claramente orientado a afastar calquera tentativa opositora de impeachment.
Esta necesidade de retomar a iniciativa política, vía Lula e PMDB, complementadas con outras de carácter social (diminución tributaria, elevación de salario mínimo por riba da inflación), permitiron a Dilma e o PT observar unha leve redución das manifestacións sociais. Con todo, a persistencia crónica dunha corrupción identificada nas cúpulas do poder gobernamental e da clase empresarial (entre as que destacan as denuncias sobre prebendas por parte de empresarios para evitar cargas tributarias), ameazan con erosionar o piso político do PT, así como o equilibrio de alianzas, principalmente no Congreso brasileiro, en aras de evitar calquera tentativa de impeachment que acabe coa presidencia de Dilma.
A persistencia crónica dunha corrupción identificada nas cúpulas do poder gobernamental e da clase empresarial, ameazan con erosionar o piso político do PT
Así e todo, a complexidade de procesar o impeachment tradúcese na necesidade de contar cos 2/3 de apoio parlamentario, un aspecto politicamente inviable no actual contexto, e máis coa recente recomposición de intereses políticos entre o PT e o PMDB.
Dentro deste contexto, a forte campaña mediática por parte de emporios informativos como a TV Globo, conxuntada cos intereses e o activismo político trazados principalmente polo opositor Partido Social Demócrata Brasileiro (PSDB) do ex candidato presidencial Aécio Neves, son variables que intúen a posibilidade dunha maior polarización social e política, focalizada na desarticulación da capacidade de reacción da presidencia de Dilma, potenciando ó mesmo tempo a petición de impeachment a nivel lexislativo que eventualmente conte cun forte respaldo popular.
Os delicados equilibrios políticos aos que debe someterse Dilma, así como as perspectivas de redución do crecemento económico brasileiro, gravitan nun panorama de complexidades que, a nivel hemisférico, eventualmente anunciaría un freo ao ciclo de vitorias electorais da esquerda latinoamericana, en particular ante as cada vez maiores presións exteriores, vía EUA e Europa, contra as presidencias do venezolano Nicolás Maduro e da arxentina Cristina Fernández de Kirchner. Coa corrupción e a macroeconomía intensificando a caída da súa popularidade e o espectro do impeachment, Dilma e o PT deberán reorientar unha axenda política marcada pola polarización e a fragmentación.