Disaster Johnson

CC-BY-SA Praza Pública

Boris Johnson, antigo alcalde de Londres (2008-2016), acadou a xefatura dos conservadores británicos logo dunhas primarias nas que xuntou a maioría do grupo parlamentario e máis dous terzos dos votos dos 160.000 afiliados, nun 75% homes e un 97% da raza caucásica. De contado foi nomeado prime minister pola raíña Elisabeth e formou un goberno dos seus seareiros, de brexiters radicais, enchendo os principais ocos do Consello de Ministros, baleirados pola demisión dos colaboradores de Theresa May e David Cameron que non querían aturar o previsíbel extremismo antieuropeísta do Johnson.

O brexit está previsto para o vindeiro 31-Ou. Johnson anuncia que vai tentar un mellor amaño ca o preasinado pola May. A Unión Europea é unánime en non lle achantar o camiño. A súa maioría parlamentaria arestora xa non existe, porque ten xa unha minoritaria fracción europeísta dos seus compañeiros tories en contra. 

Son fulcrais dúas cuestión: a backstop irlandesa e a desafección escocesa. A primeira significa que nin a República de Irlanda nin a maioría norirlandesa (votaron case un 56% contra o brexit) aturarán unha frontera real (hard border) entre as dúas Irlandas. A segunda ven de ser expresada pola first minister escocesa, Nicola Stugeon, quen ven de lle pedir ao novo prime minister Johnson as competencias para convocar un novo referéndum de independencia. Porque o 62% dos escoceses votaron en xuño de 2016 para ficaren na UE e porque xa entre un 53 e 55% de escoceses semellan estar por votar yes a un segundo referéndum de independencia. Ben podería ser Johnson o derradeiro dos prime minister con xurisdición ao norte do Tweed, cando mesmo o 40% dos electores laboristas en todo o Reino Unido aceptarían a independencia escocesa. Que grande lección para o centroesquerda español. 

Mais Johnson tamèn terá problemas con Gales onde os soberanistas do Plaid Cymru seica deron coa mensaxe para se converter nun partido de maiorías, dirixido por Adam Price, un líder moderno e representativo da transversalidade galesa. E moitos terá na Inglaterra. Os lib dem veñen de acadar o segundo posto nas eleccións europeas de maio e elixiron tamèn unha nova leader, Jo Swinson. Lib dem e verdes queren un novo referéndum do brexit e o líder laborista Corbyn, haberá pactar con eles e cos soberanistas galeses e escoceses, quer para iso, quer para derrubar Johnson cunha moción de censura antes da previsíbel xogada do loiro da perrera disolvendo o Parlamento de Westminster.

O futuro do Reino Unido está cheo de treboadas e doutras adversas meteoroloxías. Para máis,. o dano na inflación e no PIB no curt prazo pode ser catastrófico. A experiencia da gobernanza do antigo major londinense pode ser un desastriño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.