Iñaki Anasagasti foi un sólido portavoz do PNV no Congreso dos deputados. No seu blog figuran algunhas das arremetidas máis cáusticas contra a monarquía española. Este seis de agosto queixábase porque en 2017, o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbas, expresou nun almorzo con Felipe VI, no Palacio Real “a súa firme postura de apoio á unidade do pobo e o territorio de España”. Segundo Anasagasti é “unha maneira como outra de dicir que están en contra do Procés catalán”.
O independentismo catalán buscou a Israel como socio estratéxico desde sempre, ríndolle as simpáticas bromas que acostuman a gastarlles aos palestinos
Pois si.
O que Anasagasti non di é que o independentismo catalán buscou a Israel como socio estratéxico desde sempre, ríndolle as simpáticas bromas que acostuman a gastarlles aos palestinos. Tal relación concibiuna Jordi Pujol, que se confesa sionista e seguiuna Artur Mas, pero e-noticies informaba en 2008: “Israel considera ao Vice-presidente do goberno catalán, Carod Rovira, de Esquerra Republicana de Cataluña, un bo amigo”. Pilar Rahola, antiga dirixente de ERC, despreza abertamente a causa palestina coa súa soltura de sempre.
Os intereses xeopolíticos, económicos, o comercio, a cooperación, introducíronse en moitos ámbitos da sociedade catalá, converteuse nunha relación fonda e complexa, que vai máis alá do puramente político. Tamén dentro das institucións, por suposto. Na conformación dos Mossos de Esquadra como corpo policial, por exemplo, hai transferencia de talento, asesoría e tecnoloxía da seguridade de procedencia israelita. A busca de apoio á causa independentista catalá nos EEUU cando o referendo de hai dous anos, pasou en boa medida polos amigos de Telavive.
Nacionalismos ricos, nacionalismos pobres. Os segundos fican fóra da partida e os palestinos fan o que poden, sobrevivir e buscar liñas de fractura por onde respirar
Nacionalismos ricos, nacionalismos pobres. Os segundos fican fóra da partida e os palestinos fan o que poden, sobrevivir e buscar liñas de fractura por onde respirar. Ou mellor dito, fan tamén o que lles interesa, buscando contrapesos.
Este artigo foi escrito hai un par de semanas. A noite do xoves 17, cando televisaban en directo a actividade da chusma rompendo Barcelona, un dos presentadores informou que a policía catalá estreaba o botixo antidisturbios. Enfocárono polo morro, amosando o seu logotipo enorme de Mercedes. “Carrózase en Israel e custou trescentos cincuenta mil euros” dixo o presentador.