O adianto das elección xerais ao 23 de Xullo vai imposibilitar, na práctica, unha reflexión demorada no seo das forzas políticas que concorreron nos comicios do pasado domingo, singularmente naquelas que obtiveron uns resultados inferiores ás expectativas que se tiñan xerado previamente
O adianto das elección xerais ao 23 de Xullo vai imposibilitar, na práctica, unha reflexión demorada no seo das forzas políticas que concorreron nos comicios do pasado domingo, singularmente naquelas que obtiveron uns resultados inferiores ás expectativas que se tiñan xerado previamente. Seguramente, este é un dos motivos explicativos da decisión de rematar inmediatamente coa lexislatura: Pedro Sánchez desexa evitar o perigo de eventuais liortas no seu partido. Se a iso engadimos as oportunidades que ofrece o factor sorpresa, a neutralización da previsíbel campaña de desgaste que promoverían PP e Vox durante os vindeiros meses e o deseño dunha campaña que busca a máxima polarización entre as dúas únicas ofertas gobernamentais posíbeis, teremos un cadro indicativo da folla de ruta establecida polo actual presidente do goberno do Estado.
Tal e como sinalei nun artigo precedente, a cita do pasado 28-M foi concibida -por PP e Vox- como un plebiscito sobre o "sanchismo" -un termo propagandístico fabricado para alimentar un clima emocional de confrontación co primeiro goberno de coalición da historia democrática dende 1977- e provocou unha resposta defensiva do PSOE que se veiculou a través do anuncio de diversas medidas que resultaban mais apropiadas a unha campaña de eleccións xerais.
Cataluña, Euskadi, Navarra e Galiza certificaron a coñecida singularidade dos seus mapas políticos
Cal foi o efecto desas tácticas estatalizadoras sobre os resultados saídos das urnas? Semella que, neste aspecto, as conclusións son diferentes en función dos territorios que se consideren. Cataluña, Euskadi, Navarra e Galiza certificaron a coñecida singularidade dos seus mapas políticos: o PP non experimentou unha suba da dimensión rexistrada noutras comunidades, o PSOE sufriu un menor deterioro, as opcións nacionalistas conservaron a súa capacidade de influenza e Vox non rachou a súa condición de forza marxinal. En troques, fora destes espazos xeográficos, as cifras saídas do 28-M poden facer pensar que os reclamos publicitarios utilizados pola dereita política e mediática (candidaturas de Bildu, acusacións de fraude electoral a partir dalgunhas irregularidades constatadas na tramitación do voto por correo) tiveron mais incidencia no comportamento de certos votantes que o balance da xestión dos gobernos autonómicos ou locais que se sometían ao escrutinio do corpo social. Houbo, en todo caso, dous denominadores comúns a respecto do que tiña sucedido no 2019: a desaparición de Ciudadanos e a perda notábel nos apoios ás candidaturas vinculadas a Podemos. A primeira circunstancia reforzou significativamente o resultado acadado polo PP. A segunda provocou a perda das maiorías que fixeran posíbel a existencia de gobernos de coalición -ou pactos de lexislatura- en determinadas autonomías e/ou concellos.
Se pousamos a mirada analítica nos comicios municipais galegos, o resumo do acontecido xa foi sinalado dende o pasado domingo: PP e BNG melloran os seus resultados, o PSdG perde unha parte da súa fortaleza e as Mareas case desaparecen do escenario (sobre todo no ámbito mais urbano). Seguramente, estas eleccións serán lembradas, sobre todo, pola chegada do BNG á alcaldía de Santiago, a suba da candidatura de Pérez Jácome contra todos os prognósticos e a conquista da Deputación de Pontevedra polo PP. Esta última circunstancia evita hipotéticos procesos de cuestionamento de Alfonso Rueda na estrutura orgánica do seu partido. Se un triunfo coma ese tivese ocorrido no ente provincial coruñés estaría servida unha potencial disputa polo liderado a nivel galego. No actual contexto postelectoral, un dos problemas destacados que ten que aturar o actual presidente da Xunta é a situación de Ourense: o fracaso na pretensión de ser a lista mais votada na cidade e o progresivo perigo desestabilizador que está adquirindo a figura de Baltar para o futuro do PPdG.
En catro cidades -A Coruña, Santiago, Lugo e Pontevedra- existe a posibilidade de artellar equipas de goberno conxunto entre PSdeG e BNG que, ademais das vantaxes que se deriven para as condicións de vida dos seus habitantes, ofrezan á sociedade galega unha convincente pedagoxía sobre as virtualidades da colaboración futura na Xunta
Se facemos uso de dous parámetros habituais na avaliación das municipais -a gobernabilidade das 7 cidades e das 4 deputacións- podemos formular dúas conclusións relevantes. Unha: o PP supera parcialmente a desfeita sufrida no 2019 pero non acada o nivel que necesitaría para enfrontar os futuros comicios ao Parlamento do Hórreo con suficientes garantías de éxito. E outra: o PSdG e o BNG manteñen importantes posicións de poder nas institucións locais que poden facilitar a viabilidade dunha mudanza en San Caetano no ano 2024. En catro cidades -A Coruña, Santiago, Lugo e Pontevedra- existe a posibilidade de artellar equipas de goberno conxunto entre ambas formacións que, ademais das vantaxes que se deriven para as condicións de vida dos seus habitantes, ofrezan á sociedade galega unha convincente pedagoxía sobre as virtualidades da colaboración futura na Xunta. Aproveitar esta oportunidade -continuando, ademais, co labor desenvolvido nos gobernos bipartitos das deputacións de Lugo e Coruña- é unha condición necesaria para multiplicar a confianza na verosimilitude dunha alternativa nas institucións do autogoberno galego.