Do global ao local. Apuntes sobre as eleccións europeas (II)

A superficialidade ou a deshonestidade, ou ambas á vez, dos analistas políticos dos ‘reality show’ estannos anunciando novos ciclos políticos cada xornada electoral - competindo cos ‘analistas globais’ anunciándonos unha nova terceira guerra mundial cada novo conflito -; pero a realidade é ben outra. Desde o 2019 xa estamos de cheo nese novo ciclo político

En España os resultados das pasadas eleccións europeas non difiren en moito das coordenadas nas que se moveron as do resto dos países da Unión.

No campo das opcións liberais, vitoria clara do centro dereita e retroceso da socialdemocracia. No campo das forzas antiliberais e populistas, suba importante da extrema dereita - no caso de España menor do que algúns nos intentan convencer – e caída da esquerda radical ata os niveis da histórica Izquierda Unida nos seus momentos máis baixos.

No campo do nacionalismo periférico. En Catalunya asistimos a un novo capitulo da reestruturación que se leva vivindo no mesmo desde a desaparición da antiga Convengencia. En Euskadi o PNV baixa un novo paso na súa loita pola hexemonía con EHBildu. (Do nacionalismo galego falaremos en profundidade na terceira entrega desta análise en tres capítulos).

Obviamente, cando achegamos a lente ao detalle observamos que no caso español existen unha serie de peculiaridades que modifican as coordenadas europeas e crean unha cartografía algo diferente.

Para entender no momento que estamos debemos volver sobre os pasos da política española ata chegar a dúas datas que explican o momento actual. E deberiamos facelo diferenciando claramente dous momentos que marcan o inicio dun episodio de cambio estrutural (2008- 2011) e de ciclo político no marco do propio episodio (2017-2019).

Entre 2008 e o 2011 produciuse unha tormenta perfecta na política española. O impacto da crise financeira tivo aquí unha maior forza no canto que a burbulla inmobiliaria afectaba a un sistema bancario totalmente insostible. O impacto da crise cebouse especialmente cos máis novos acostumados a medrar baixo a sobreprotección e o relato idílico dunha xeración exitosa que, si ben fora quen de mudar a realidade política, observouse pouco vixiante na deriva da compracencia política e da economía do ‘pelotazo’ fácil. A isto sumábase unha crise de representatividade alimentada polos casos de corrupción que afectada a diferentes institucións do Estado. E en última instancia, a primeira gran crise democrática do modelo político-constitucional do 78.

As prazas enchéronse de xente. A desafección política chegou a niveis descoñecidos. Xurdiron novos instrumentos políticos para cubrir o baleiro que deixaba a ‘casta’. Primeiro en forma de movementos, máis ou menos espontáneos; logo dirixentes da vella esquerda tratando de vender novos produtos; e por último, nesa onda de oportunismo/oportunidade, replicas no espectro da dereita política. Mesmo alguén pensou “había pan para máis chourizos” - nacía a ‘nova política’ - . 

En Catalunya este período pos-Estatut coincidiu cos casos de corrupción das elites convergentes e a saciedade da sociedade catalá. Fuxida cada adiante das elites - nacía o ‘proces’ -.

Cando todo parecía indicar que a nova política ía substituír á vella política. Podemos sorpassar ao PSOE e Ciudadanos ía asentar o espazo liberal central a costa do PP, ambos decidiron non estar á altura das circunstancias.

Xaneiro de 2016 foi unha data clave. Podemos boicoteou a posibilidade dun goberno PSOE-Cs e todo derivou nunha volta lenta, pero inexorable, cara a un novo ciclo político. A transversalidade democrática deu lugar ao frontismo político, a indignación da alegría deu paso a crispación social. Podemos a Unidas Podemos (e despois uns cuantos experimentos máis) e Ciudadanos a Vox.

Xaneiro de 2016 foi unha data clave. Podemos boicoteou a posibilidade dun goberno PSOE-Cs e todo derivou nunha volta lenta, pero inexorable, cara a un novo ciclo político. A transversalidade democrática deu lugar ao frontismo político, a indignación da alegría deu paso a crispación social

E Catalunya? De saltarse os dereitos parlamentarios no Parlament a un referendo propio dunha democracia popular do leste e unha resposta do Estado propia dunha república cocotera. 

En honor á verdade, o fracaso de Cs ten moito máis que ver coa indolencia política da súa dirixencia. No caso de Podemos o tempo amosou – no meu caso confirmoume - que a decisión de xaneiro de 2016 non era un erro táctico, sempre corrixible - senón unha orientación estratéxica para levantar o pos-comunismo do século XXI, coa mirada posta previa ao eurocomunismo (iso chamase visión de futuro).

E así entramos nun novo ciclo político que desde 2017 - e sobre todo desde a moción de censura do 2018 - foi levándonos pouco a pouco a un neo-bipartidismo con tres diferencias no menores co anterior. (1) A imposibilidade de consensos froito da presión que os extremos teñen sometido ás direccións do PP e do PSOE; (2) a mutación do PSOE dun partido transversal socialdemocrata/socialliberal a un proxecto contaminado polo populismo; (3) a presenza, anque minoritaria, suficientemente determinante da extrema dereita para contaminar calquera debate razoable.

As eleccións de 2019 consagraron este novo ciclo político dominado pola restauración do bipartidismo e polo avance da dereita.

Ben é certo que a superficialidade ou a deshonestidade, ou ambas á vez, dos analistas políticos dos ‘reality show’ estannos anunciando novos ciclos políticos cada xornada electoral - competindo cos ‘analistas globais’ anunciándonos unha nova terceira guerra mundial cada novo conflito -; pero a realidade é ben outra. Desde o 2019 xa estamos de cheo nese novo ciclo político.

 

O retorno ao bipartidismo

A gran ironía é que contra esa nova situación de marxinalidade política xa advertiu o Pablo Iglesias do 2014/2015 cando acusaba a IU de estar cargados de simboloxía do pasado e Yolanda Diaz cando dixo que non queria ser o extremo do taboleiro

A suma de votos de PP e PSOE pasou nas eleccións municipais - de maio de 2019 - do 51,49% ao 59,65% nas eleccións municipais - de maio de 2023 -. 

A mesma suma, pasou nas eleccións xerais – de novembro de 2019 - do 48,61% ao 64,74% nas eleccións xerais – de xullo de 2023 – (case 20 puntos de subida).

E, os dous partidos do bipartidismo pasaron nas eleccións europeas – de maio de 2019 – do 53,01% ao 64,20% nas eleccións europeas – de xuño de 2024 -.

A suba de case 20 puntos do bipartidismo entre as eleccións xerais de 2019 e 2024 devolven ao mesmo a case unha situación parecida á anterior á crise de 2011.

Pero entón, que pasou coas forzas que naceran para das solucións a crise democrático - institucional? 

O electorado de Ciudadanos así que amainou o ‘chaparron’ da corrupción que afectaba ao PP volveu, na súa grande maioría, ao seu lugar natural. 

No caso de Podemos e as súas derivadas, optou por volver a ser subsidiario do PSOE – a entrada no goberno inaugurou ese escenario – e a ruptura con Sumar fixo o resto.

A gran ironía é que contra esa nova situación de marxinalidade política xa advertiu o Pablo Iglesias do 2014/2015 cando acusaba a IU de estar cargados de simboloxía do pasado e Yolanda Diaz cando dixo que non queria ser o extremo do taboleiro. A gran paradoxa que no actual escenario ten máis facilidade de ‘sobrevivir’ unha Podemos que se dirixe ao 5% do votante irredutible que unha Sumar que se dirixe a un votante máis amplo que ten o seu acomodo no PSOE.

O avance da dereita

A esquerda en xeral, e o PSOE en particular, deben repensar a medio longo prazo. Azuzar o espantallo da extrema dereita coma no conto de Pedro e o Lobo é síntoma de que algo vai mal; aferrarse á táboa de salvación dun tal Alvise é a proba de que a irresponsabilidade é máxima

A suma de votos de PP-Cs-Vox pasou nas eleccións municipais - de maio de 2019 - do 33'18% ao 40'07% nas eleccións municipais - de maio de 2023 -. 

A mesma suma, pasou nas eleccións xerais – de novembro de 2019 - do 43'06% ao 45,44% nas eleccións xerais – de xullo de 2023 -.

E, os tres partidos conservadores pasaron nas eleccións europeas – de maio de 2019 – do 38'93% ao 44,50% nas eleccións europeas – de xuño de 2024 -.

Ademais, nas tres últimas convocatorias o PP ten sido a forza mais votada. Ao que hai que sumar as maiorías absolutas de Galicia, Madrid e Andalucía (neste último caso, especialmente importante polo número de votantes e por ter pasado de ser o campamento base da esquerda ao ‘granero’ principal de votos da dereita).

Senón fora polos incontables erros do equipo de Casado e pola capacidade do PSOE de mover os medos interiores contra a ultradereita, hai tempo que Sánchez xa non estaría gobernando.

Resulta curioso que a finais dos 70 e inicios dos 80, cando a socioloxía política estaba en panos menores e os recursos técnicos eran rudimentarios, tiveramos unha visión máis clara da nosa realidade sociolóxica.

Naqueles anos, os máis vellos o lembrarán, usábanse para prever os resultados, un instrumento - por chamarlle dalgún xeito – que coñecíase como ‘israelitas’. Con aquel instrumento Alfonso Guerra anticipaba os resultados cunha desviación de 2 puntos.

Necesitase boa política. Rigorosa, seria e pensada desde os moitos problemas da cidadanía. O problema das modas e do discurso faciliño e que as modas pasan, cada vez mais rápido, e o discurso faciliño faise cada vez mais faciliño e sempre hai un máis idiota que concita os apoios temporais dunha sociedade mal acostumada a convivir coa política lixo

Hoxe, aceptamos como algo natural que as empresas de sondaxes se desvíen en 5 puntos co resultado, incumprindo a súa ficha técnica que sitúa en 3 puntos o máximo de erro, queréndonos convencer de que é o máis normal. Xa non digamos institucións do estado como o CIS, ao servizo do partido gobernamental, que nestas últimas errou en 15 puntos (case tirando uns dados acertase máis).

Quérennos facer crer que se trata de movementos dos últimos días de campaña cando do que se trata dun problema de corrupción política

A utilización partidaria de institucións como o CIS deberían levarnos a estar alerta sobre un dos varios problemas que ten a nosa democracia en canto a rexeneracionismo.

Problemas de:

- espazos institucionais opacos como algo ao que xa nos temos incriblemente acostumado como as deputacións ou concellos (maiores nichos de corrupción económica).

- a utilización partidaria de institucións do Estado. Imaxínanse vostedes que un Primeiro Ministro caia como caeu en Gran Bretaña Boris Johnson por un informe da súa xefa de gabinete? Pois non, porque o xefe de gabinete aquí en lugar dunha funcionaria do Estado é unha asesora política posta a dedo polo propio Primeiro Ministro. 

- a ausencia de cultura de acordo, - que non da renuncia a posición propias -, indispensable para un debate publico san e resolutivo, para que non existan permanentes movementos pendulares dominados por minorías que so pensan en intereses de parte. 

Os resultados das europeas aquí e no conxunto do continente son unha advertencia do que pode vir. En Francia as posicións da centralidade están a ser barridas pola extrema dereita e a esquerda populista. 

A esquerda en xeral, e o PSOE en particular, deben repensar a medio longo prazo. Azuzar o espantallo da extrema dereita coma no conto de Pedro e o Lobo é síntoma de que algo vai mal; aferrarse á táboa de salvación dun tal Alvise é a proba de que a irresponsabilidade é máxima. 

Necesitase boa política. Rigorosa, seria e pensada desde os moitos problemas da cidadanía. O problema das modas e do discurso faciliño e que as modas pasan, cada vez mais rápido, e o discurso faciliño faise cada vez mais faciliño e sempre hai un máis idiota que concita os apoios temporais dunha sociedade mal acostumada a convivir coa política lixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.