Do “Big Bang” cara a onde?

É difícil gañar unhas eleccións, moi difícil. É tan difícil que pode darse o caso de xente que non gañe nunca unhas eleccións na súa vida. Fagamos un exercicio de memoria histórica. Ano 1997, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha forza emerxente. Refundado en 1982 a partir do BN-PG e sectores que proveñen do PSG congrega unha xeración que se negou a pasar polo aro da transición e, ó contrario que o que aconteceu no País Vasco e en Cataluña, as urnas déronlles as costas durante unha década deixando a Galicia sen representación dos partidos propios no parlamento de Madrid e cunha representación moi minguada no seu contexto natural do parlamento autonómico. A fórmula do BNG foi adecuada no momento para cubrir un amplo espectro que funcionou coma un vórtice atractor que pouco a pouco vai asimilando diferentes pezas. Todo isto baixo o liderado de Xosé Manuel Beiras que cativa unha nova xeración como xa cativara a amplos sectores da anterior.

Neste contexto, en España vén de rematar o felipismo e comeza o aznarismo. O PSOE ten un secretario xeral, Joaquín Almunia, que non convence nin convencerá e en Galicia presenta como candidato ás autonómicas de outubro a Abel Caballero, que acaba de deixar o ministerio de transporte e que, de xeito novidoso, ensaia unha coalición electoral con Esquerda de Galicia (a escisión de Anxo Guerreiro de Esquerda Unida) e Os Verdes. Pola banda do PP un Fraga que dá síntomas de esgotamento encara as súas terceiras eleccións.

O resultado das eleccións autonómicas galegas de outubro de 1997 deixa unha maioría absoluta para o PP, que baixa de 43 a 41 deputados. A segunda forza é o BNG (que obtén 19 deputados, despois rebaixados a 18 polo voto emigrante) que sorpassa á coalición PSOE-EdG-OV, que acada 15 deputados, menos que os 19 cos que contaba o PSOE en solitario na lexislatura anterior. O mensual “Tempos Novos” titulaba na súa portada do mes de novembro “Arranca o posfraguismo”, algo que xa anticipaba na do mes de outubro “O outono de Fraga” (curiosamente este titular compartía portada con “Investigación, Universidades ó Pairo”, se Lampedusa levantase a cabeza). Estes titulares reflectían a euforia do momento, un sentir xeneralizado de que en Galicia o paso da ditadura á democracia demorara quince anos pero xa estaba á volta da esquina.

O resto da historia é coñecido. Fraga durou esa lexislatura, outra máis, e vencido pola idade, pero non electoralmente, gañou e case obtivo a maioría absoluta nas eleccións do 2005, a pesar da catástrofe do Prestige e de levar dezaseis anos no goberno. O bipartito foi unha curta paréntese que abriu unha nova etapa do PP.

As ecuacións da relatividade xeral de Einstein poden aplicarse ó universo coma un todo. Isto é o que fixo en 1922 o físico ruso Aleksandr Friedman. Friedman atopou tres solucións para un universo dinámico. Partindo dun estado inicial pequeno, no que o universo é unha singularidade no espazo-tempo (un punto), unha explosión inicial (“Big Bang”) dá lugar a unha expansión. A diferenza entre os tres modelos non radica no estado inicial. Así, mentres a primeira das solucións frea a expansión inicial ata iniciar unha fase de contracción que remata nun colapso (“Big Crunch”), a segunda predí unha expansión que remata asintoticamente nun universo estático e a terceira contempla un universo en permanente expansión. A diferenza entre os tres posibles escenarios é a enerxía que contén o universo. Universos sen suficiente enerxía están abocados a un “Big Crunch” mentres que o desexado universo en permanente expansión precisa unha enerxía significativamente superior.

A primeira conclusión do conto é que convén non deixarse enganar porque un universo se expanda. A fase de expansión pode converterse en contracción e rematar nun “Big Crunch” ou nun estancamento. Para evitar isto, é preciso acumulación de enerxía, tendo coidado de que a expansión incontrolada non remate nunha disgregación ou “Big Rip”. Para isto fará falla moito sentidiño. A segunda conclusión é que en política as ocasións son escasas e cómpre aproveitalas porque, a pouco que nos descoidemos pechouse un ciclo, caeron vinte anos máis e queimáronse tres xeracións dunha tacada. Porque os que no noventa e sete tiñamos vintecinco anos hoxe estamos preto dos corenta e cinco e as nosas escalas de tempo non son as mesmas que as do universo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.