Do pánico ao shock

Eric Schmidt CC-BY JD Lasica

O 13 de maio Naomi Klein publicou un artigo en The Intercept no que describía o New Deal Tecnolóxico que vén. Un expositor do novo modelo é o estado de Nova York, onde o gobernador demócrata elixíu para liderar e reimaxinar a cidade pos-covid a Eric Schmidt, exCEO de Google. O obxectivo é “integrar a tecnoloxía de forma permanente en todos os aspectos da vida cívica”. As prioridades estarían na telemediciña, a ensinanza remota e a banda larga. A carón del a Fundación Bill e Melinda Gates. “Todas esas aulas físicas – por que manter iso con tanta tecnoloxía como dispomos?”

A pandemia, con máis de 300.000 cadáveres recoñecidos e a necesidade dolorosa de salvar vidas, forneceu o argumento perfecto para a nova doutrina do shock, a introducción de medidas lesivas que noutras circunstancias serían contestadas pola sociedade, “un laboratorio vivo para un futuro permanente (e altamente lucrativo) sen contacto físico” escribe Klein, que cita unha empresaria tecnolóxica: “Os humanos son perigos biolóxicos. As máquinas non”. 

As nosas casas serán as nosas escolas, consultorios médicos e, se así o determina a autoridade público-privada, as nosas cadeas. Nese futuro sobrarán profesoras, médicas, transporte público, cultura ao vivo, e non se aceptará diñeiro nin tarxetas de crédito. Suponse que diso se vai encargar a intelixencia artificial (IA), o certo é que o farán milleiros de traballadores escravizados en almacéns, centros de datos, minas no terceiro mundo, etc. Un proceso xa en marcha que se nos vendía no nome da conveniencia e a personalización, que provocaba receos e rexeitamento. Desde hai dous meses o pánico alimentado polos medios e o desexo de protección das nosas vidas liquidou calquera reticencia.

Eric Schmidt estaba xa embarcado nunha campaña de lobby agresivo para vender unha integración do goberno con Sylicon Valley que desembocase nunha sociedade estilo Black Mirror. Facíao como presidente do consello que asesora o Departamento de Defensa dos EUA para a extensión da IA nas forzas armadas, tamén como presidente dunha comisión asesora do Congreso na que participan Google, Amazon, Microsoft, Facebook ou Oracle para avanzar en IA, aprendizaxe de máquinas, etc, que aborda a seguridade nacional, incluido o risco económico. Esa comisión emitíu un informe no que expresaba a urxencia de facerlle fronte a China equiparándose a ela na falta de regulación, capacidade de vixiancia, infraestructura dixital, comercio sen diñeiro, etc, evitando que nunha década o país asiático os superase en desenvolvemento e poder económico. 

En ningún momento se falaba de saúde, sen embargo agora Schmidt vende o proxecto global como “a única esperaza para protexernos do novo virus (…) As empresas de tecnoloxía queren contribuir coma os demais en apoio do sistema de saúde, os heroes anónimos e os traballadores esenciais. Para iso o goberno debe facer un investimento inxente, estimulando plataformas de telesaúde, ensino remoto ou comercio dixital baseadas na nube e vinculadas á rede 5G”. Todo en nome da guerra contra o virus. Xa está ben de criticar as tecnolóxicas polo seu intrusismo na intimidade, a complicidade cos bulos, a venda de datos ou o manexo de procesos electorais. Grazas a elas temos agora reparto a domicilio, videoconferencias para o teletraballo ou un confinamento máis entretido, o seu papel é esencial e imponse eliminar todo atranco lexislativo ou regulación e supervisión democrática á súa libre expansión. O modelo é o chinés, sen intrusións de dereitos civís nin laboráis. Non camiñar mesa dirección faríanos responsabeis da debilidade futura e de aumentar o balanzo de mortes e enfermidade polo coronavirus. 

En ningún caso se contempla a opción de contratar máis profesorado para o vindeiro curso, en España fálase dun modelo mixto presencial e remoto, coa metade do alumnado presente e o profesorado dobrando carga de traballo. Non se contempla esta opción porque o obxectivo é o oposto, sabendo que o funcionamento do ensino remoto é deficiente, que alarga a fenda social dos pobres e as minorías, etc. Tampouco se prevé construir máis hospitais e contratar máis persoal sanitario, que loucura é esa! O obxectivo, como dicía o conselleiro de sanidade, é “empoderar” o paciente, aumentar a súa autonomía. Isto é, tratar os problemas médicos desde a casa por medio dunha app no móvil xestionada por un xigante tecnolóxico. Servizos públicos esqueléticos con menús escolares de Telepizza, iso si é o futuro. 

Os gobernos non queren cargar cos mortos nin ser acusados de inacción. O que se invista en tecnoloxía non se inviste en recursos humanos e a decisión estratéxica parece tomada, cada paso que se dá demóstrase menos reversíbel: o que nos espera por esta vía é a reducción de recursos humanos e poñer as persoas ao servizo das multinacionais tecnolóxicas e do seu apetito de lucro ilimitado, no canto de aproveitar os recursos tecnolóxicos para favorecer a vida das persoas, regulando o poder e os abusos deses conglomerados tecno-coloniais e monopolísticos. 

Unha situación de pánico é auga de maio para que o New Deal tecnolóxico vaia adiante. Se nos piden que implantemos un chip en cada órgano vital e que o estado de alarma dure tres anos, onde hai que asinar? A estas alturas parece unha broma plantexarse investimentos para o New Deal Verde que ata a aparición da pandemia centraba o debate. Pero ben, co parón económico baixou uns días a polución e a fauna salvaxe asomouse ás ciudades, algo é algo. Mais ollo, as gaivotas que desapareceran por falta de churros e croissants nas terrazas dos cafés, volveron co primeiro minuto da Fase 1. As carroñeiras non fallan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.