Do que temos, o vindeiro e o que nos queda (r)

É sinxelo comprobar como a estratexia da confrontación directa cun “adversario” político co que se comparte un espazo similar de receptores, ou de acción sociopolítica, non ten dado resultados positivos; nin no fondo nin na forma.

A estratexia da confrontación directa cun “adversario” político co que se comparte un espazo similar de receptores, ou de acción sociopolítica, non ten dado resultados positivos

No sindical puidemos observar como cando a CUT deixou de facer públicas as críticas máis destrutivas ao sindicato de maior peso cuantitativo e centrarse no que mellor saben facer, traballo sindical de clase, creceu en corpo social e en cadros representativos. Parece lóxico, seguindo a mesma regra, que as seccións máis serias da CNT deixasen de centrar o seu discurso en vilipendiar sistematicamente ás centrais que non comparte o seu modelo sindical e centrarse en gañar forza nun estado onde a cota de afiliación sindical xeral non chegaba, no 2011, ao quince por cento.

No presente da política parlamentar na Galiza, aínda quecendo no pote, non se pode entender sen un compoñente obsesivo que un partido cunha bagaxe, corpo social e estrutura interna seria (máis alá das simpatías de cada quen) gastase o seu tempo en pedir o non voto para outra opción, tal cal mozo/a despechada que quere quedar os amigos tras unha ruptura da que ambos tiveron a culpa. A disparidade de criterio sobre se esa parella podería/puido ser nalgún momento referente para alguén xa é ao gusto da consumidora.

Na forma o exemplo sería en positivo: a capacidade de empatizar cun pobo que na súa maioría é capaz de pórse de acordo para arranxar unha derrama na comunidade de veciños, obviando que non se fala co do andar de arriba.

Tendo moito ou pouco que ver con esta introdución sorprendeume unha entrevista a Carlos Taibo na que acusa a fenómenos “como Podemos, Guayem ou as Mareas” de “no ser nada nuevo”, de “cortoplacistas”, “abiertamente socialdemócratas” e insta a “los libertarios/as que forman parte de estes movementos a facer una profunda crítica”. Digo que me estrañou non polo que aporta, senón porque a omisión de certa da información fai que a rigorosidade das reflexións non se corresponda co nivel ao que se nos ten acostumados.

Sorprendeume unha entrevista a Carlos Taibo na que acusa a fenómenos “como Podemos, Guayem ou as Mareas” de “no ser nada nuevo”, de “cortoplacistas”, “abiertamente socialdemócratas”

Seriar fenómenos ou entidades políticas que non comparten membros, estatutos ou espazos a traballar pode resultar  de forma que todos parezan o mesmo pode semellar algo maniqueo. A dicotomía do hiperliderado que na práctica leva Podemos coa confluencia dende a base que na teoría levan as candidaturas municipais choca con esa amalgama de siglas. Que existan mínimos común como poden existir en calquera grupo organizado é obvio, mais relendo os estatutos da Plataforma que opera na cidade que teño máis próxima, Ourense en Común, queda bastante claro a autonomía de dita plataforma e independencia de calquera proxecto político de ámbito diferente ao municipal. Na teoría mediante estatutos e na praxe polo traballo feito ata o de agora.

Que estas “novas agrupacións cidadáns” non son nada novo é un feito, mais que as que existiron ata o de agora na Galiza foron testemuñais (Candidatura do Povo) ou unha careta nas que diluír organizacións consolidadas (Alternativa Canguesa de Esquerda) tampouco.  A sistematización de ese segundo exemplo podería ser unha crítica con carácter reprobatorio, mais paréceme un apriorismo bastante perigoso. O mesmo poderíamos dicir do curtopracismo: é probable que se de nun tanto por cento dos casos porque este tipo de dinámicas (nas que un obxectivo é controlar as institucións) se prestan para elo. Eu mesmo foi a resposta que din cando,  volvendo á  proximidade que é como se deberían tecer as relacións, me convidaron (como a todo o mundo) a participar dese movemento (cousa que non fago). No caso ao que me remito e vía web a realidade amosa  que  os termos feedback coa cidadanía (termo prescindible, o de cidadanía), comisións sectoriais, empoderamento da veciñanza ou recuperar o poder dos barrios son as que se len e non os referidos a aritmética electoral.

O que escribe non caeu dunha guindeira e é consciente de que por aí deambulan e deambularán na procura da súa coroación particular especímenes da máis desprezábel das raleas

O que escribe non caeu dunha guindeira e é consciente de que por aí deambulan e deambularán na procura da súa coroación particular especímenes da máis desprezábel das raleas: trepas, jetas e arribistas mesturados con representantes das organización máis xurásicas e centralizadoras: será en todo caso responsabilidade da participación colectiva que queden diluídos ou non. A responsabilidade colectiva tamén sería a que se encargue de dirimir se eses proxectos son “abertamente socialdemócratas” ou máis avanzados, pero non se debe esquecer que as formas do facelo están sendo do máis limpas e transparentes. A diferencia ponderada cos modelos dados previamente resulta escandalosa: asembleas abertas con poder vinculante, actas e cronogramas colgados na rede en tempo real, imposibilidade de estar en máis dunha comisión..., aspectos todos eles que nos achegan á democracia real é que posibilitan que as cousas sexan como a xente que as decide queren que sexan.

A política en xeral non se debe mirar só en termos de resultados senón de proceso, e algo que mellora substancialmente as dinámicas decisorias dunha entidade colectiva debería ser mirado cun sorriso

A política en xeral non se debe mirar só en termos de resultados senón de proceso, e algo que mellora substancialmente as dinámicas decisorias dunha entidade colectiva debería ser mirado cun sorriso por parte de quen está en contra de xerarquías ou se aliña dentro dos principios libertarios: do resultado xa haberá tempo a falar e por desgracia, e como de costume, Carlos Taibo terá razón nun nutrido grupo de Guayem e Mareas.

Claro que os libertarios/as que participan nestes procesos teñen que someterse a unha profunda e crítica reflexión, como se nos exixiu aos que nos reclamamos abertamente independentista

Claro que os libertarios/as que participan nestes procesos teñen que someterse a unha profunda e crítica reflexión, como se nos exixiu aos que nos reclamamos abertamente independentista. Terían que facelo tamén os que elixen o camiño da automarxinación sistemática de calquera acción que non ten como xénese un tanto por cento elevado dos seus principios. Contaba Vigostky que en Pedagoxía para que o coñecemento avance había que actuar na zona de desenvolvemento próximo, que é o espazo que comprende a zona de desenvolvemento real (o que conseguimos facer por nós mesmos/as) e a zona de desenvolvemento potencial (o que conseguimos coa axuda dun adulto ou compañeiro). Se  os obxectivos están na zona de desenvolvemento real non se consigue suscitar intereses e xérase inmobilismo: o avance non se produce. No antagónico, afastados da zona de desenvolvemento próximo, os obxectivos resulta inalcanzables por moitos intentos que se propoñan. A Pedagoxía como case sempre resulta imprescindible para entender e actuar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.