Dogmatismo ambiental

Efecto da seca CC-BY-SA Mario López

Din Feijóo e Abascal (xuntos, máis fortes) que o agro español “non pode soportar o dogmatismo ambiental do goberno de Sánchez”, a quen o líder do PP acusa de non amosar “un interese real polo campo”. El si se interesa e dá proba capitalizando as mobilizacións con visitas onde escenifica o seu apoio

Din Feijóo e Abascal (xuntos, máis fortes) que o agro español “non pode soportar o dogmatismo ambiental do goberno de Sánchez”, a quen o líder do PP acusa de non amosar “un interese real polo campo”. El si se interesa e dá proba capitalizando as mobilizacións con visitas onde escenifica o seu apoio. Que curioso que desde a oposición aplauda as manifestacións como xeito de expresión (véxase: decembro 23, Ferraz) o mesmo home que as tachaba de anti democráticas cando gobernaba e o interpelado era el. 

O dicionario da RAG informa de que un dogma é unha “Verdade incontestable de calquera doutrina, filosofía, sistema ou ciencia”. Sendo como é o cambio climático unha evidencia clamorosa, pregúntome onde atopan os dirixentes da dereita o matiz pexorativo no substantivo dogmatismo.

O negacionismo é o estandarte nas tractoradas destes días. A demanda de relaxar os controis ambientais e a de permitir o abuso da escasísima auga para que non se encarezan os prezos dos produtos de aquí —evitando así a conseguinte perda de competitividade fronte aos “de fóra”—, desvela un discurso curtopracista e miope máis propio de quen ocupan despachos urbanos ca de quen habitan a natureza. Sorprende que en áreas nas que a seca é xa abafante, como Cataluña ou Andalucía, as profesionais do campo esixan volver ao desbalde hídrico (por outra banda, agora xa materialmente imposible) como se dun dereito se tratase.

Tranquilízame que os sindicatos agrarios galegos se desmarquen dese negacionismo

Tranquilízame que os sindicatos agrarios galegos se desmarquen dese negacionismo. E tamén agrada o seu aceno intelixente de anunciar que presentarán as súas demandas logo dos comicios. Ben saben que así prevén calquera oportunidade de seren instrumentalizados na contenda da campaña. Se cadra, a proliferación de bandeiras españolas nos tractores no resto do estado ten algo que ver.

É sabido que as dereitas (a ultra e a “moderada”) levan décadas picando pedra no campo andaluz, estremeño, catalán, manchego... Alí onde o latifundio, o mono cultivo, o invernadoiro, as explotacións intensivas e as grandes granxas son o sistema, atoparon terra aboada para sementar o seu discurso da cegueira. Noutros territorios, os do minifundio, as explotacións familiares e as seis vacas de subsistencia, non deron co target que procuraban. Aquí o agro non foi rendible nin antes nin despois mais resiste, se cadra, xusto por iso.

A dereita e a ultradereita non están preocupadas polo campo. Non lles desacouga o máis mínimo o cambio climático ou as súas consecuencias. Non lles importa o benestar dos agricultores e as gandeiras de corte familiar, nin pretenden apoiar a innovación para que nos adaptemos ao que xa chegou. O único que lles desvela é ver se son quen de derrubar os gobernos de progreso

Mentres, Galicia despunta na innovación agrogandeira ecolóxica e/ou sostible. Sen apenas apoio institucional, cada vez son máis os proxectos nesta liña que abren camiños. Vallan como mostra iniciativas como Kalekói, Xanceda, Son de Lugo, Milhulloa, Pazo de Vilane, Trasdeza Natur e tantas máis que rogo perdoen a omisión, debida unicamente a razóns de síntese. 

A dereita e a ultradereita non están preocupadas polo campo. Non lles desacouga o máis mínimo o cambio climático ou as súas consecuencias. Non lles importa o benestar dos agricultores e as gandeiras de corte familiar, nin pretenden apoiar a innovación para que nos adaptemos ao que xa chegou. O único que lles desvela é ver se son quen de derrubar os gobernos de progreso e manterse no poder alí onde se lles vota, canalizando o descontento que nace da angustia e as disxuntivas ante as que os novos tempos nos sitúan. Porque, penso eu, en realidade a súa ignorancia é tan enorme que se cadra coidan que con non ollar para a evidencia esta deixará de existir. 

Teño boas novas para eles. Se os parámetros climáticos seguen mudando a esta velocidade, é moi probable que, cedo, onde antes tiñamos granxas de porcos ou vacas rematemos criando avestruces. Estarán comodísimas, entre iguais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.